sexta-feira, maio 16, 2008

Zazie (ou Vernero) dans le metro

Ah, o metro de París... serpe flexíbel, salmántiga envisgada que te acusa, microcosmos subterráneo, panza da balea con monicreces -non de madeira e orellas de burro, senón de carne, ferro e peluxe mol-, tobeira agochada de millóns de homes, ratas e baldosiñas negras de insectos de charol chic rispando xusto detrás dos azulexos brancos. Parafraseando ao poeta, 'o metro é a virxe / dos tempos modernos'.

Debo confesar a miña rotunda simpatía por este medio de transporte, tanto nas súas glorias como nas súas miserias. O metro (e o de París é o que lle puxo o nome en línguas hispánicas ao transporte baixo terra, coa súa auroral Compagnie du chemin de fer métropolitain de Paris, logo abreviado en Métropolitain, e aínda máis recurtado en Métro) é sempre un dos espazos no que máis me fixo cando viaxo a unha grande cidade; e o tempo que paso estudando as liñas de cor fosforescente é simultanamente de descuberta e fascinio. A súa xeografía ecoa as Cidades Invisibles de Calvino, e cada estación é un mundo de diversa tecnoloxía e adorno, mestura do vello e do novo, de graffitti, suicidas e marcas de humidade tocando un coro en Allegro con fuoco para mellor e máis rapidamente mover a inxente e apretada magma dos corpos en movemento. Espazo de tránsito, espazo público intermediario, que é tamén un corte vertical no fresco ou tapiz da sociedade, xuntando en (non tan) leda camaradaxe ás distintas clases nuns tubiños reducidos onde a violencia reprimida e a desigualdade exuda dos poros co aroma acre a suor de tantos membros apiñocados...

O tópico agora sería Pound (At a metro station) ou as bocas infernais do teatro sacro medieval -ou do Greco: véxase 'O soño de Felipe II'-. Mais como xa dixen, para mín o transporte subterráneo é un espazo de exaltación, tan intensa como as cores das súas liñas, que cifran unha escrita oculta de paradas e de números. Cada liña é unha historia coidadosamente trenzada con outras liñas e historias: o ton ven dado pola lonxitude, a cor aguda, o exotismo agochado nos nomes de persoas e de lugares: Place d'Italie en laranxa, liña 5, onde Goethe descende para ver florecer o limoeiro e recender un chisco das flores de azahar e o clima meridional, liberado dunha prisión inexistente (Bastille) e tropezando co nudo, ou escenario para despois dunha batalla: Stalingrad. Dúas portas (All along the Watchtower) pechan a mini-cidade da liña 4, en Morado: da Porte de Orleáns á Porte de Clignancourt. No medio, a transversal que fai de camiño máis curto corta coa liña 12, de intenso verde esmeralda, serpe emplumada, en Marcadet Poissonniers, a unha parada tan só da destartalada Jules Joffrin (e qué historia se agocha detrás dese nome, tan xordo e baleiro significante pra mín coma calquera ringleira de xeroglifos do templo de Luxor?). Logo a longa liña turquesa, entre azul e verde claro, que lambe lixeiramente o terrón de azucre negro das banlieues: 13 -St. Denís -Université, onde cada un dos pasados días tornábamos á luz dunha facultade incríbelmente fea incluso para o padal máis acostumado a certas feísimas construccións compostelás. E máis liñas, e máis cores, e máis nomes, engrandecido simulacro dos cables da luz cos que xogábamos a facer pulseiras, non mapas da gran cidade, nunha idade que xa parece infinitamente remota...

Ei-lo metro, un chisco do seu encanto e unha proposta, derrotada de antemán, dun mapear inmapeábel da cidade amada, soterrada 'sen que fose nunca nosa'. A outros xeógrafos lego a labor imposíbel, mentres eu sigo xogando cos diversos cables -vellos e novos- da nostalxia.

Post Scriptum: Para a miña vergoña e oprobio eterno descubro agora que Jules François Alexandre Joffrin foi un socialista, un dos loitadores desa Comuna de París que tanto admiro e cuxos espazos e restos tanto agocha a grande urbe...

3 comentários:

O Raposo disse...

Sempre gostei dos metros, esas modernas catacumbas polas que desfilan lizgairos os vagóns como metálicos animais mitolóxicos, encrequenados baixo o peso das rúas poeirentas e dos viandantes apresurados.
Un universo subterráneo envolto nun manto de misterio e fascinación.
Apertas e disfrute vostede do de París.

Nébeda disse...

Eu tamén gustaba de adornarme as orellas con cereixas, xa sabes... a sabiduría da nenez, que xa non volta.

SurOeste disse...

Unha páxina belísima, Irmá.