segunda-feira, fevereiro 26, 2007

Jeroen van Aken

é máis coñecido como Hieronymus Bosch, 'O Bosco'. A maiores, é o meu pintor favorito dende a primeira vez que ollei un cadro seu ('O Carro de Heno', unha das ilustracións da 'Crónica da Humanidade' que me agasallaron con seis anos, e que daquela servíame máis que nada de estímulo visual e mitolóxico). É o seu, como ben sabedes, un mundo fantástico de intensas cores, froitas estrañas, corpos nús e fantásticas criaturas entretecidas nun curioso tapiz de símbolos, saturados do denso perfume dos Bestiarios.
Anque tódalas súas pezas son extraordinarias ('As Tentacións de San Antón', 'Os Sete Pecados Capitais', o 'Xuízo Final'...) a estrela é, sen lugar a dúbidas, o tríptico do 'Xardín das Delicias', no que percorremos a Creación do Mundo, do Home, a Aparición do Pecado e a Condeación. O panel esquerdo reflexa o Edén, co Home e os animais vivindo sen interacción. Curiosamente, a Morte xa está presente (un gato leva un rato consigo, e un león anda a roer nun antílope. No panel central, dos 'praceres sexuais', homes e animais coexisten e mesturan. No panel dereito, 'Inferno Musical', os animais torturan aos homes, pechando o bucle que vai dende simples criaturas a superiores antropomorfos.


Outro admirador das fantasmagorías bosquianas foi o católico rei Felipe (en cambio, non lle encheu o ollo outro artista que tamén está moi alto na miña estimazón: Δομήνικος Θεοτοκόπουλος, 'O Greco'). A iso lle debemos o feito de que contemos na Península con varias pezas del. Entre elas, o mencionado 'Xardín das Delicias', unha mole de tres metros de alto e moitos máis de ancho e que comparte sala no Prado co meu segundo pintor favorito, Pieter Brueghel o Vello (neste caso, a coincidencia é con Castelao, que o imitou nun cadro seu e escribiu prolixamente sobre as súas pezas no seu 'Diario'). Mais ao 'Triunfo da Morte' adicarémoslle outra xornada...
Un dos problemas do enorme tamaño do 'Xardín' é a dificultade para aprezar os detalles. O tríptico está que reventa de imaxes surrealistas e suxerentes, cada unha pintada ata os mínimos rasgos con esa precisión coa que os artistas flamencos do Renacemento buscaban atrapar a realidade (os italianos, pola contra, escolleron o camiño da Perspectiva, co engadido Venecián da Cor). Por iso, os libros de arte tampouco lle poden facer xustiza, máis que nalgúns fragmentos que aínda así fican moi lonxe do orixinal.
Non deixarei, polo tanto, de animarvos a que pasedes polo Prado en persoa, adicándolle o tempo que precisedes ao seu disfrute (no meu caso, unha hora non foi dabondo, e xa me tarda voltar). E como propina, alén das ligazóns de alta resolución, tedes os dous anacos de Inferno.

7 comentários:

A Raíña Vermella disse...

O Bosco sempre me produciu un tremendo desacougo, incluso as imaxes do Paraíso, non só polo estraño da propia obra, senón porque semella un autor totalmente dislocado do seu tempo, unha especie de visionario do futuro surrealismo ou da experimentación xenética. Cando lin, moito tempo despois, a Divina Comedia ou o Paraíso Perdido de Milton, víñanseme á mente as imaxes psicotrópicas do Bosco
Cando unha estuda Arte, e aprende que hai que tratar de comprender a cada artista no seu contesto histórico, debería haber unha nota a pé de páxina que dixera: coa excepción de Hyeronimus Bosch.

tío Pepin disse...

E sen embargo resulta curioso (e sen ánimo de 'fustigar'), non foi ó Bosco a quen Breton se remontou cando aludiu á pintura, foi a Uccello.
Eu creo que é difícil non alucinar (literalmente) diante da obra (de calquera) deste artista, e si, o mesmo con Brueghel.
Sen pretender ser pedante, creo que é discutible a excepcionalidade á que se refire 'a raíña vermella', o mundo sempre foi complexo e no Bosco e logo en Brueghel non deixa de haber unha visión de fonda raigame popular (pensemos en manifestacións incluso do Románico, canzorriños, detalles de portadas, etc.) que no rural, e o mundo era rural, permaneceron. (Eso máis ou menos, por non aburrirvos co meu rollo).

Non fustiguei nin un chisquiño, conste.

Arale Norimaki disse...

Lembro un vello monográfico de "seres fantásticos" que pululaba pola casa no que o 70% das ilustracións eran só ampliacións das súas macropezas, así que dende cativa O Bosco era para min o creador e artellador de grande parte dos mundos que me abraiaban. Malia a indubidable calidade dos traballos de moitos dos que o seguiron como Luca Signorelli ou os gravados de Gustave Doré para a Divina Comendia, o certo é que difícilmente poderán superar a xenialidade d'O Bosco en pezas como o Xardín das Delicias.

Sir Gawain disse...

A contextualización de Tío Pepín sempre nunha man... e na outra Foucault para ler ó Bosco...

Non podo evitar ver un cadro do Bosco e pensar que onte fun ver o último e maiúsculo (e rizomático) Lynch de "Inland Empire"...

It's a strange world...

... os paxaros continuaran a atrapar vermes indefensos coas súas afiadas gadoupas de aves cantoras do paraíso e a iconografía multiplicarase... toujours, toujours comme ça...

Sir Gawain disse...

ATENCIÓN...

NON SEXAN INCONSCIENTES...

TRIMPHUS MORTIS...

(vid. PETRARCA)...

NECESARIAMENTE...

Pris disse...

Mira mira mira... pasa unha certo tempo sen mirar os blós dos coleguitas e atopa sorpresas como esta de que falan do meu pintor favorito!! Que grandísimo é (bueno, era...) este home e como me gusta o Xardín... Tiven a oportunidade hai xa anos de contemplar as súas obras en directo no Prado e a verdade é para ficar abraiada varias horas observando cada minúsculo detalliño. A extracción da pedra da loucura tamén viría a conto, querido Trasalba, nestes tempos afoutos que corren.

Aos que poidades ir ao Prado a velo, ide, merece a pena...

luis disse...

Bretón si se redire ó Bosco como "antecedente" do surrelismo. Magritte, en cambio, arrenega porque di que bosch expresa ideas i el non. De todo-los xeitos, o pintor do Xardín non foi -nin poido ser- desa "avangarda". A sua rareza pertence ó seu xenio e so se pode comprender o seu arte dentro do seu tempo, condicións e circunstancias. Tería moito gosto en que visitárades o meu blog temático: boscomania.wordpress.com