terça-feira, agosto 12, 2008

Miscelánea

Por estes días morreron dous escritores famosos, nas antípodas ideolóxicas, aos que lín e polos que teño un grande respecto: Aleksandr Solzhenitsyn e Mahmoud Darwish. Os dous son de sobra coñecidos, o que non obsta para adicarlles unha pequena semblanza subxectiva.

O 'Arquipélago Gulag' é unha desas obras que leo con certo horror e pracer masoquista, e que me permitiu ver nunha perspectiva algo máis crítica certas ideas nas que (mal que ben) creo e as súas desastrosas aplicacións prácticas. Non dubido, amais, de que alomenos o 60% do que conta o autor, malia a súa tendenciosidade ultraconservadora e mística (nisto lembra a un espectro de Dostoyevsky) é a verdade sobre o retablo de horrores da tundra siberiá, e deixa establecido un camiño que non se pode volver a seguir desa maneira. Do libro só rescatar a anécdota dunha conversación carcelaria de Genriij Yagoda (o terceiro tchekista-xefe, e representante da decadencia moral desta; se o primeiro fora un cabaleiro cruzado puritano e incorruptíbel e o segundo un intelectual culto e frustrado -aprendeu persa só para poder ler a Omar Khayyám-, Yagoda foi un mero lacaio pervertido: coleccionaba consoladores e pornografía, e o único elemento redentor que tiña era o seu amor apaixonado pola nora de Gorki; de Yezhov ou de Beria mellor xa nen falar...).

Mahmoud Darwish foi ata a morte a voz inquebrantábel do pobo Palestino: comunista, testemuña elocuente de exilios e sufrimentos, e un grandísimo poeta, autor de máis de 30 libros de versos, entre eles Awraq Al-Zaytun ('Follas de Oliveira'), al-Kitabah 'ala dhaw'e al-bonduqiyah ('Escribindo baixo a luz da pistola') e Ahad 'asher kaukaban ('Once planetas'); curiosamente (ou non tanto...) apenas foi traducido ao inglés. Sobre o facer poético dixera elocuentemente:

"Pensaba que a poesía podía mudalo todo, podía mudar a historia e podía humanizar, e penso que a ilusión é moi necesaria para impulsar aos poetas a que se impliquen e para que crean, mais agora penso que a poesía cambia tan só ao poeta".

Pechar a necrolóxica cunha mención a Aimé Césaire, que xa morreu pouco antes de marchar eu pra París, e que ten conquistado un lugar no corazón do mantedor especialmente pola súa pequena 'Tempête' ou o 'Caderno de retorno ao país natal'.

No eido dos vivos, destacar que Xose Luís Méndez Ferrín acaba de xubilarse do Santa Irene despois de numerosas décadas como profesor de liceu. Agardamos que o tempo libre lle permita dar ao prelo algún libro novo e sustancioso -alomenos, un chisco máis que os dous últimos, que ei confesar me resultaron un pouco decepcionantes-.

6 comentários:

Anónimo disse...

descreo da afirmación de que o gulag sexa a consecuencia dunha aplicación práctica dunhas ideas. o fenómeno é máis complexo. tamén o estado do benestar é o resultado da aplicación práctica desas mesmas ideas

FraVernero disse...

Sen dúbida. Estamos diante dun asunto complexo. Non pretendo inferir que toda aplicación socialista (na que creo) teña que rematar aí. Discutiríacho para un modelo de estado e revolución leninista (neste caso, cunha mera metodoloxía empírica, veríase que todos os estados desa patrón seguiron unha evolución similar niso), que tendo a considerar un glorioso, nobre pero á fin torpe e triste fracaso.

Canto ao estado do benestar, non creo que sexa a aplicación 'das mesmas ideas', porque non é socialista; como moito, é capitalismo keynesiano e intervencionista.

Anónimo disse...

estou de acordo coa definición de estado do benestar como "capitalismo keynesiano e intervencionista". pero chégase a el grazas á acumulación de forzas e á presión -folgas xerais e salvaxes- dos obreiros occidentais, case sempre de ideoloxía socialista -alomenos nas súas "vangardas" (tomo o termo con toda a precaución do mundo-.

FraVernero disse...

Bueno... eu sería algo máis escéptico. Creo que se chegou a el, en parte, por esa acumulación de forzas e presión (sobretodo, por exemplo, nos países escandinavos, que é onde aínda funciona mellor que en ningures ese modelo), pero tamén polo terror ao comunismo, despois de 1945, que obrigou a Estados Unidos a mellorar drásticamente as condicións de vida dos europeos ou ver como o Comunismo tomaba o poder ata nas democracias occidentais (daquela cando o PCI ou o PCF eran partidos de masas). Caído o muro e o socialismo real (con todos os seus innumerábeis defectos), levamos 2 décadas de involución e avance do neo-liberalismo, de afundimento da esquerda socialista 'real' (a que propón a igualdade social e económica e economías con algún tipo de planificación avanzada e alternativa ao mercado).

Anónimo disse...

de acordo. pero ese terror ao comunismo non foi unicamente un terror aos tanques soviéticos, senón á forza das clases subalternas no interior, penso.

FraVernero disse...

Pois sí que estamos a ter un debate interesante, eh? Deberamos continualo fora das ondas virtuais, nun sitio agradábel con bebidas frías...

Sí, ese terror ao comunismo (das potencias occidentais, enténdase) era o terror a que resultase máis persuasivo, máis seductor ás alternativas do capitalismo (un capitalismo, amais, que asumiu -mal que ven- que a crise do 29 impedía en moito tempo o retorno ao laissez faire, ao modelo clásico que agora tornar a agromar a testa). Visto dende a perspectiva de hoxe, e dende o feito de que os gobernos do leste caeron fundamentalmente porque non conseguiron (malia tódalas técnicas panópticas de control social, ou precisamente por culpa destas) crear o consenso necesario detrás delas (e quizaves uns niveis de consumo e benestar) resulta sorprendente. Pero nesa época (anos 30-40) o comunismo conseguía a maioría electoral nunhas eleccións democráticas! Moita da xente nova, dos intelectuais, consideraba que o comunismo era o futuro. Un mundo que non ten nada que ver co noso, dende logo...