sexta-feira, fevereiro 16, 2007

L' inutile beauté

As mulleres de singular beleza están condeadas á infelicidade. Incluso aquelas ás que as circumstancias benefician, as favorecidas por nascencia, riqueza ou talento parecen perseguidas ou posuídas por un impulso de destrucción delas mesmas e de tódalas relacións humanas nas que entran. Un oráculo sitúaas perante unha alternativa de fatalidades. Ou ben empregan a beleza para conseguí-lo éxito, e entón pagan coa infelicidade esa condición, porque, ao non poderen amar, envelenan o amor cara elas e fican coas mans baleiras; ou ben o privilexio da beleza dalles ánimo e a seguridade para asumi-lo intercambio, toman en serio a felicidade que se prometen e non escatiman nada de sí mesmas, confirmadas pola inclinación que todos senten cara elas, no senso de que o seu valor non deben somentes amosalo. Na súa xuventude poden escoller. Pero iso fainas volúbeis; nada é definitivo, todo pode en calquer momento substituírse por outra cousa. Moi cedo, e sen consideralo moito, casan e sométense así a condicións pedestres, despóxanse en certo senso do privilexio das posibilidades infinitas, redúcense a seres humanos. Pero ao mesmo tempo aférranse ao soño infantil do poder sen límites que a súa vida parecía prometerlles, e non deixa de desprezar -anque non á maneira burguesa- o que mañán puidera ser mellor. Tal é o seu tipo de carácter destructivo. Precisamente o feito de que unha vez foran hors de concours sitúaas nun segundo plano da competencia, á que agora se entregan maníacamente. Aínda lles fica o xesto da irresistíbel cando os motivos xa esvaeceron; o encanto afúndese cando, no canto de representar unha esperanza, aséntase no doméstico. Pero a víctima é agora a resistíbel: fica sometida á orde sobor do que antes tan só esvaraba. A súa xenerosidade sofre o seu castigo. Tanto a perdida como a obsesionada son mártires da felicidade. A beleza integrada converteuse co tempo en elemento calculábel da existenza, en mero sucedáneo da vida inexistente sen que rebase mínimanente esa nulidade. Rachou, para sí mesma e para os demais, a súa promesa de felicidade. Pero a que aínda manten rodéase dunha aura de desventura, e é ela mesma capturada pola desventura. Aquí o mundo ilustrado absorbeu por completo ao mito. Só a envexa dos deuses sobreviviu.

16 comentários:

A Raíña Vermella disse...

A extraordinaria beleza pode ser un don envelenado, tes razón. Faiche crer que todo o mundo existe para complacerte, e a realidade amósache que estás no certo. Pero eu faríao extensivo tamén aos homes. Non había algo autodestructivo en Marlon Brando, en James Dean? Á marxe do seu innegable talento, estou segura de que nas súas vidas moitas portas se lle abriron pola súa beleza. No caso concreto de Brando, eu creo que caeu nunha dinámica autodestructiva cara ao seu físico concretamente. Felices @s que nacemos dotad@s dunha "discreta beleza" (que nunca saberei se é un afago ou un insulto eufemístico).

Arale Norimaki disse...

No relativo ás mulleres, unha excesiva beleza tamén pode ás veces ser perxudicial na promoción profesional cando son tarefas vencelladas á producción intelectual ou académica, posto que aínda anda moi vixente o tópico de "fermosa ergo parva". Porén, non creo que estean abocadas a unha inevitable infelicidade, ou ao menos non máis do que unha rapaza 'pouco agraciada' (perdón polo eufemismo). Se cadra as mulleres de peculiar beleza precisarán de maior enteireza persoal para afrontar os paradoxos da súa condición, mais ao final o que prácticamente ninguén dubida é que é o cultivo de outra caste de beleza á que dá maiores doses de satisfacción.

torredebabel disse...

Vivimos nunha sociedade (cando menos a occidental e só se fora válida a xeneralización) que limita ao extremo o concepto da beleza: reducido á armonía clásica no corpo, non hai espacio para outros elementos que certamente fan á beleza. Por sorte, sempre quedarán mulleres e homes fermosos de caras sen armonía ningunha e corpos pouco seductores.

jan disse...

A beleza non é unha virtude, é un don. Quen o toma como virtude, e fica por e para ela, sen dúbida será desgraciado cando a beleza falte.

A ninguén lle amarga un doce, iso está claro, e moitas veces, aínda que sexa superficial nos gustaría ser fisicamente como... mais que queda ao final? Eu penso que é iso o que hai que plantexarse...

FraVernero disse...

Deus! Canta resposta! Todas moi sisudas e bastante libres, amais... Toca logo pasar de Adorno a algunhas notas desafinadas do Mantedor...

Un dos elementos máis seductores (para min) do fragmento citado é o característico 'estilo Adorno', invertindo negativa e pesimistamente (xa sabemos aquelo da súa residencia no 'Gran Hotel Abismo', que dicía o Lukacz) a ecuación clásica Verdade=Beleza de Platón e Keats.
Un é un materialista vulgar (a sociedade de consumo influirá tamén niso), e tende a pensar que, anque tódolos bens humanos son efímeros e insatisfactorios, anque os únicos que temos (o Budismo aí amósase como a máis sabia das relixións), non deixamos por iso de buscalos. A beleza non trae a felicidade, é efímera. Mais hai algo humano que non se rixa por esas dúas características? Todo o máis chegamos a pequenos praceres que abren a porta a novas insatisfaccións...
Comparto, Raíña, a idea de que a beleza, malia ser un ben e un disfrute, trae aparellados certos perigos (canto á discreta beleza, sospeito que é ao mesmo tempo afago e insulto eufemístico). Canto á beleza como obxeto de envexa e censura que apunta Arale coas fermosas triunfadoras, acepto que ten algo de razón, anque o que máis se censura en moitas mulleres fermosas que traballan no académico-artístico non é tanto a beleza en sí senón o primeiro tema adorniano: o emprego desa beleza para conseguir cousas e ascensión á marxe da restante valía.
Tamén me permito, aproveitando a confianza, rachar unha lanza a favor dun concepto restrinxido de beleza, sen que iso contradiga á Torre Babélica ou a Arale. 'Beleza interior' sempre me pareceu oximorónico (as tripas son moi feas); outra cousa é que á marxe da belezahaxa outras cousas (algo máis duradeiras, anque tampouco tanto) que inflúen tanto ou máis no que nos gusten as persoas. Virtudes, máis que belezas, como a Intelixencia, a Extroversión, a Compatibilidade...
Máis qué queda ao final, pregunta Jan. Volvendo a Adorno -e pechando o círculo pesimista-, fica a Nada, anque hai, certamente, distintos xeitos e ritmos de descender cara o Abismo...

A Raíña Vermella disse...

Encántanme estes debates filosóficos:) Estou dacordo en que a beleza por si mesma non vale demasiado, e en que é efémera, pero tampouco vou ser eu quen diga que non importa en absoluto. A todos nos entran as persoas polos ollos, en maior ou menor grao, e quen diga que non engánase a si mesmo. Gústame moito o que di Jan sobre que a beleza é un don e non unha virtude, e así hai que tomala, pero hai que recoñecer que é un don, algo positivo. Unha aperta a todos.

Arale Norimaki disse...

Que interesante :)
Concordo en que o termo "beleza interior" é odioso, mais non atopaba un xeito satisfactorio para me referir á "beleza" das personalidades, o que fai que unha persoa resulte enormemente atractiva alén do seu físico- prego se me desculpe a pobreza conceptual (o LK fai estragos).
Como di Jan e resalta a Raíña, a beleza é un don, un privilexio, un as na manga que cada un emprega segundo os seus criterios...
Supoño que sempre quedará "o sublime" para darlle outra volta de porca ;)

FraVernero disse...

Unha modesta proposición (como a de Swift) a teor do que engades, Arale. Quizaves estamos a falar entón de 'Carisma'?

Iso tamén daría moito do que falar, anque un pensa que o Carisma, en última instancia, é un producto da autoconfianza e autoafirmación dun xeito tan claro e rotundo que os demais se renden á construcción que creaches...

Arale Norimaki disse...

Segundo a xerontófila RAE (que se cadra aceptaría gustosa á proposición de Swift) "carisma" é "Especial capacidad de algunas personas para atraer o fascinar", é dicir: un don, e polo tanto algo excepcional. Ao que torpemente trato de referirme é á beleza que vemos nalgunhas persoas logo de coñecelas (que é distinta da beleza física que marca en grande parte a primeira impresión), a beleza que emana dunha personalidade atractiva (máis non necesariamente fascinante ou carismática). Será por isto de ser androide que non se me dá nada ben explicar estas cousas...

sir gawain disse...

Querido Mantenedor:

escríbese "absorver"? Seguro?

FraVernero disse...

[lapsus linguae corrixido, Sir]

SurOeste disse...

A min paréceme un texto tremendamente misóxino, nin máis nin menos que o que dicía a miña avoa: "la suerte de la fea la ghuapa la desea". Non se consola o que non quere, vaia, porque tamén poderiamos dicir ao revés e non deixaría de ser verdade.
Agora ben, se aceptamos o que di o texto, a beleza viría a ser unha especie de saerdocio que imprime carácter. un nace fermoso, ou faise coma o "patito feo" e xa ten o destino -a fada- escrito.
Pois non, non e non, hai persoas belas e deslumbrantes que ademais son persoas equilibradas, intelixentes e marabillosas, que aman e son amadas polos seus semellantes porque tiveron un desenvolvemento psiquico normal e uns educadores que basearon a súa educación en cousas diferentes á beleza física.
Hai persoas guapísimas que non teñen sex appeal ningún.
Hai persoas normais que son moi atractivas sexualmente, ou a min parécenmo.
Hai feos e feas encantadores, pero, recoñezámolo, teñen máis dificultades sociais en principio, aínda que tamén os hai que son moi recachados.
Hai de todo, a verdade, e paréce mentira que Adorno perdera o tempo con un razoamento de pé de banco coma o que nos ofreces, querido Frater.

Perdoade, pero estou moi crítica e cáustica ultimamente.
Houellebecq púxome así, porque eu era unha muller doce, suave e, por que non dicilo, belísssima.

Sir Gawain disse...

Querida Suroeste,

de conversas frescas e de amante de Segolene Royal que son quero dicir dúas cousas:

1) cadaquén ten as súas normas; é como criticar a Marx por ser de esquerdas... non è il punto...

2) non é exactamente unha reflexión de pe de banco... (vid. Minima moralia)

La ballade était bien (?)

A Manolo, que me require entradas, direi que xa non sei o que digo e isto non vale uno figo...

Elric disse...

Concordo con Suroeste. O texto é un topicazo e ademais falso. E ademais Adorno dicía que o cine non tiña aura e o teatro si.

Que carallo é a aura?

E sobre todo, as mulleres de extraordinaria beleza son igual de felices ou infelices que as demais. En todo caso, poden empregar a súa beleza para tentar emparentar con ricos/guapos/famosos, como principal diferencia co resto da xente.

Hoxe estou iconoclasta...

Sir Gawain disse...

Recibo un email dun amigo italiano desconsolado pola mediocridade do que o rodea... así é como se empeza a ser un adorniano...

O mantenedor non aclara o sentido histórico de "aus dem beschädigten Leben". É o punto no que se produce a brutal escisión entre o significante e significado na que outros profundizarían. O punto no que o significado continúa polo camiño da irracionalidade ata desdebuxar a propia Razón (colapso) e de paso o seu significante convertido en parodia.

A reflexión é misóxina no marco do que non deixa de ser case unha carta persoal a Horkheimer e dunha certa orientación da cultura europea que non podía ser distinta do que é (sen fatalismo).

Mellor ler algo que ven a dicir o mesmo pero menos encriptado: "E por
canto me sexa ben claro que a desaparición dunha civilización non
significa a desaparición do valor humano, queda o feito de que eu
considero sen simpatía a corrente da cultura europea, nin mostro
comprensión cara os seus obxectivos, se os ten. En realidade escribo para amigos dispersos nos recantos do mundo" (Wittgenstein, 1930)

Leo na wikipedia hoxe que un 25 de febreiro de hai séculos (1570) o papa Pío V excomungou á fermosa raíña Bess... it's a Man's Man's Man's World...

... die göttliche Gewalt: Insignium und Siegel: mag die waltende heissen.

Anónimo disse...

Algo lioso este home para explicar algo que é case de sentido común: expectativas moi altas que se ven decepcionadas.
Todos cren que son superespeciais. As mulleres de entre 18-26 anos están repletas de expectativas INMENSAS que ningún home pode satisfacer. Mais guapa, maior expectativa. Collen parella estable (digamos, dende os 22). Despois dun par de anos están ABURRIDAS, e danse conta de que a súa parella escollida non é o máxico camiño da trascendencia. O mesmo, peor, se casan.
Espectativas estúpidas, vaia.