quarta-feira, maio 02, 2007

De Oratore (e 2)

Ben sabido é como nos últimos anos, a língua e a literatura inglesas veñen asistindo á como a periferia apropia e reescribe os antergos discursos imperiais das metrópoles, antes a Gran Bretaña e hoxe os Estados Unidos (‘Empire writes back’, como dí o título dun suxerente libro). O Poscolonial trascendeu das modas académicas, e os escritores do Terceiro Mundo asaltaron as máis altas cátedras do recoñecemento e a lectura. Estamos a pensar en nomes coma Derek Walcott, Wole Soyinka, Salman Rushdie ou (máis no eido da teoría) Edward Said. Unha maior interrelación vai unida a unha maior sensibilidade polo local, polas línguas e as culturas autóctonas e o seu tapiz entretecido de loitas, resistencias, absorcións e rexeitamentos aos que dou lugar. É a nosa responsabilidade á de estar á altura das circumstancias e a de loitar porque estes vencellos, re-escritos e patas para arriba, tornen cada día máis inclusivos e máis xustos. Para darlle a voz ao subalterno e para conducir á hibridación e á mestizaxe fértil que nos faga a todos máis ricos, máis conscientes do que nos une e do que nos separa, en definitiva, máis libres. Só dende os miles de Outros que arden en cada individuo, en cada língua e en cada comunidade podemos construir unha cultura mellor -as aleacións fan máis fortes e dúctiles aos metais-. Cultura verdadeiramente humana; cultura cultivada (eis o espectro da etimoloxía: pois cultura ven do latín colere, cultivar), e na que todos sexamos xardineiros partícipes das Selvas da Linguaxe. Unha función tanto máis clara cunha língua como a Inglesa, que sempre refugou de monoloxismo estéril, trenzando en espiral inacabábel a diversidade saxona, céltica, escandinava, latina e francesa nas estructuras máis íntimas e resistentes da súa estructura e sintaxe. Casa plural de raíz, de significantes ceives, tanto máis ceives agora que deletreamos un London tropical, asiático e africano como Ellowen Deowen e facemos saltar os candados vellos do Monoculturalismo.
Queda trazado o reto e a proposta da revolución permanente, xunto coa confianza que deposito nos meus avispados compañeiros (no meu mal inglés, my waspy comrades) para que conquisten as altas torres no percorrido de candanseu hobby-horse e batalla de Namur. Dun xeito moito mellor ca mín o reflexou Roland Barthes, e onde dí ‘texto’ podemos engadir nós a glosa da língua, da fala, da cultura que temos (teremos) que re-apropiar dos seus ate o de agora avarentos posuidores e administradores:

“Agora sabemos que un texto non é unha serie de palabras que liberen un significado único, teolóxico (a 'mensaxe do Autor-Deus'), senón un espazo multidimensional no que unha variedade de escritos, ningún deles orixinal, mestura e choca. O texto é un tecido de citacións arrincadas de innumerables centros de cultura ... o escritor pode tan só imitar un xesto que sempre é anterior, nunca orixinal. O seu único poder é o de mesturar escrituras, confrontar unhas con outras, de tal xeito que nunca descanse plenamente en ningún en concreto. Se o que quixese fose expresar o seu ser, debería alomenos saber que a 'cousa interior' que desexa transmitir é simplesmentes un diccionario previamente elaborado, as súas palabras só explicables a partir doutras palabras, e así indefinidademente”.

Todo dito, fica tan só retornar ao barco co que comezábamos e (homenaxe a Shakespeare, o noso verdadeiro santo patrón), renunciar aos máxicos poderes da retórica, rachar o bastón, guindar os libros ao mar e poñer rumbo cara a Nápoles ou o Milán de cada quén, desexándonos próspero viaxe e mellores metas acadadas. Pois:

Our revels now are ended. These our actors, As I foretold you, were all spirits, and Are melted into air, into thin air; And, like the baseless fabric of this vision, The cloud-capped towers, the gorgeous palaces, The solemn temples, the great globe itself, Yea, all which it inherit, shall dissolve, And, like this insubstantial pageant faded, Leave not a rack behind. We are such stuff As dreams are made on; and our little life Is rounded with a sleep”.

Moitas grazas.

5 comentários:

Musgallo disse...

Moi ben escrito, Fraver, pero non esperaba de ti un sermón tan inxenuo. Un abrazo e a ver se nos vemos antes da viaxe a Estonia, eh?

FraVernero disse...

Seguramente, musgallo. O fin de semana pasada vivía sen vivir en mín (unhas 17 horas de traballo en 2 días e un cacho...).

Calquera día destes que che veña podemos quedar. Alén, o da viaxe a Estonia aínda queda lonxe (se é, sería en xullo).

Canto á inxenuidade, supoño que se agarda algo de afagamento e optimismo nestas circumstancias, non?

Musgallo disse...

Do optimismo só cabería algo cun cambio de era. Bicos.

FraVernero disse...

Ben, alén dos ensalmos da retórica, dubido moito que me gañes en pesimista, muller. Sobretodo últimamente...

Bicos

Margot Tenenbaum disse...

Querido, mi Blog ya está en funcionamiento. Cuando quieras, pásate: Lucía