quarta-feira, maio 09, 2007

Babelogue

Non, non vou a colar un novo poema de Patti Smith (alomenos, de momento). Do que se trata agora é doutra torre babélica, a formada polo requerimento que Débora, a nosa galaico-arxentina favorita, nos ten formulado, a saber: o cuestionario Proust. Un, como cabaleiro que é (montei dúas veces enriba desas bestas; súmeselle a coletilla habitual de varón branco explotador, etc...) non pode rexeitar o requerimento.

O principal rasgo do teu carácter?
Eu diría que o conflicto entre o meu epicureísmo instintivo (como Galileo, o acto de pensar e consumir ideas novas é, para mín, como saborear un bo viño) e un superego racionalista, dictatorial e kantiano que refuga das debilidades da carne.

A calidade que prefiro nun home?
O sentido do humor, e a habilidade para respetar e poñerse na pel doutras persoas.

A calidade que desexo nunha muller?
aquelas que non teñen pero que nese proceso absurdo e idealizador que é todo namoramento, lles acabo adxudicando/imaxinando. Que admiren/estén interesadas nos meus intereses soe estar ben e ser inusual. Aínda máis que fagan o mesmo comigo, pero agradécese máis aínda.

O que máis aprecio nos meus amigos?
A lealdade. Despois de todo, é o que se supón que é para o que están os amigos. Tamén teñen o deber de dicirche que te estás equivocando (e inmediatamente despois, o de seguirche, escollas a opción que escollas).

A miña ocupación favorita?
Ler. Hai outras cousas que proporcionan pracer (comida, música, cine, sexo) pero soe ser menos intenso, ou estou menos acostumado a eles, ou dan máis traballos a longo prazo.

O meu soño de dicha?
Creo ter descrito nunha ocasión ao paraíso como unha biblioteca xigante e fresca con todo o tempo do mundo e pequenos cubículos con huríes e bebidas doces e refrescantes. Na trampa da esfera sublunar, un traballo relacionado coa cultura que me deixe tempo de lecer, e ser amado coa mesma paixón e estupidez coa que eu o fago (e ser correspondido, claro). O socialismo funcionaría mellor que todo o anterior, pero véxoo máis lonxano.

Cal é a miña maior desgracia?
Non sei se iso se refire ao defecto ou ao que me ten feito infeliz. Se é o defecto, a preguiza. Se o outro, as dificultades que xurden do unilateralismo de amor e desexo.

Que quixera ser?
Comisario do Pobo para Asuntos Internos (ou sexa, Chekista). Alén diso, o que son agora pero cobrando pola miña labor cultural. Escribir, dar clases. Ser Feliz. Iso é algo que todos queremos ser.

Onde desexaría vivir?
Estou moi ben onde estou, anque Berlín, capital irreal, pareceume unha cidade marabillosa cando estiven nela. As capitais en xeral goréntame moito.

A cor que prefiro?
O vermello. Resulta evidente, non?

A flor que prefiro?
As rosas brancas. Algo cursi, seino. Son o emblema dos York na Guerra das Dúas Rosas (encanto de causas perdidas), da anti-nazi Sophie Scholl... Ulen ben e son bonitas. Alén, fago unha homenaxe de esguello á miña infancia catolicona, coa rosa branca símbolo da Virxe e de Pureza.

O paxaro que prefiro?
As codornices. Están boísimas, e non requiren moita preparación. Un día de adobo e logo á grella. Para chuparse as dedas! Hoxe vin un guiso delas que alimentaba só con velo...

Os meus autores preferidos en prosa?
Ou sexa, un minicanon en 5 liñas. Quedaránme cousas pero digamos a Flaubert, Samuel Beckett, Thomas Mann, Herman Melville, James Joyce, F. Dostoyevsky, Cervantes, Isaac Babel, Alejo Carpentier, William Faulker, Kafka, Apuleio, Vladimir Nabokov, Virginia Woolf, Laurence Sterne, Rabelais, G. Chaucer, Proust, Pynchon, Otero Pedrayo, J. Conrad, Salman Rushdie, Wole Soyinka, Herman Hesse, Cortázar, Borges...

Os meus poetas preferidos?
(déixaste aos dramaturgos) Homero, Virxilio, Estacio, Lucano, Dante, Petrarca, Shakespeare, Góngora, Quevedo, Mayakovsky, Ingeborg Bachmann, Vladimir Holan, Paul Celan, Cunqueiro, G. Trakl, Kavafis, R.M. Rilke, Quevedo, René Char, E. Pound, T.S. Eliot, W.B. Yeats, Keats, Coleridge, Wordsworth, Shelley, Pushkin, Hölderlin, Lois Pereiro, John Donne, John Milton, Patti Smith, Villon, Derek Walcott, Valmiki, Ungaretti, Montale, Paul Valéry, Mallarmé, Baudelaire...

Os meus heroes de ficción?
El-rei Mono (de Viaxe a Occidente), Héctor, Satanás (en Paradise Lost), o Cabaleiro Çifar, Don Quixote, Julian Sorel (Rouge et Noir) e Fabrizio del Dongo, Leopold Bloom, a bomba (Petersburgo de Biely), Frei Xohán das Talladas (Rabelais), Enjolras (Les Miserables), Boukman (El reino de este mundo), Fausto, Sir John Falstaff, Hamlet, Galileo Galilei e o xuíz Azdak (de B. Brecht). Os amargados cabreados e vingativos (Iago, Edmund, Ricardo III, Roger Chillingworth)...

As miñas heroínas de ficción?
Ams. Poucas teño. Alomenos, de ficción. Anxélica (do Orlando), Medea, Circe, Salomé, Nai Coraxe, Addie Bundren, Cleopatra...

Os meus compositores favoritos?
Schöenberg, Stravinsky, Stockhausen, Des Prez, Bach, G. Mahler, Telemann, Glück, Monteverdi, Palestrina, Verdi, Mozart, Berlioz, Beethoven, Tchaikovsky, Bob Dylan (?), Dvorzak, Haydn, Bela Bartók...

Os meus pintores predilectos?
Kandinsky, Malévich, Paul Klee, O Bosco, Brueghel o Vello, Rothko, Pollock, Juan Gris, Duccio, Giotto, Masaccio, Tintoretto, Giorgione, Grunwald, Albrecht Dürer, Joan Miró, Matisse, Klimt, Munch, O Greco, Bracque, David, Monet, Millais, Dante Gabriel Rossetti, Boticcelli, frescos da Villa dei Misteri, Delacroix, Van Gogh, frescos de Knossos...

Os meus heroes da vida real?
Karl Marx, Robespierre, St. Just, Grachus Babeuf, Toissant L'Overture, James Connolly, Lenin, Trotsky, Felix Edmundovich Dzerzhinsky, Dimitrov...

As miñas heroínas históricas?
Rosa Luxemburg, Olympe de Gouges, Dolores Ibarruri, Alexandra Kóllontai, Edén Pastora, Haydée Santamaría, Nguyen Thi Dinh ...

Os meus nomes favoritos?
non son fetichista, anque me gustan os nomes de revolucionarios e os ben galegos. Para muller aprezaría Clío (demo de coches...), Rosa. Laura. Esperanza. De homes, Karl, Félix, Amaro, Breixo, Airas.

Que detesto máis que nada?
A inxustiza e a desigualdade. Calquera cousa/persoa/idea que atente contra a tríada da Ilustración (Liberdade, Igualdade, Fraternidade).

Que caracteres históricos desprezo máis?
Aínda máis que aos obstáculos á miña weltgeist, aos traidores. As xentes de Thermidor, os militares golpistas, Napoleons (o grande e le petit), Bernstein e Kautsky, Scheidemann, Ebert...

Que feito militar admiro máis?
Ningún. Desprezo e detesto aos militares por regra xeral, e moitísimo máis a súa intervención en política. Nembargante (por sacar algo), o 5º Rexemento e as Brigadas Internacionais, o glorioso exército Vermello en Stalingrado e Kursk, o ofensiva do Thêt, Playa Girón...

Que reforma admiro máis?
polo anteposto debería ficar claro que non son dos que gustan dos camiños reformistas... A conquista das 8 horas (anque non se cumpra), o sufraxio universal (anque deactivado de potencial subversivo).

Que dons naturais quererías ter?
O do atractivo (e magnetismo) físico. Si, vale. Son un cabrón superficial. É o exotismo de probar o que non se ten.

Como me gustaría morrer?
A ninguén lle gusta morrer... Quizais unha non moi desagradábel sería plenamente consciente, con tempo para despedirme e dor escasa.

Estado presente do meu espírito?
Depresión crónica con pequenos oasis. Alomenos, ten efectos positivos sobre a creación literaria, creo...

Feitos que me inspiran máis indulxencia?
A debilidade polas persoas que queremos e aprezamos, polos nosos benefactores.

O meu lema?
Non gasto, pero non imos rematar mal, ou sexa que terei que arrapiñar un... 'Un mundo mellor é posíbel'.

8 comentários:

Mario disse...

Está moi ben, sobretodo pola exhaustividade. Si que sorprenden algunhas coincidencias.

A Raíña Vermella disse...

Mmmmm... codornices! Hai un montón que non as como. Agora non vou cambiar o meu, e estaría feo tratar de preparar moucho á grella, pero creo que tamén son dos meus paxaros favoritos:p Si que fixeches un traballo de autocoñecemento, si. A min quedáronme a metade das cousas no tinteiro. Dentro duns meses terei que facer "Proust II: o retorno".

O pastor eléctrico disse...

Vaites, estecuestionario está respostado moito máis en profundidade queo meu. Serei acaso superficial?
Coincido en que Clío é nome bonito para unha muller.

SurOeste disse...

Fravernero, eu admírote!

FraVernero disse...

Ams... A admiración quédame grande, Suroeste. Agarda a que cultive algúns logros... xD

Algún día a Renault desaparecerá, espero, o que permitirá rescatar un nome bonito.

Alédome de que vos gustaran as respostas, e fico á espera da próxima entrada-en-cadea (e tamén á espreita das respostas bis da Raíña).

torredebabel disse...

fabuloso! simplemente, fabuloso!!!!! do comezo ao remate, non ten desperdicio. E se logo lemos o artigo que sigue, coido eu, teremos unha foto feita de verbas moi interesante ;-))

Sónia disse...

Caro Fravernero,

Dada a gemiparidade das línguas que ambos falamos, exprimir-me-ei em português.

Andando à procura de uma "medusa", dei por acaso com este blog que me causou uma boa impressão.

Achei o final do questionário muito leibniziano.

E acrescentaria às heroínas: Isabelle Eberhardt.

Saudações do sul,

Sónia

FraVernero disse...

Cara sónia:

Alédome de que topases a miña casa sobre as ondas virtuais, e que ficases ancorada trala imaxe da Medusa de Caravaggio - que colguei eiqui e disfrutei en vivo- para seguir con outras cousas miñas, incluída esta vivisección descarnada.

Temo que malia o final, un turra máis por certo pesismismo (anque sería improcedente poñer unha nota agre nos bos desexos). Cando estivera en Hannover matárame a buscar pola tumba de Leibnitz, máis só topei unhas galletas co seu nome, e unha igrexa pechada cunha preada morta na porta (sen metáforas!).
Acéitase encantadamente a Si Mahmoud Essadi...

Unha aperta

M.