sábado, dezembro 22, 2007

'Antelami 'Jones en busca do Púlpito Perdido...

No ronsel do estudo continuado para o acceso as rangos do mandarinato inferior, onte estiven a estudar o temario de Arte Románico, algo que despois de todo resulta case entretido e interesante (refírome á acción de estudar; alomenos, se che gusta a materia, faise máis levadeiro, e teño a sorte de que me gusten case tódolos temas de historia e de arte). Refrescas vellas nocións e, nos temas artísticos, refrescas tamén as imaxes, buscando en grosos volumes ou (máis doado) na Rede de Redes os aspectos internos e externos do San Zenón, de San Martín de Frómista, do St. Lazare de Autun...

O problema e o descubrimento viñéronme dados pola escultura románica italiana. Nos apuntamentos teño dous mestres lombardos (en Italia xa se coñecen os nomes dos artistas): mestre Guillerme e Benedetto Antelami. Son incapaz de reter o segundo na cabeza, e dedico tempo a diversas estratexias mnemotécnicas. O nome é sinxelo: o papa actual; o problema é o apelido. Tras moito cavilar, queda convertido na mistura de formiga inglesa (Ant) + 'lama' un pouco variado. Ant(e)lama> Antelami. Antelami, Antelami...

Maiores dificultades topo despois cando busco os exemplos que aparecen: de Mestre Guillerme, o púlpito da catedral de Pisa. De Antelami, o púlpito da catedral de Parma. Ningunha das dúas cousas aparecen por ningures: nen libros, nen Rede, nen nada. Probo nos buscadores con varios idiomas distintos. Nada. Nun último esforzo, por fín da aparecido o púlpito de Guillerme, que resulta que xa non está na catedral de Pisa (aí o que acapara a atención agora é o de Niccolò Pisano, que ten outro, amais, no baptisterio), senón na de Cagliari, en Cerdeña. É o que agora chaman o Pergamo di Guglielmo...

Con Magister Antelami seguen os problemas. Non hai mostra de púlpito nengún en Parma (o que sí vexo na catedral é a famosa 'Ascensión da Virxe', de Correggio, que non lembraba estivese alí). Tampouco no baptisterio. Entérome de que este último foi deseñado e decorado polo Benedetto, mais non me vale como exemplo para arquitectura (Bologneses, as 'lunette dei tre portoni' non son os tímpanos, verdade? En inglés/francés, as 'lunettes' son o espazo de pinturas, normalmente dentro e por riba das portas). Poderíame valer a 'cattedra del vescovo di Parma'...

Como son testán, sigo buscando. E atopo nunha páxina en italiano que certo baixoreleve da catedral de Parma (Deposizione dalla croce) é do único que fica, case dese púlpito (destruído?). Vamos, en román paladino:

I componenti rimasti del pulpito sono conservati in parte nella Cattedrale (la lastra frontale raffigurante la Deposizione) e nel Museo Nazionale di Parma (tre capitelli ed i leoni stilofori). La sedia episcopale si trova in Cattedrale ma è difficilmente osservabile.

Hoxe, a lidiar co Gótico, que agardo que me non me cause tantos problemas de busca...

9 comentários:

torredebabel disse...

mentres estuda, deixeme mandarlle apertas dende un Nadal en verán, cheo de xelado de doce de leite e de comidas europeas que nos fan deshidratarnos (todo sexa por manter as tradicions). Apertas!!

SurOeste disse...

Atópoo moi concentrado no labor opositante. Siga, siga así que o mandarinato inferior ben vale unha misa, aínda que...pensa vostede que quen o vai examinar vai estar o suficientemente fresco par lembrarse de Antelami? Seguramente lle sexa de máis proveito cá erudición presentar unha boa programación didáctica (na que contemple toda a posíbel casuística de alumnos á que se terá que enfrentar.
Saúdos laicos.

FraVernero disse...

a 3 de Nivoso, Ano CCXVI...

Certo é, Sul. Non dubido que a erudicción axudará, anque sen ser imprescindíbel (dubido que a maioría dos que me xulguen teñan moi claras as obras, e tampouco se darían moita conta, quizais, se me inventase a bibliografía...); se dou tantas voltas é porque a materia mesma me interesa, e quero ter imaxes ben claras cando falo das obras dos artistas. Doutra, a ver se comezo mañá coa programación didáctica...

Laurindinha disse...

Acábome de lembrar que eu tamén debería poñerme en serio coas opos dunha vez... o tema de arte románica foi dos poucos que estudei para as do ano pasado, mais terei que ir refrescando a memoria...
Feliz Noiteboa dende Bueu cara a Serra de Outes!

FraVernero disse...

O sentimento é mutuo, querida(s) Lauridinha(s). Disfrutade dunha boa cea neste 3º de Nivoso, e que este ano de CCXVI vos traia moitas felicidades...

A ver se se che/vos vé máis, por Compostela, quizaves...

Bico/Aperta

M.

A Raíña Vermella disse...

Sorte co mandarinato, Fra. Polo que vexo, todo o mundo anda nas mesmas. Pero o mais importante é, unha vez logrado o mandarinato (que non o dubidamos)mandarinizar axeitadamente, que hai por aí cada un...

tío Pepin disse...

Pois eu voulle pasar bibliografía ambivalente: para o temario e para a unidade didáctica. Aprovéitea ben.
http://es.wikipedia.org/wiki/Contracultura_g%C3%B3tica

FraVernero disse...

Agradézolle o link, Uncle Joe, anque temo que o tribunal inquisitorial que me xulgará non agradecerá moito que lles vaia por eiquí se me toca o tema gótico...

Compensaráme, amais, mirar a versión inglesa (ou a lusa) do artigo, xa que wikipedia española é das máis pachangeiras que hai (superada amplamente en nº de artigos pola Portuguesa, Polaca, a Holandesa, a Xaponesa e (case) a Sueca...)

conselleiro disse...

Un consello prás opos: como vaias de erudito hanche considerar un pedante incapaz de ser didáctico, como vaias de sobrao hanche cargar no exame. Vai de humilde, de sinxelo, de vulgar, incluso dun pouco burro, recoñece que os membros do tribunal son os que saben, sorrí timidamente, vai pulcro e aseado ao exame, usa un ton de voz neutro, non te pases de listo. Se saben que tes este blog non aprobas na túa vida.

Se queres entrar no reino da mediocridade, compórtate como un mediocre.

É un consello gratis.