domingo, março 19, 2006

Im Grau

"No Grís é o punto e final do meu periodo dramático"
(Kandinsky en 1936 a Hilla von Rebay, pintora e coleccionista)


'No Grís' é un dos escasos traballos da época rusa de Kandinsky. Unha breve consulta ao volume de Taschen danos a súa data (1919) e algúns detalles: complexa composición sen dirección clara, 'óleo en xeroglíficos abstractos que xiran e flotan nun fondo gris indefiníbel (...). A pintura da época moscovita parace máis sobria e fría grazas a grandes superficies abstractas de cores'. A súa obra futura, moi influída polos suprematistas e os compañeiros da Bauhaus xermana, seguirá un camiño máis 'visual abstracto-xeométrico'.
Anque deteste o biografismo simplón, é posíbel empregar este cadro fascinante e lixeiramente deprimente como metáfora da insatisfacción do pintor no país dos Soviets. Director do Instituto para a Cultura Artística, Kandinsky tópase co rexeitamento das súas posicións entre os vangardistas, que as consideran 'subxetivas e irracionais'. Eses mesmos que o critican, nembargantes, contarán co dubidoso honor de compartir con cadros seus unha futura exposición na Galería Tretiákov de Moscova, en 1937: contra unha parede, os cadros 'Nublado', de Kandinsky; a 'Composición núm. LXIV', de Rodchenko; 'Suprematismo dinámico' e 'Cadrado negro sobre fondo branco', de Malévich. En tiras de papel, a frase: "A arte da burguesía, no calexón sen saída do formalismo e a autonegación".
Agora o biografismo barateiro é cando se estende a min mesmo, pois hoxe teño un deses domingos preguizosos e estériles, no que as ideas escapan e o gris tórnase nota dominante -tan dominante como para empregar o cadro de Kandinsky como excusa para unha entrada-.
Estou enpantanado co Mark Twain e o seu 'Huckleberry Finn', que non dou rematado. Estame a resultar unha novela aburrida (case un oxímoron), e cústame crer que haxa persoas que a inclúan entre as obras que loitan polo mítico, griálico título da 'gran novela americana' (NOTA: se alguén quere discutirme as súas virtudes, agradézolle os argumentos de antemán, anque son escéptico). Tamén me pesa a mala conciencia e a necesidade de atacar con rigor os temarios das Oposicións para acceder ao mandarinato inferior...
No inmediato, estou a debatir internamente se me resisto aos cantos de serea do Heroes of Might and Magic IV ou dou comezo ás miñas programadas 'sesións de opera' dominicais: escoitar os cedés no computador ao tempo que os sigo cuns librettos en rede.
Mentres me decido, podedes ir botándolle un ollo a isto, que xa me mandaron o outro día: os comparatas atacan de novo. O último exemplar da Revista das Letras está adicado aos novos poetas de filoloxía, e non podían faltar os meus queridos bologneses...

11 comentários:

SurOeste disse...

Ás veces, estimado Fra, non queda máis remedio que illarse, cuadricularse e meterse no tema. Se estás preparando unhas opos non o dubides: a morte e totalmente convencido, nada de ir ver como son (non hai nada que ver).

Laurindinha disse...

A min tamén me fastidia moito cando me poño a ler un clasicazo da literatura e resulta que para min non é un tal clasicazo... Á decepción únese o aburrimento e esa manía miña de non deixar un libro sen rematar...
O das opos, idem. Coa salvedade de que eu inda teño que rematar (ou máis ben facer) o traballo do doutoramento e facer os meus traballiños de bolseira.... Un agobio!
Xa botarei un ollo á Revista das Letras con máis vagar... aínda que para min algúns xa son vellos coñecidos... á parte de bos poetas.

Sir Gawain disse...

SOMOS O QUE SOMOS. XA SE DIXO O QUE HABIA QUE DICIR DE KANDINSKI... MODERNISMO OU BARBARIE. O CARNET DE BAILE DA MULLER DE KANDINSKI E' A CONTRACLAU...

bicos,

N.

javier patino loira disse...

Equivòcaste querido, eu honrosamente falto jajaja
Heroes of Might and Magic? Recordo ainda coa primeira parte, unha das obsesiòns dun tempo da minha vida...

musgallo disse...

Tiven que pedir o teu enderezo, zángano!

FraVernero disse...

?
¿Como dis, musgallo? ¿Que non tes o meu enderezo de correo, ou que llo tiveches que pedir a outra persoa?

En todo caso, filóloga, tiñas que alcumarme mellor de 'abázcaro'...
xD

musgallo disse...

Síntome tremendamente vacilable estes días.

FraVernero disse...

vacilábel ou vaciladora?
xD
O segundo ten máis que ver co teu xeito-de-ser-no-mundo, por poñernos heideggerianos.
Será o exceso de traballo, muller.
Eu, como de costume, síntome lixeiamente aburrido, e incómodamente solteiro -malia as bromas, chistes e comentarios jocosos aos que dá lugar, é un estado pouco agradecido en periodos longos.

Elric disse...

Da vella URSS ao Heroes of Might and Magic!

Seguirei máis este blog, prometido. E aínda máis desde que teño unha ligazón.

Por certo, lembro a resaca de San Xoán, con 17 anos, xogando a á versión 3 deste xogo (un dos poucos xogos de PC para 2 xogadores) na casa dun colega á beira da praia, en Panxón.

Era o bo de non ligar na adolescencia...

musgallo disse...

Sempre tan racional e vés agora con isto. A solteiría é o estado máis agradecido en períodos longos. Pero non te poñas melancólico, home. Como te sigas empeñando no asunto xa verás como has de dar con quen che faga botar de menos as noites nas que durmías só. Coidadiño co sexo feminino que é malo, maliño de aturar...

FraVernero disse...

Psss...
Temo estar pasando por iso que o noso colega, o capitán, chama 'a crise dos 11 meses', segundo a cal despois dese periodo de ruptura é cando de súpeto sufres máis.
A verdade, habitualmente son un témpano racional de xeo en tódolos temas, excepción feita do sexo e as mulleres. E por estes días cústame horrores non despiezalas coa mirada...
Cilicio e Duchas frías, que xa dicía o Santo Ignacio...
Dacordo en que sodes malísimas de aturar (máis un home independente, ultrarracional e librocentrista coma min), pero concedes contraprestacións ageadábeis...
Aleda verche por aquí, Albino Prince of Ruins. A verdade, nunca xoguei ao 'Heroes' entre varios (teño que falar cos amigos e probar as versións pola rede).
Un saúdo!