Baixo un titular tan á maneira de Jane Austen quería fiar hoxe algunhas reflexións arredor da chegada ao vixesimo-sexto Inverno do meu Descontento.
Parece mentira que unha persoa aínda nova lle dé tantas voltas ao problema de envellecer. Non ha de ser inocente quizaves o influxo zodiacal: os Capricornio temos sona de Saturninos (é o noso planeta rexente; e as túnicas longas, reloxos de area, fouces e carros tirados por dragóns non son símbolos que animen precisamente á xovialidade e esperanza...).
Maiores culpas acugulan as miñas tendencias enfermizas cara a nostalxia e a autocompaixón. E nembargantes, as nosas virtudes e defectos soen ser as dúas caras da mesma moeda: a fronteira entre a nostalxia aguda e o amor paixonal polo coñecemento do pasado (persoal ou non) ven a ser, no fondo, difícil de trazar. Ámbalas dúas funcionan ben como fontes de inspiración (estou pensando en textos melancólico-críticos, como as excelentes novelas de Mervyn Peake e o castelo de Gormenghast).
A sensación de vivir sobre tempo prestado, e o cambio inminente e non desexado... Ou o recoñecemento de que xa é hora de resolver os flecos pendentes, e o temor paralizante...
A miña traxicómica vida sentimental, por exemplo. Hai coma un frío de pedra que nos vai invadindo polos pes, insensibilizándonos pouco a pouco. Se deixamos que a rixidez da cicuta se apodere dos nosos membros, acabamos cedendo ao Tempo e deixándonos apreixar na comodidade das nosas vidas de ámbar e as súas pequenas ledicias rutinarias.
Os soños...
Os soños, por exemplo. No meu caso, soen ser agradables e creativos, e máis pracenteiros que a vida-de-día. Son serios competidores dos libros, da música, das películas. E o seu consumo dá moitísimo menos traballo.
Misturando un pouco de todo: o outro día soñei coa miña primeira moza: unha rapaza encantadora, comunista, intelixente, do 'Arrabaldo do Norde', San Sebastián de los Reyes. Como en tódolos soños que se precen, o seu remate viña dado por un bico, co subseguinte espertar...
Mais abonda de lavar a colada. Para os curiosos da miña vida persoal, esta pequena dose de indiscreción terá que chegar por un tempo. Para os demais, paciencia con esta pequena auto-indulxencia...
E para Tania, onde queira que estexas, ti que nunca lerás estas liñas, os mellores desexos de felicidade.
E un bico.
12 comentários:
Que texto tan fermoso...
A verdade é que eu tamén teño unha certa tendencia a deleitarme no pasado...
Grazas polas confidencias!!
Grazas a ti, por compartilas tan fidelmente, laurindinha. As miñas e, por suposto, as túas na túa Casa de Obrigada Visita.
Deduzo que lle caeu un máis enriba recentemente. Fra Vernero, que vostede cumpra moitos máis e que os leve con dignidade. Polo demais, xa sabe o que dicía Villon (as neves de antano) ou o señor Manrique (cualquiera tiempo pasado...). O caso é poder contalo.
¿Está aínda na etapa "norte" de Zacharias ou xa chegou á "sur" de Vernero?
Vaites Fra Vernero, desta emocionàchesme de verdad. Unha aperta e os meus mellores desexos de felicidade...
Bicos e recorda o que dicia o poeta cando recordaba as alas da liberdade ou quizais aquel albatros que desprazaba para ben ou para mal de toda a desidia, toda cerdeira noutro lugar...
"agora sei o que ningun anxo sabe".
N.
A min leva fodéndome facer anos dende os 14, porque un colega me dixera que aos 15 morría, e como un meu tío morrera a esa idade, pois...
Agora vou nos 31 e sigo fodido, pero vostede sabe que o tempo non se estira ao longo, pero si ao ancho.
Eternos na profundidade.
Vivir e nunca sobrevivir.
Aperta
Ums...
agradecido a todos polos vosos amables comentarios.
Certamente, agardo non pasar por unha etapa Sul, nacional-catolicista e franciscana, coma o Zacarías, anque vendo hoxe no televexo pola mañá a Gianni Vattimo presumindo de comunista e cristián (parecía unha caricatura académica de Pasolini; iso sí, non falou nada dos gogós de discoteca que tanto lle apaixonan...), éntranme certos arrepíos. Un segue na liña kantiana, brumas bálticas e ámbar disol(u)to nunha copiña de augardante. E Razón con maiúsculas, claro.
Non sería unha mala idea, flor de lis, como case todas as túas... xD
Despois de todo, xa o dicía Homer Simpson nalgún capítulo medio esquencido: "¡Polo alcool, causa e á vez solución de tódolos nosos problemas!".
Nembargantes, temo que acaban saíndo a flote. Aínda así, tómoche a palabra no asunto de trasfegar unhas copiñas de hidromel...
Ah, malvado Zachary!!!
E' certo que Vattimo conheceu tempos mellores a nivel de claridade e lucidez. Non podo dicir nada salvo que cada vez que o vexo sair por ai dicindo sandeces regreso espantado o meu cuarto e abro por unha paxina o azar "Il fine della modernità" para convencerme de que non era un erro como xesto... e non o era a pesares de que persistas en acollerte a sagrado proclamando a Razon como fan certos patriarcas da cultura patria.
A cita era de Peter Weiss...
a fio dunha parte do correo de eue recordo que alguén dicia en "Prima della rivoluzione": aqui é onde remata a verdadeira vida e comeza a supervivencia.
Espero ainda un lugar habitable para que discutamos con calma sobre isto e sobre o que sobreven...
tamén son capricornio (e parabens, por certo!) polo que ben coñezo as tendencias enfermizas cara a nostalxia e a autocompaixón. Eu, como vivo na Arxentina, troquei o zodiaco polo psicólogo que é cousa semellante pero algo menos divertido. Apertas FraVernero!!!
Benvida á miña Torre favorita (e iso que non inclúe xelados escalonados en ziggurat...).
É xa tópica a vosa tradición psicoanalítica, anque de pasarme eu por aló, máis que de médico botaría man desa cousa que chaman 'dulce de leche' e que está riquísimo... xD
Que curioso... comparto con Torre de Babel iso de que o horóscopo é máis divertido que a psicanálise... quizais por que che fala da esperanza no futuro e non anda remexendo no pasado...
Enviar um comentário