sexta-feira, agosto 15, 2008

Osetia (2)

Fai case dous anos xa faláramos nesta bitácora de Osetia, tristemente de actualidade máis unha vez dado o conflicto e as mortes que tiveron lugar estes días nesa conflictuosa zona do Cáucaso. Un está moi lonxe de ser un experto sobre o tema, mais xa que é un suceso urxente e o Manuel anda a tocalo na súa Casa, non estará de máis tecer unhas liñas corsarias arredor do conflicto.

Unha mala sorte histórica leva acompañando a este pobo alomenos dende o século XIII, cando as invasións Mongolas devastaron o territorio. Trala caída do estado medieval seguiu a subordinación e asedio polos seus poderosos veciños: no sul os Imperios Persa e Otomano, no norde a Rusia tsarista, coa que os osetos (de relixión ortodoxa na súa maioría) rematarían por aliarse. Á altura de 1809, a maioría do país estaba baixo o control dos rusos.

Unha oportunidade sen precedentes veulles dada aos osetos coa Revolución de Outubro, que proclamou o dereito das nacións á autodeterminación (e na práctica, baixo goberno ruso-soviético, levou á formación de repúblicas autónomas que en boa medida respectaban e fomentaban a cultura e os idiomas propios das diferentes nacionalidades do Imperio). Os pobos da zona formaron a República Montañosa do Norde do Cáucaso (soviética a partir de 1920). Dentro só estaba unha parte dos osetos: o que sería a futura Osetia do Norde. Osetia do Sul tocoulle ao territorio da tamén independente República Democrática de Xeorxia. Insatisfeitos coa separación nacional, os osetos do sul rebeláronse contra o goberno xeorxiano, e apoiaron ao Exército Vermello cando ocupou esas terras. A pesares disto, os soviéticos decidiron non unificar as Osetias por motivos evidentemente interesados: ter repúblicas e comunidades étnicas insatisfeitas dentro de Xeorxia (non só Osetia do Sul, senón tamén Abkhazia e Adjara) íalles permitir facer presión sobre o goberno de Tblisi, coa ameaza da desmembración territorial do seu estado ('Divide et Impera' sempre foi estratexia productiva das grandes potencias e nacións colonizadoras. A outra, que tamén empregaron moito os soviéticos foi 'rusificar' os territorios anexionados das fronteiras, asentando neles a grandes cantidades de rusos nativos coa excusa da industrialización; poboación rusa que aínda é fonte de conflictos e problemas nos países bálticos ou no leste de Ucrania, e que polo xeral rexeitan 'culturizarse' e integrarse nas modernas repúblicas ex-soviéticas).

Á caída da URSS seguiu o estourido das reivindicacións nacionais en todo o territorio, o elemento identitario máis forte que lles quedaba ás poboacións trala caída do socialismo real (un nacionalismo que o goberno soviético fomentara e reprimira a partes iguais). Mais a astuta política rusa garantiu a debilidade dos novos estados-nación, acosados polas divisións étnicas e as nacentes esixencias dos 'ananos', os antigos territorios autónomos dentro das novas repúblicas. Iso non quitou aos rusos de sufrir doses da súa propia mediciña, coma testemuñou o longo e sanguinario conflicto en Chechénia, territorio case veciño das Osetias.

No caso xeorxiano, e co apoio interesado dos rusos (que decidiron castigar así a 'traizón' e distanciamento pro-OTÁN dos seus antigos vasalos), os territorios de Osetia do Sul, Abkhasia e Adjara proclamaron a súa independencia. O goberno de Tblisi só conseguiu someter aos Adjaros. Trala pequena guerra destes días, os outros dous conseguiron a idependencia de feito, malia que baixo o amparo, a 'protección' e o financiamento do goberno de Moscova.

Adoptar unha postura clara sobre o tema, como vedes, faise moi enrevesado. Como nacionalista, non podo deixar de simpatizar coas reivindicacións nacionais osetas, e lamentar que estas só poidan prosperar co cínico apoio ruso (que xa demostraron no Cáucaso a simpatía que lles inspiran os movementos secesionistas). O xeorxianos actuaron tamén de xeito dogmático e imperialista (unha epidemia da que non se libran as pequenas nacións), anque quizaves é inevitábel en calquer proxecto de construcción nacional o de buscar certa uniformidade cultural e lingüística. As súas reinvindacións (con apoio da ONU e dos EEUU) sobre a soberanía e unidade territorial do seu estado resultan hipócritas cando pensamos en feitos recentes, como a proclamada independencia de Kosova. De novo temos dobres raseiros de medir: unha separación 'inconstitucional' e apoiada pola maioría absoluta da súa poboación resulta nun caso refrendada, e no outro negada tallantemente (o que non deixa de remitirnos de novo á hipocresía cínica e contradictoria á que nos ten acostumada a ONU, que recoñece ao mesmo tempo o dereito das nacións á súa autodeterminación, e o dos estados a manter a súa soberanía e integridade territorial, co cal quedamos tan parvos como cando comezamos...).

8 comentários:

Manuel L. Rodrigues disse...

ben; agora si que quedou a cousa un pouquiño mais clara...

...sigo apostando pola autodeterminación. Mala cousa cando as ONUS non o permiten ou non o recoñecen... (xa sabes as opinións que teño respeito a todo isto)

Aínda así non deixa de ser un problema complexo.

Unha aperta

FraVernero disse...

Sí... un dos problemas da realidade é que todo son problemas. E complexos...

amauta disse...

Os raseiros son dobres. Mais iso non é novo. Todo vale cando se trata de movimentos nacionais?? Penso que non. Rusia non ten razon no uso que fai da forza e Xeorxia, pois persoalmente non me é de fiar.
Ogallá os nacionalismos tiveran o único substento dos pobos e da súa vontade.
Exemplos: Viet Nam, Cuba, Irlanda, Timor Leste ... Galiza??

Anónimo disse...

Os ossetios téñeno difícil. Teñen dúas frontes: a rusa e a xeorxiana. Os rusos sorrinlles e danlles unha man mentres se inclinan levemente. Mais xa sabemos todos o que ten na man escondida tras do cu. Os xeorxianos buscan "estabilidade nacional" intentando eliminar minorías e lingua do seu territorio pouco a pouco. A única saída que lle vexo a Ossetia (Ирыстон) é a mesma saída que poden ter Abkhazia (Аҧсны), Chechenia-Ingushetia (Нохчийчоь e ГӀалгӀай Мохк), Adjara (აჭარა), Nakhchivan (Naxçıvan), Karabakh (Ղարաբաղ) ou Adygea (Адыгэ), entre outros. A de unión mutua entre eles para ir pouco a pouco gañando dereitos fronte a Rusia, Xeorxia e Azerbaixán. Os peixes pequenos teñen que se unir, aínda que sexa en van. E nesa zona non hai unha cultura de unión entre etnia minorizadas para poder gañar algo. Non entro nas razóns polas que non as hai. Quizabes sexa preciso ollar o problema e as razóns con lentes non occidentais, sempre embarrañadas por eses lares. Iso daría para falar moito. Só no Daguestán hai tantas minorías e linguas que voltaría tolo a calquera.

Oi, coido que serpeei tanto que xa se me fixo moi grande o tema. O digo, unión de nacións fronte a Rusia, Xeorxia e Azerbaixán. Mais fai falla conciencia, ter o bandullo minimamente cheo e cabezas Castelaos caucásicos que saiban como fiar as agullas imperiais e petrolíferas.

Moncho Pais

Leopold Bloom disse...

Aahh amigo Fravernero a lectura de Archipiélago é desoladora, coido que todo o que dicía ese cabrón era verdade...

Moncho Pais disse...

Ei irmán!

Véñoche á túa porta petar co gallo do meu caderno presentar. Pois o dito... http://osmaresdeirlanda.blogspot.com Eis o meu caderniño de bitácora. Agardo que gostes del.

Un apreixo forte.

FraVernero disse...

Home, Moncho!

Non sen tempo. Xa tocaba disfrutarche nas ondas virtuais con regularidade, que a páxina non é que a renoves moito, eh?

Aperta!

M.

Elric disse...

Moi boa análise, desde a miña ignorancia da complexa historia do Cáucaso.