Xa levo unha verdadeira dinastía (Antigónida ou Antipátrida, segundo se prefira) deste tipo de entradas 'caixón de xastre'...
Mañán lisco cara París, como xa vos adiantara, para participar no Congreso 'Urbes Europaeae' baixo o epígrafe xeral 'Crise e reconceptualización da cidade - Vangarda e Postvangarda'. Os curiosos téde-lo programa eiquí (ao picar no cartaz ábrese un arquivo pdf coas actividades). A miña parolada (que por causas que non veñen ao caso está mal titulada e posta o día equivocado...) é 'Mapping the Unmappable: Xiro Espacial, Cidade Posmoderna, Cibercidade', unha 'pequena' aproximación (sen ironía, ou alomenos, sen moita ironía; moi longa non é: só 9 folios, anque supoño que terei que recortar ao besta para que encaixe no máximo de 40 minutos que me serán asignados...) a estes tres interesantes conceptos.
Como de costume -xa sei que sodes uns adictos ao laio e crónica de desdichas que vos agasallara dende Tartu- podedes agardar jocosos sainetes que incluirán -presumíbelmente- arlequíns asasinos, aeorportos-liñas de bus-metros-labirintos do Minotauro, un país de anglófobos furibundos que runcharán o fuciño cando me oian pedir orientacións na língua de Shakespeare e outros accidentes inesperados (a caixa sorpresa!). A estrela polo momento promete ser a que eu xa alcumei a 'Comuna Dzherzhinsky' (moi apropiado o da Comuna, estando en París), nunha residencia con habitacións para 4 e 6 persoas. Ben pensado (e comparando tamén con Kiel e con Tartu), os galegos novos vivimos en luxo asiático, nunhas residencias universitarias que son os 'Hoteis Palace' do mundo do aloxamento estudantil.
Mais se macedonizo esta entrada é porque alén de pre-avisarvos dos meus divinos sainetes parisiéns atopo apropiado pararme nunha noticia que acabo de ler: a descoberta, en Bamyan (onde os Budas aqueles que estouparan os Talibáns, e que nun futuro indefinido van ser reconstruídos polo goberno xaponés) das que probábelmente sexan as máis antergas pinturas a óleo do mundo, un seis séculos anteriores ás europeas. Unha noticia cultural e neutra baixo a que se agocha, claro está, todo o discurso do Orientalismo, da nosa misión rescatadora dunha cultura que eses salvaxes nativos non son quen de entender ou de coidar. O Imperialismo cultural que tan ben resumía a cita inicial (tirada do '18 Brumario', de Karl Marx) no libro de Edward Said: "Non poden representarse a sí mesmos; deben ser representados", e que enceta coas 'misións humanitarias', que é para o que agora serven, ao parecer, as forzas armadas do noso estado, poñendo caraveis nos fusís e bombardeando xoguetes e chocolatinas alá pola Gándara (neste caso, a ironía, moita ironía, está marcada; estou a pensar nun textiño de Hobsbawn sobre o Vietnam, anque é algo que deixarei, como a reconstrucción dos Budas, para un futuro indeterminado).
4 comentários:
Sorte de pasar uns diiñas de maio en parís, 40 anos depsois.
Ti segue a espetarlles o teu inglés. Eu estou contigo,ou é que alguén recibiu amabilidade dalgún francés??
Eu desde logo amo certas cousas de Franza...Pero eles sonche revirados!
"Segundo Asalto" volta de novo ao mundo cibernético tras unha longa ausencia...
Saudiños, Fravernero ;)
ui, que pouco movemento hai por aquí!!!
Estamos todos desexosos de aventuras....
boa sorte e desfrute de Monmartre por min.
Enviar um comentário