quarta-feira, agosto 20, 2008

Fernand Braudel - A traizón da burguesía

A burguesía do século XVI, adicada ao comercio e ao servizo de el-rei, está sempre ao borde da desaparición. A ruina financieira non era a única causa. Se se enriquece moito ou cansa de correr os riscos naturais á vida comercial, a burguesía comeza a mercar cargos, rentas do Estado, títulos ou feudos, e sucumbe ás tentacións da vida nobiliaria, ao seu prestixio e á súa tranquila indolencia. O servizo de el-rei era o camiño máis curto cara a nobreza; este camiño, que non exclúe aos outros, será un dos axentes que aclararán as filas da burguesía. A nobreza renega con tanta maior rapidez de sí mesma na idéntica medida na que o diñeiro que distingue ao rico do pobre, no século XVI, resulta ser un atributo de nobreza. Amais, no paso do século XVI ao XVII declina o comercio e as persoas prudentes consideran que as terras son a forma máis segura de inversión. E as terras son aristocráticas por vocación. "Entre os principais mercaderes florentinos diseminados ao longo das prazas de Europa -conta o historiador Galluzzi-, foron moitos os que a finais do século XVI repatriaron os seus fondos na Toscana para invertilos na agricultura. Sinalemos aos Corsini e aos Gerini, que retornaron de Londres; aos Torrigiani, que abandonaron a cidade de Nuremberg, e aos Ximenez, mercaderes portugueses, que se fixeron florentinos". Qué estampa tan expresiva esta dos grandes mercaderes que se reintegran á súa terra toscana apenas un século despois de Lourenzo o Magnífico! Pasemos unhas páxinas, e ao chegar o ano 1637, co motivo dun cambio de reinado, xorde unha Toscana nova, estirada, nobiliaria, cortesá... É a Italia de Stendhal, que se viña anunciando de longo atrás, e que, nembargantes, causa sorpresa, nesta cidade onde con tanta forza latexara o corazón libre do Renacemento... Todo un decorado antigo e burgués caera por terra, entrementras. Non cremos que sexa esaxerado, en efecto, falar da bancarrota da burguesía. Esta estaba vencellada ás cidades; e nas cidades coñeceran dende moi cedo unha serie de crises políticas, como a revolta dos Comuneros en 1521, ou a toma de Florencia en 1530. As liberdades urbás saíron moi quebrantadas destes embates. Viñeron logo as crises económicas, pasaxeiras nun comezo, pero que co século XVII se fan persistentes e afectan profundamente á prosperidade das cidades. A mudanza era inevitábel, e xa estaba en camiño.

3 comentários:

A Raíña Vermella disse...

A Italia do XVI é un deses lugares dos que teño, por así dicilo, morriña anacrónica. Momentos no tempo dos que sinto nostalxia como se os vivira.Unha mágoa non crer na reencarnación. Maldito materialismo histórico!

FraVernero disse...

Podemos vivir o pasado a través dos seus restos literarios, de todas maneiras, ou as grandes obras de historia sobre eses momentos. Como a de Braudel...

Sigo loitando co seu libro. É un pracer, malia que as 1.600 páxinas (papel biblia e letra pequena) impoñen un certo freo. Pensara colarvos un anaco sobre a piratería cristiá no Mediterráneo, mais problemas de extensión (a Rede e os blogs toleran moi mal fragmentos algo longos) levaron á escolla deste.

SurOeste disse...

FErmoso texto, frater!