sábado, abril 22, 2006

A Tenda de Lámpadas de Erich

É ben sabido que tódolos rexímenes políticos -e especialmente os novos- gustan de marcar física e emocionalmente os lugares que gobernan. E unha das formas máis tanxibles de facelo é a construcción de edificios e monumentos; os espectros e a metonimia atopan rápido acubillo nos tobos -novos e vellos- de pedra, cristal, madeira e aceiro.
Os comunistas da vella Alemaña Oriental non quixeron ser menos, e teceron unha peculiar topografía sobre as ruinas da capital irreal.
Unha das edificacións máis simbólicas foi o Palast der Republik, un edificio horrendo na peor liña do realismo socialista que edificaron nos anos 70 no centro mesmo do antergo Berlín. O seu solar fora anteriormente a sé do Pazo Real, seriamente danado na Segunda Guerra Mundial e derruído nos anos 50 -era símbolo pouco grato de Imperialismo Prusián para os líderes do SED. O único que se conservou do Pazo (alén das fotos e dos planos) foi un balcón, reubicado no sul da praza, e dende o cal o meu admirado Karl Liebknecht proclamara, anos atrás, a República Socialista Libre que nunca chegara a nacer, aló por 1918.
Voltando ao Palast, é un edificio xeométrico de grandes cristaleiras bronceadas. O seu hall de entrada estaba decorado con mil e unha lámpadas, o que deu lugar a un dos motes populares da casa: a Tenda de Lámpadas de Erich (de Erich Honecker,o todopoderoso Secretario Xeral e gobernante da República durante moitos anos).



Trala reunificación alemana, en 1990, descubriuse moi oportunamente que o edificio estaba contaminado con absestos. O parlamento alemán, na súa liña de aniquilación dos símbolos do anterior réxime, ordeou a súa demolición e a reconstrucción no solar do Pazo destruído -un proxecto faraónico que, calculando polo baixísimo, necesita 400 millóns de euros que aínda non se reuniron.
O esquelete desmoronado fica aínda; varios movementos culturais organizaron actos nel. Mais nada tan apropiado como a exibición dun exército de espectros: os dos guerreiros de terracota que na primavera do 2004 atoparon refuxio temporal nos seus muros.
Se queredes ver algo máis do edificio que xa non é, ou informarmos algo máis, poderedes topalo aquí e mais aquí.
E quizaves, ao final, vos pase como a min, e lle topedes un particular e difuso encanto a este fragmento do pasado que se esvaece no ar...

9 comentários:

musgallo disse...

Esperaba verte cun caravel na solapa, revolucionario de pacotilla!

Javier Patino Loira disse...

Lembro a minha interrogaciòn ante aquel macizo acristalado que parecìa comesto dalgùn verme demasiado insistente... Pero o da reconstrucciòn do palacio è digno de Paco Vazquez...

moving into the universe... disse...

... ou Sir Gawain in attesa...

Ah, Zacharias, a nostalxia xoga malas pasadas. Preferirias quizais que o edificio acabase sendo un museo do kitsch socialista?

Eu o vira en fotos e era feo de carallo.

A arte imperialista ten ainda o seu toque. Ademais, que arte non é politicamente perversa (e falo coa linguaxe que ti empregarias mais ou menos)?

FraVernero disse...

Aaaa, malvado e contrarrevolucionario Sir Gawain...
Supoño entón que estás a favor desa posmodernísima reconstrucción de kitsch 'prusianista' na (xa non chamada) Karl-Marx Platz...
O pasado da RDA tampouco foi tan malo (deus, qué rancio sono hoxe), mais en todo caso, a remodelación da praza debería facer algo máis barato e de mellor gusto (a catedral wilhelmina que hai perto é tamén unha apoteose do mal gusto), e quizaves asaltar con menos vigor a absoluta destrucción dos símbolos do pasado comunista.
Anque seguramente, Baudrillard prefira un Mac Donalds con xigantescos neóns fosforitos no sitio da Berliner Ensemble -quizaves un guiño á cultura local cun tapiz de salchichas e xerras de cervexa, metáfora incompleta do abandono de grandas narrativas arquitectónicas (pero non é a Bauhaus un estilo nidiamente alemán, acaso?).
Alén, o señor de La Loyre está comigo. Xa te vingarás o sábado...
Musgallo, a verdade é que esquecín visitar á morralla habitual de progres baratos a emborrocharse no conglomerado Avante-Tarasca o 25 de Abril. Alén, non me gustan os caraveis (nen as revolucións sen mortos).

FraVernero disse...

POST SCRIPTUM:

Por certo, eu tamén son feo de carallo, alén de poder servir como museo viviente de Kitsch Socialista, e non creo que defendas a miña demolición...

Baci.

M.

Sir Gawain disse...

Por alusions,

1. Non entro na bondade do pasado e a RDA. Tales cuestions do gusto para min son arcanos/bizantinos.

2. O que dis de Baudrillard ten a sua gracia. Non serei eu quen defenda o filosofo/fotografo, que xa ten os seus defensores na patria.

3. Que quere dicir que a Bahaus é un estilo "nidiamente" aleman?

4. Eu concordo con patino, coma ti. A sua referencia o exalcalde da cidade patria de personaxes tan dispares como Maria Pita e Noel Blanco Mourelle é moi aguda, ainda que tamén conserva un punto etnocéntrico e meridional como sempre el é.

5. A ti non che poderia demoler. Ademais antes me porias ti ante o peloton de fusilamento. (Nin tan feo, non me sexas victima.)

6. Agardo con impaciencia.

Bicos,

N.

FraVernero disse...

Ben, querido, deberías saber que a autocompaixón enfermiza é un dos meus defectos principais (anque os meus detractores farían unha lista algo máis longa e precisa).
Sabes que non che fusilaría, home. Igual que a Baudrillard (polo que non podo evitar certo aprezo), aplicaría aquilo que dixera Khrushchev dixo que fixo cos intelectuais aos que criticou: "nembargantes, encargueime de que non vos tocasen un só pelo".
(risas varias)
Co da Bauhaus quería apuntar que aquel 'bolchevismo cultural' (tal dicían os nazis), malia constituir parte do modernismo 'clásico' en arquitectura e expandirse logo a Chicago e ao Mundo (New Bauhaus)é hoxe, quizais paradoxalmente, parte integrante da tradición arquitectónica nacional alemá, alomenos en tanta ou maior medida que os edificios medievalizantes vistos a voo de paxaro no 'Triunfo da Vontade' ou a berlinesa arquitectura neoclásica da que tanto gustaba tamén o cabo austríaco e pintor de brocha gorda niso demostrando (xunto con aquel 'xeorxiano, fillo dun humilde zapateiro' que din os de antorcha.org) o pésimo, simplón e pequenoburgués gusto estético dos grandes tiranos...

FraVernero disse...

Outro rescripto da súa Alteza Imperial...
Moi perto dos espazos mencionados érguese aínda a Universidade Von Humbolt, onde estudaron -e ensinaron- Hegel, Marx, Engels... Vello baluarte, unha das imaxes máis entrañables que gardo de Berlín é o seu hall, onde en xigantescas letras douradas aínda se pode ler, enriba das escaleiras, certa das teses sobre Feuerbach que tanto temos discutido: 'ate o de agora, os filósofos adicáronse a interpretar o mundo; o caso é, nembargantes, cambialo".
Postos a reconstruir, sería de moito maior gusto estético e político o monumento que Mies van der Rohe labourou, en 1926, como homenaxe de Rosa Luxemburg e Karl Liebknecht -non demasiado vilipendiandos nen sequera na actual orxía capitalista. Aquí tedes unha foto xigante da obra:
http://www.cisapalladio.org/cisa
/mostre/grandi/terragni15.jpg

Emiliano disse...

Está demodé xogar a revolucionario epatante e resulta ridículo. O mesmo que querer ser San Pedro, señor.