quinta-feira, outubro 09, 2008

And the winner is...

Hoxe, como posíbelmente saibades, van fallar o premio Nóbel de Literatura para este ano. Ábrense cábalas e apostas, que en poucas horas han topar resposta e caladoiro definitivo (alomenos, ate o ano que ven).

A peculiar institución sueca merecería un estudo detallado e particular do seu ser, do seu papel canonizador, evidente dende xa fai moitos anos, de certas lóxicas de escolla. Moito choveu dende as instancias testamentarias do dinamiteiro ("para a obra máis destacada de tendencia idealista"), e coma outros clubes canónicos privados, foise abrindo co paso dos anos, ata o extremo de que moitas das escollas das primeiras décadas resultan difícilmente explicábeis, alén de ter pasado ao esquecemento; nomes coma (o Mantedor pide perdón por adiantado se algún furioso lector da bitácora e destes autores ten a ben rescatalos en ardente resposta) os de Jacinto Benavente, Echegaray, Sully Prudhomme, Bjørnstjerne Bjørnson, Selma Lagerhöf, Henrik Pontoppidan, Frans Eemil Sillanpää, Winston Churchill (sic...) ou Pär Lagerkvist.

De certo que non pasa desapercibida a altísima presenza de escritores escandinavos nas fornadas iniciais (lóxicamente, os académicos poden abandeirar libros cuxas línguas puidesen ler, ou que contasen con oportunas traduccións. Isto é algo que conseguiron mellorar moitos nos últimos anos). As ausencias tamén son tan elocuentes como as presenzas, destacando as frecuentemente mencionadas (nas zonas de fala hispánica) de Cortázar ou de Borges. Un persoalmente tende a subliñar o feito de que con anterioridade a 1989, o número de premiados comunista é virtualmente inexistente: están Sartre, que con toda coerencia, rexeitou o premio, e Sholokhov, o autor canónico do Realismo Socialista; o feito de que os restantes rusos escollidos fosen todos persoas con (no mellor dos casos) 'conflictivas' relacións co poder soviético resulta moi significativo. Tendo en conta que xa non existen os Premios Lenin da Paz (que viñan a ser un laxo equivalente soviético, e que lista algúns rancios moi do gusto do Mantedor: Yannis Ritsos, Bertold Brecht, Jorge Amado, Nicolás Guillén, Mahmoud Darwish ou Faiz Ahmed Faiz), un alédase de que dende a caída do Muro algúns destes foran topando nicho (xunto cos escritores post-coloniais no mundo anglofalante, ou propostas arriscadas e polémicas, como a de Jelinek...).

Apenas acabo de escribir estas liñas cando vexo nas novas virtuais cal é o gañador deste ano: Jean-Marie Gustave Le Clézio, autor, segundo a Academia, de "novas saídas, aventura poética e éctase sensual, explorador dunha humanidade máis alá e por debaixo da civilización actual'. Facía moito que non llo daban a un francés (anque Gao Xinjian creo que escribía nesa língua).

3 comentários:

Anónimo disse...

Entre os comunistas premiados antes de 1989 co Nobel de literatura esquece, polo menos, a Neruda, sr. Vernero.

FraVernero disse...

Certo e! Gran desculpa aos fans do Chileno (do que en certo recital do monte da Condesa que lembrará Sir Gawain tiven oportunidade de recitar os seus versos máis ráncios)...

O Raposo disse...

Pois voulle dicir (cun ton non exento de orgullo) que da primeira lista de escritores que dá non lin a ningún. E con respecto a ganador deste ano, idem.
Polo demais, concordo con vostede no destacado de certas ausencias.