segunda-feira, dezembro 31, 2007

Cortezas de Faia

A última entrada do ano (non segundo o calendario do que xa vos falei, claro, e segundo o cal estaríamos a 10 de Nivoso, Ano CCXVI...) vai adicada aos libros, esa alquimia que me resulta tan grata de pasta de papel e tinta, ás veces coiro, vitela e varas de bambú. É curioso que a palabra inglesa que os designa proveña do inglés antigo 'bōc', á súa vez da raíz xermánica '*bōk-', cognado de 'Faia'. Algúns especulan que os primeiros 'libros' dos xermanos facíanse coa corteza desta árbore...

Cabalgando a maré das Ondas Virtuais, teño varios exemplares que me veñen de camiño. Un deles é Count Zero, de William Gibson, que se pode entender como unha continuación de 'Neuromancer' -a súa obra máis famosa, e iniciadora do Cyberpunk- e o termo medio da triloxía do Sprawl. Xa o encargara o 4 de Novembro, mais debeu de perderse, e a librería envíame outro exemplar que debería estar aquí polo 9 do mes que ven...
Tamén de camiño están o 4º exemplar de Persépolis, de Marjane Satrapi (xa resulta inatopábel por eiquí dende que sacaron de novo a obra en só dous volumes), Gloriana, de Michael Moorcock, e Ravensbruck: Everyday Life in a Women's Concentration Camp 1935-45, do profesor Jack G. Morrison. Este último é un estudo bastante exaustivo dun dos campos nazis que tiña como elemento característico a exclusiva presenza feminina. Leva tempo a comerme a orella, e por fín me decidín a mercalo cando a Xunta me ingresou (por fín!) os cartos da viaxe a Estonia...
Do libro de Moorcock só mencionar que é unha reconstrucción en mundo alternativo dunha tola e luxuriante Inglaterra Isabelina, que me chamou sobre todo polo baixo prezo (menos dun dólar, ao que temos que sumar os gastos de envío, claro) e pola presenza da personaxe do poeta Ernest Wheldrake, que xa paseara por unhas das mellores novelas de Michael: 'The Revenge of the Rose'. Teño tido malas experiencias coas novelas 'raras' deste autor (non me gorentou moito 'Bizantium Endures', ou a recopilación 'Earl Aubec' de relatos e novelas curtas que pillara por error), mais correrei de novo o risco.
Nas librerías de eiquí só rescatei, como auto-agasallo de Nadal, o tomo dos Konemann adicado ao Arte Gótico (as oposicións danme unha boa excusa para telo como obra de consulta); e nunha pequena visita á facultade atrapoume o 'Hipertexto', de George P. Landow, co que discrepo moitísimo máis que me está a resultar unha lectura amena (e quizais, incluso útil á hora de preparar cousas para as unidades didácticas e o emprego das novas tecnoloxías). Cando o remate, xa vos colarei algún fragmento na bitácora.
E iso é todo polo de agora. Que teñades unha boa entrada no 2008!

7 comentários:

FraVernero disse...

Vaia... esquecinme de comentar os que teño apartados para lectura 'crónica' e aos que lle dedico o tempo marxinal que podo. Neste caso, temos a 'Commedia' en Italiano (estou atascado no Inferno, círculo dos violentos contra os demais. É que cada Canto, entre a versión hispana, a italiana e as notas lévame 3 horas...) e a relectura do tomo 1 do 'Capital', agora axudada polas notas do señor Harry Cleaver que podedes topar nas ligazóns en língua extranxeira. Onde engadín tamén, por certo (só para interesados) a páxina do Ithkuil, unha língua imaxinaria á que lle adicara unha entrada. O autor acaba de colgar tamén outra língua, fonéticamente máis sinxela que o Ithkuil: o Ilaksh.

Felices festas!

Nébeda disse...

está vostede de acordo coa afirmación de que farían falla moitas vidas para ler tódolos libros que nos interesan? eu si.



Teña unha feliz entrada de ano, así, tan chea de cultura como o remate.

Leopold Bloom disse...

Feliz ano Manolo! O Hipertexto vaites, vaites, Das Kapital, un libro de lectura obrigatoria en tódalas escolas do mundo!.

FraVernero disse...

Roxiña: nen con 100 vidas de 1000 anos cada unha daríamos lido todo o que queremos ler... Estou dacordo, sí. Feliz ano tamén para ti.

Panero: Sei que voçé é o mestre das obras abertas, mais tamén sabes que a mín túrrame máis a linealidade estricta do relato emancipatorio... e seguramente con Das Kapital coma lectura obrigatoria, sí...

tío Pepin disse...

Algunhas árbores sempre tiveron a propiedade magnética de arrastrarnos á escritura nas súas cascas (corazóns trazados coa navalla). Probablemente así foi a orixe da lírica, incluso daquela practicada polos/polas poetas dos 'faiados': hai poetas que atopan os seus versos e reversos na penumbra dos faiados, asegúrollo.

p.d.:bo ano para todas/os.

tangaranho disse...

Já comentarás o resultado dessas apostas bibliográficas. Eu ainda nom me auto-presenteei nada, mas também algo cairá.

Tenho-lhe botado o olho a algumhas cousas de música nas que acho paga a pena investir.

A Raíña Vermella disse...

Feliz entrada de ano, con certo atraso pero efectiva aínda así. A min dende logo non me vai chegar a vida para ler todo o que quero ler, a menos que o paraíso, o ceo dos lectores, sexa unha habitación quentiña, con butaca de orellas e cheminea, con neve fóra, onde o tempo non pase e unha poda adicarse a ler (con algunha outra actividade lúdica, ou se non non sería o ceo, sería un arresto domiciliario) por tódalas eternidades. Como somos ateos, teremos que conformarnos co que nos dea tempo nesta existencia terrena e material.