Ése é en efecto Alemaña, como a miña estadía e un capítulo dos Simpsons puideron demostrar. E non só chocolate: calquer tipo de larpeirada estaba dispoñíbel por estos días nas prazas de recendo medieval, tixolo vello, de Kiel. Curiosos tenderetiños de madeira vendían champiñóns salteados, pretzels con beicon e queixo, cámemberts rebozados, biscoitos navideños de Dresde, viño quente con especias de forte hálito shakespearián, corazóns de chocolate e galleta... Nada menos que o banquete de Lúculo ou as bodas de Camacho para un larpeiro coma mín...
Mais non pensedes que as causas da miña estadía eran gastronómicas. O profesor Abuín tivo a ben convidarnos a Noel Blanco e a mín mesmo a asistir, con algúns outros galegos, vascos, estonios e franceses a un seminario internacional sobre Literatura e Cidade. Organizaba o Profesor Javier Gómez-Montero, catedrático de Línguas Románicas na Universidade Christian-Albrechts de Kiel.
Foron dúas semanas intensas que produciron unha fecunda colleita de ponencias, discusións e contactos... O percorrido polos lugares (e non-lugares) da literatura podedes contemplalo sumariamente no programa de actos.
O anecdotario é amplo, polo que iremos aos poucos. Polo momento só cronicaremos un acto á marxe do programa: o recital-xusta poética que tivo lugar o penúltimo día na Literaturhaus da cidade. Recitaba Juri Talvet, e competían varios poetas alemáns co simpatiquísimo granadino Juan Andrés García Román (libro en Hiperión) e o noso Noel Blanco Mourelle. Nunca vira un recital tan ateigado de xente...
E aconteceu o que tiña que pasar. O noso poeta, laborioso encetador de mecánicas celestes, foi coroado de loureiros, cal novo Petrarca. O profesor Victor Ferretti facía de papa Piccolomini, e todos brindamos metafóricamente con champán (xa que a non metafórica botella que se lle agasallou ao gañador fica aínda sen abrir).
Por iso, e polas festas inminentes de Nadal, Fra Vernero alza de novo a copa. E añora as dúas semanas no país do Chocolate...
4 comentários:
Que sorte ti e Noel polo país do chocolate..! Eses seminarios deberon de ser moi interesantes...!
Alédome pola coroación do poeta das mecánicas celestes!
Vaia, vaia...e é que en cuestión de poesía algúns ben poden presumir. O da reserva da botella paréceme un coitus interrruptus. Dillo a N. da miña parte.
Para os interesados (e xa que non os puxen ao principio porque non lembraba os tedescos nomes...), os alemáns que recitaron co noso Noel foron Daniela Zietemann e Ludger Damm. Os lectores en alemán xa teñen algo que ir anotando...
Si, señor, a verdade é que foi unha bonita noite e a felicidade, como á melancólica Pentesilea de Kleist, compráceme... aínda que tampouco hai que darlle importancia... atención porque o amigo e sabio profesor xermano-arxentino Víctor Ferretti é un grande performer e recitoume/nos impecabilisimamente...
Máis ben podedes preguntarlle a Fra Vernero polas súas andanzas en bicicleta por Tübingen...
Espero que o mantenedor nos deixe colgar en breve algunhas das versións dos poemas de Ludger e Daniela que preparamos Juan Andrés e máis eu. Trátase de textos fermosos, inspirados e diversos a máis non poder.
Bicos
Enviar um comentário