Nunha das interminables conversacións que teño cun dos meus amigos poetas, éste veume a facer unha especie de autopoética na que me expresaba a importancia que tiñan os espazos nos seus versos. Un espazos que son testemuña pasiva e memoria oculta dos sucesos que tiveron lugar a carón deles, sucesos que a súa poesía pretende ás veces evocar.
Tamén tiña unha proxecto ('Aldeia-Almofada') de fotos e poemas que non chegou a realizar, pero tempo ao tempo... .
Un espazo de Compostela bastante anodino máis cheo de significados para mín é un portal que hai indo por Galeras, algo antes de chegar ao Hospital Vello. Nun venres de Inverno e Chuvia acubilleime nel mentres arrastraba a maleta cara a Facultade e, despois, Estación de Autobuses. Por esas datas, estaba totalmente enganchado a un pequeno libriño do historiador alemán Joachim Fest sobre os derradeiros días de Hitler (un historiador moi ameno de ler, anque me resultara particularme ingrato ideolóxicamente; era dos que estaban con Ernst Nolte e contra Habermas e Wehler na famosa Historikerstreit, a disputa continuada nos xornais entre historiadores alemáns sobre o tratamento do Holocausto e as relacións entre a Alemaña Nazi e a Rusia Soviética). Pouco despois saía nos cines unha película baseada no libro: Der Untergang, de Oliver Hirschbiegel (máis coñecido nestes lares pola teleserie 'Rex, un policía diferente')
Baixo o portal, coa chuvia constante de cortina de fondo, continuei ávidamente coa lectura, tan divertida e inevitábel que parecía unha febre que me amarrase ao seu duro banco. Diante dos meus ollos desnovelábanse as últimas batallas do Terceiro Reich nas colinas enlamadas de Seelow, e o espectáculo -entre o cabaret e a ópera paródica de patacón- da atmósfera de irrealidade do Führerbunker e da cidade asediada. Imaxes que despois me servirían para un texto...
E o espazo lémbrase, e lémbrame. Os dous nos lemos mutuamente cando pasamos o un diante do outro, cadaquén carregado de significacións para o outro...
2 comentários:
Coido que todos atesouramos un bó feixe de espazos significativos ben por lembranzas concretas ben polas sensacións que pode chegar a inspirar un lugar. A mágoa e cando desaparecen ou son transformados e a imaxe-sensación que tiñamos na memoria comeza a esvaecerse con cada rebozado de cemento, ou con cada derrubamento, ou con cada capa de pintura...
Unha aperta :)
Para os malintencionados (que os hai...), o poeta e amigo anónimo que aparece citado no texto é Manuel Lôpez Rodrígues, íntimo amigo, co-loitador no 'Colectivo Sacou' e unha futura voz importante das nosas letras do que agardo -en data non moi lonxana- poder publicitar a saída do seu primeiro libro publicado...
Enviar um comentário