domingo, dezembro 31, 2006

Línguas Minorizadas de Europa - Baixoalemán

Unha das escasas sorpresas desagradábeis que me deparou a miña recente estadía en Alemaña foi a de comprobar a escasa (case nula) sensibilidade que a Europa comunitaria ten cara as línguas minorizadas, e máis sinaladamente, cara as súas propias falas territoriais. No caso do norde de Alemaña falamos do Baixoalemán (Plattdeutsch). Os presuntos nativos amosaban unha certa indiferencia no caso do coñecemento, e os alemáns chegados doutras partes, unha case total falla de interese.

Fai uns anos saía en Galiza un libriño moi interesante de Xosé Henrique Costas: "Guía das línguas de Europa". O autor prometía unha segunda parte adicada á babel lingüística que é a Federación Rusa, mais aínda estamos agardando. Sobre o Baixoalemán dicía o seguinte:

O baixoalemán ou baixosaxón é unha variedade alemá falada por case 2.000.000 de persoas (65%) nas provincias holandesas de Groningen, Drenthe e Overijssel, en parte da de Gelderlande e nun concello de Frisia. Fálano tamén un alto número de habitantes da Baixa Saxonia e do Mecklemburgo alemáns, quizabes 3.000.000 máis.
En Alemaña recoñeceuse recentemente como língua rexional e empezouse a introducir o seu estudo optativo nas escolas da Baixa Saxonia, pero a nula conciencia dos seus falantes, crentes de que é unha variante rexional alemá, propicia que se perpetúe a diglosia complementaria entre a língua coloquial (baixosaxón) e a língua oficial (alemán), co conseguinte esmorecemento da língua "coloquial" entre as poboacións novas.
En Holanda o baixoalemán só ten algún recoñecemento teórico por parte dalgúns gobernos provinciais. A súa proximidade estructural e a súa doada intercompresión co holandés fai que o seu uso non presente problemas de uso oral na administración, na xustiza, no mundo escolar, etc, se ben os usos escritos e "oficiais" son escasos. No anaco de Frisia onde se fala a variedade baixosaxona denominada "stellingwerf" esta ensínase nas escolas.

3 comentários:

Arale Norimaki disse...

Concordo contigo, eu recibía miradas de desconcerto cando explicaba que o galego se ensinaba nas escolas e que a Administración autonómica tiña que empregalo nos seus documentos. Non o entendían.
O máis curioso aconteceume despois en Austria, unha auténtica babel de "Dialekts" que pouco teñen que ver co Hochdeutsch, os alemáns do norte tiñan as mesmas dificultades ca min para comprender as cartas dos restaurantes ou algunhas seccións do supermercado. O paradóxico é que aínda que o Österreichisch (ou ost-oberdeutsch, ou Bayerisch según con quen fales) pouco ten que ver co alemán, e son uns 8 millóns de falantes, non deixan de consideralo un dialecto.
E iso sen entrar nas variantes internas e o divertido que podía resultar un encontro entre un falante de Tirolerisch e un de Voralbergisch (máis cercano ao acento suízo) no que logo de moitos intentos frustados de comunicación se puñan a falar alemán normativo para beneficio da que escrebe estas liñas ;)

Boa entrada no 2007!!

Anónimo disse...

Botádelle unha ollada á miña web, onde falo do baixoalemán e tedes un mapa lingüístico europeo feito na casa xeitosiño.

http://www.cousas.tk Sección de Linguas de Europa.

Bicos e apertas.

Moncho Pais

Anónimo disse...

"a nula conciencia dos seus falantes, crentes de que é unha variante rexional alemá, propicia que se perpetúe a diglosia complementaria entre a língua coloquial (baixosaxón) e a língua oficial (alemán), co conseguinte esmorecemento da língua "coloquial" entre as poboacións novas".

Tal vez non sexa o mellor exemplo, tendo en conta que á vista dos datos debemos consideralos linguas distintas, pero o treito que reproduzo, espero que co permiso de Fra, recórdame á situación galega, no referente á diglosia interna (da que case ninguén fala) entre o galego oral "culto" (estándar puro) e a expresión oral das diferentes variedades dialectais (nomeadamente aquelas onde se constata a presenza da gheada e do seseo). Eu, licenciado en filoloxía galega, hai anos que non son diglósico galego-castelán (ou galego-español), pero tamén hai anos que, por moito que tento evitalo, son diglósico
galego-ghal(l)egho (por favor, obviade os comentarios sobre o "l" no paréntese, porque se alguén que di que non somos "ghallegos", direille que tampouco somos "ghaleghos"; como vedes, talvez sexa un problema de identidade).
Non quero entrar moito nestes debates, que son a cousa que máis me aburre no mundo, pero recordo que Vitor, un amigo, se queixaba de que neste puto país (ou o que sexa) había un estúpido pacto tácito entre a elite cultural (?) para abolir os estratos lingüísticos, e tender cara á imposición dun rexistro culto do galego estándar en todos os ámbitos comunicativos (resístome a pensar que o absurdo chegue a ser tamén sinfásico). Desculpade en todo caso se son pedante en exceso, ou se o que escribo é caótico, ou se alguén detecta defectos de forma na terminoloxía que refiro. Dada a miña inseguridade no referente aos temas lingüísticos (eu non me avergonzo de recoñecelo),non sería estraño que todo o dito sexa unha parvada.

Ramón