terça-feira, janeiro 24, 2006

Orfeu en Compostela

Brevemente, aproveito este espazo virtual para facer saber a tódolos lectores e lectoras desta bitácora que o XOVES, 26 de Xaneiro terá lugar a presentación do poemario 'Orfeu en Soños', de Ramón Blanco Fernández, en Santiago de Compostela. O acto desenvolveráse na Galería Sargadelos a partir das 8 da tarde, e estará presentado por David Pérez Iglesias e Paulino Vázquez.

Se podedes, non deixedes de acudir.


"Esperta este Orfeu en soños de vedraia tumba de marbre, nun illote fronte ás costas de Tracia, erguendo a fonte limpa do seu canto e a súa profética sombra (Pantasma de dubidoso aspecto) dende as primeiras páxinas do libro. Mais non recalará a súa lira nas costas mediterráneas –homérico mar, escuro coma o viño–. Na súa singradura escorregan ronseis e hexámetros clásicos sobor das ondas, e os timoneis –de Ulises a Derek Walcott e Manuel Antonio– sucan por mares nunca de antes navegados. O obxetivo son as Illas Afortunadas, metáfora ou paráfrase incompleta da Arte e da Poesía Boa. Cada poema é arquipélago de seu; os versos, as imaxes corren en carreira desbocada, iluminan uns instres antes de apagarse –como chama– e seren sobrepasadas na carreira. Recalada nunha illa: rubimos entre o recendo de rústicas flores a tortuosa xeografía da sintaxe".

5 comentários:

FraVernero disse...

Pena que non te podas pasar, ou. Nembargantes, seguro que nos acompañas no sentimento (nada funerario), e se chegas ao libro, seguro que o disfrutas. Un saúdo.

Anónimo disse...

Envio unha aperta emocionada para a presentacion do libro de Ramon: non estaremos e sen embargo estaremos.

(Penso que teria sido unha noite memorable e, por outra banda, alegrome de continuar presente nos teus sonhos, mon amour.)

eue disse...

O traballo impídemo, pero heime facer co libro, que xa o vin recomendado unha chispa de veces no blogmillo.

Anónimo disse...

Poi vou ter que facerme co libro de marras, aínda que só sexa por ver se Fra Vernero e máis eu compartimos algo máis que estes diálogos virtuais de besugos/ollomoles.

E xa que estou aquí, pola cara, como noutras ocasións, aproveito para mandar un par de saúdos (típical cutre tv.): a Sir Gawin, que me adicou nun destes posts de Fra Vernero unha canción, e a Flor de Lis, a quen lle entro sempre no blog e a quen felicito polo mesmo (os sen blog que blogueamos temos estas cousas).

Merci, Fra Vernero, débolle unha.

FraVernero disse...

Buff... detesto os cibers. Estar sen conexión á rede é unha tremenda fonte de incordios, podédesme crer. Os computadores destes tugurios (e os da aula de informática) son antediluviáns, cargan mal, ata é traballoso escribir...
(abonda de lamentacións)
Unha breve crónica do acontecido na presentación: todo un éxito. A galería Sargadelos agrupou arredor dunha cincuentena de persoas, incluíndo algunhas caras coñecidas (as poetas María do Cebreiro, Olalla Cociña, Lara Araúxo; os profesores Anxo Tarrío, Blanca Ana Roig e Inma López Silva), xunto ás dos amigos e interesados.
A presentación, impecábel. Varias referencias a Adorno e a Derrida, xunta con sisudas e cómicas reflexións sobor dos poemas do 'Orfeu', as súas fontes e as tendencias da literatura galega. David e Paulino estiveron soberbios e un chisco aduladores, como sempe compre neste tipo de circumstancias.
O autor, nerviosísimo, posmoderno (iso digámolo polo fragmentarismo e descentramento), detallista. Só botamos en falla, quizaves, máis recitado de poemas.
Tampouco faltou unha referencia cariñosa cara os ausentes bologneses.
Calquera dúbida a maiores que teñades, será un pracer respostárvola aquí. Vós preguntade...