domingo, dezembro 16, 2007

A Modest Proposal

Nese panfleto mercenario e coruñesista que é 'A Voz de Galicia' (sic) topamos hoxe unha interesante reflexión do home co apelido máis desafortunado de toda a literatura galega: X.L. Franco Grande. Baixo o título 'Pouca lectura', o autor glosa unha reflexión devastadora sobre o estado das nosas letras que non me resisto a colarvos na súa breve integridade:

Sinto moito dicir, despois de máis de medio século participando no mundo cultural galego, que nada me estraña que a xente non lea literatura galega, nin, en xeral, libro galego. Por unha razón moi sinxela: porque o que se escribe en galego acostuma ser, non só de moi pouca calidade, senón un timo á cultura, á intelixencia e ao bo gusto. Penso que nos últimos corenta anos a creación en língua galega se foi degradando, feito non específico noso, senón común ao mundo en xeral, e por moitas razóns, entre elas as mentiras que proveñen do mercado editorial, a ausencia dunha crítica merecente deste nome e unha xeneralizada banalización intelectual.
E a falta de honradez intelectual. Porque son moi comúns as mentalidades delirantes que comparan a escritores que provocan sono con Tolstoi ou con Stendhal, que proclaman como xenios da poesía a coitados rapaces sen o menor talento creador, e que, non poucas veces, tributan silencio a quen é merecente de certa atención.
Paréceme que o peor que lle pode pasar a un lector é poñerse a ler un texto literario e comprobar que lle empeza a entrar o sono. Ou algo peor aínda: diante dunha obra proclamada como 'xenial' ir decatándose da ausencia de calidade ou da falta total de bo gusto. Do timo, ao cabo.
Porque, ao meu ver, mellor fose traducir máis e boa literatura foránea que encher os andeis das librerías dos timos a que estamos acostumados. E ter máis xeito no emprego dos adxectivos e tamén no uso do botafumeiro.

Bon, por outro lado, non é algo que non soubesemos xa, e que non fose proclamado aos catro ventos. Por buscar outra voz do mesmo momento, tedes eiquí a entevista na Folla Parroquial do PSOE (Polanco bien vale una misa) á última premio Xerais, Rexina Vega, que segue lindeiros semellantes.
Unha das poucas cousas en que todos parecen estar dacordo é que o noso sistema literario, sí, é cada día máis provinciano, sectario, narcisista, autocompracente, subvencionado, caciquil, enchufista, de curtas miras, pobre e menos e menos interesante. No que non concordamos é nas solucións, claro (xa que todos tenden a crer que eles son a excepción á regra. Aí temos, por exemplo, o cómico desenfado co que Vicente Araguas, só por poñer un exemplo, pontifica co 'aquí escrébese demasiado' para acto seguido publicar uns libros horrendísimos e continuar a crítica sumisa). E as queixas rituais non evitan, por suposto, a continuación de todas estas estratexias.
Parece que como única solución, pois, tocará recomendarlle a tódolos escritores, editores e críticos que se reúnan nunha xuntanza nun polideportivo (en plan oposicións), con pinchos, refrescos, alcool e canapés (indispensábeis sinónimos cando se fala de cultura en Galiza) para practicar un seppuku colectivo. Éi-lo maior servizo e homenaxe que se lle pode facer ao país, que tamén amosa á súa vez fortes tendencias suicidas. Despois de todo, non lle imos deixar só aos feixistas o pracer de estetizar a propia aniquilación...



P.S.: Cos poemas de morte prometemos facer unha antoloxía a toda cor, con tapas de coiro e vitela, e coa metade da edición sufragada pola Xunta...

12 comentários:

SurOeste disse...

aDMIRADO fRATER, con este post acaba vostede de dar no branco. Non só me parece ben a súa proposta, senón que estou disposta a participar no sacrificio ritual deste Sanmartiño cultural levando unha palangana pra recoller o sangue e facer unhas morcelas. Hara-kiri!

Pris disse...

Eu digo de chamar a Leo Bassi que faga dúo con Leo e Arremecajona (por darlle tinte galaico ao asunto) e votar por eles nas próximas. Polo menos, ía ser todo moitísimo máis divertido!!
Deixe que Mr. Grande diga que hai que traducir; a min, economicamente, venme ao pelo, xa sabe vostede. Iso si, por favor, non esquecer invitar a ese seppuku a uns cantos biciclistas de San Pietra!
Biquiños, meu outense, e boas vacacións dadas ao consumo se non teño ocasión de velo ou saudalo verbalmente!

O Raposo disse...

Parece evidente que, non só nesta terra senón en todo o territorio peninsular, publícase moito en relación cos escasos hábitos lectores dos cidadáns, o cal é contradictorio. Posiblemente habería que elevar un chisco o grao de calidade a hora de editar textos.
Agora ben, de aí a dicir que a literatura galega ten moi pouca calidade vai demasiado treito. Non vou poñer nomes pero hoxe en día en Galiza hai prosistas e poetas de moi alta graduación que non teñen nada que envidiar os de outras comunidades ou linguas, por moito que Franco Grande ( a quen non teño o gusto de coñecer) se crea o que escribiu.
Polo que a min respecta (e para non incurrir nunha contradicción que se acabaría descubrindo)vou pasar uns días sen escribir. Hala.

A Raíña Vermella disse...

Podo estar mais ou menos dacordo con Franco Grande co de que ás veces se editan cousas de pouca calidade ou non se presta atención á xente debida, pero coido que a súa crítica erra polo lado da xeralización. Por suposto que hai que traducir, pero non todo na literatura galega é un timo nin unha farsa, hai boa e mala literatura como en calquera outra parte. Ademáis, que é el para marcarse semellante discurso e quedarse tan ancho, metendo no mesmo saco a todo o mundo?

Anónimo disse...

Franco Grande, si señor, Franco Grande

cave canem disse...

Non hai lectores porque o que se escribe é malo ou o que se escribe é malo porque non hai lectores?
Os 'lectores' son aquelas/es que len literatura de calidade ou son simplemente aquelas/es que len? Non se le en galego pero si que se le en castelán (en Galicia)?
O que 'eu' escribo non mo publican porque é bo, porque é peor aínda ca o que se publica, porque total para que se ninguén le, etc.?
Franco Grande é 'franco' e é 'grande' ou estaría tamén entre os donantes de sangue para as morcelas de Suroeste (que sexan dóces, nada de 'Burgos')? O tempo poñerá as cousas no seu sitio ou, ó contrario, todo o borrará (será ese realmente o sitio das cousas)?

Sigo dándolle voltas.

Elric disse...

O problema non é dos escritores, que non son peores que os de, digamos, España, é que até ben pouco, non había traducións ao galego, co cal, se querías ler algo no noso idioma tiñas que recorrer aos da casa. Os meus aplausos á editoriais como Rinoceronte, e tamén a Galaxia (de man do meu admirado Vítor Freixanes) por empezar a poñer á nosa disposición autores contemporáneos doutras latitudes.

Habería que preguntarse por que non se empezou antes, porque desde un punto de vista estritamente capitalista, mercado habíao. Supoño que será a fraqueza de miras tan propia do noso país, ou mesmo que alguén do lobby de escritores, con esa cativeza tan galega, considerou que si se traducía, eles ían vender menos...

xosé da casanova disse...

Non nos chegaron corenta anos do Franco pequeno esmendrellando a nosa autoestima. Agora temos que aturar ao Franco grande enrabechado porque ninguén lle fai caso. O único escritor galego bo é o escritor galego morto. (Salvo el mesmo, xaora).

Xaime disse...

Franco Grande tropeza con grandes eivas, como dice Xosé da Casanova, de que ningún lle fai caso e quere da-la nota, pero recoñezamoslle que é a súa opinión e a bon seguro non só a súa.

tangaranho disse...

A verdade é que o mundinho cultural galego às vezes é claustrofóbico, o que se passa é que tal como já dixerom alguns neste sítio, quem assim fala também pertence a esse mundinho e deve-lhe o que é. As traducçons, bem vindas sejam, desde logo.

E no que respeita ao pouco que se lê literatura galega, homem, conheço gente que nom lê absolutamente nada em galego até o extremo de lêr obras de Manuel Rivas quando saim editadas em castelhano, por exemplo. Nom sei eu se isso é demasiado sano.A gente lê pouco em geral, e em galego menos, porque está em galego, nom porque seja melhor ou pior, por que o que se lê em espanhol tampouco é que seja umha maravilha: Pérez-Reverte e Dan Brown tampouco é que che sejam uns génios.

FraVernero disse...

Quixera comentar as vosas respostas e dar tamén unha opinión, máis temo que me extendería moito...

En todo caso, ide roendo tamén, se queredes, na 'réplica' de Manolo Rivas en 'Le Pays'. Tedes o link na páxina do Nhusko (http://nhusko.blogspot.com). Colaríavolo eiquí, pero non me cabe...

serra de outes disse...

o estetizante da proposta de fravernero son as subordinadas longas