Esta pequena república do Cáucaso é noticia estes días xa que o mércores inaugurouse na vila de Digora unha estatua de Iosif Stalin. Nunha escea digna dos vellos tempos, os rapaces axitaban panos vermellos e os maiores pousaban caraveis no obelisco de granito, coroado cun busto dourado de Koba.
É que coincidindo co solsticio de Inverno, os nostálxicos festexaron o 126 aniversario do natalicio do vello dictador. Tamén en Moscova, malia o mal tempo, xuntouse un grupiño diante da súa tumba; e na súa vila natal de Gori, en Xeorxia (moi perto de Osetia), os veciños brindaron na súa honra.
Pero o meu interese, alén do anecdótico, ven doutra banda. Acabo de rematar o libro de Georgues Dumézil 'Os deuses soberanos dos Indoeuropeos', e nel incluíase de pasada unha curiosa referencia a este pobo caucásico; en opinión do autor, este pobo sería descendente dos Escitas tan mencionados nos textos gregos da Antigüidade (hoxe parece que máis ben veñen dos Alanos e os Sármatas, anque en todo caso, todos estes grupos falarían línguas irmás, de raíz irania); entre as súas letras está unha colección de textos épicos arredor dos irmáns Nardas, que exemplificarían (como os Pandavas do Mahābhārata) as distintas funcións do esquema trifuncional indoeuropeo: a da maxia/soberanía, forza/vigor militar e riqueza/fertilidade.
Son as curiosidades dun país enorme como Rusia. Cando un pensa que un pobo desapareceu da Historia, como aqueles Alanos que invadiran, cos Suevos e Vándalos, Hispania, Gallaecia e o Norte de África; que deran a Aspar, magister militum do Imperio Bizantino, e á Alania medieval, velaí aparece de novo...
E a súa língua, como a nosa, está en perigo de extinción. Con menos de cincocentos mil falantes, a rusificación forzosa dende os anos 60 eliminou o oseto das escolas, a xuventude pasouse á lingua imperial e no territorio asentouse unha considerábel poboación de rusos étnicos pouco tolerantes co multilingüismo.
Agardemos que non despareza...
Sem comentários:
Enviar um comentário