quinta-feira, março 12, 2009

quo usque tandem abutere, Quintana, patientia nostra?

En realidade, do que vos quería falar hoxe é dun textiño de William Burroughs, unha especie de borrador para o capituliño 'The Black Meat' do 'Naked Lunch' que ao final non incluiu e no que disfrutei dun reflexo despiadado daquel Xeneralísimo de mans tintadas en sangue que tivemos que aturar por corenta anos. Mais a ira dominoume ao ler as patéticas excusas do inútil ese, o Spartaculus que polos nosos pecados segue a espernexar e que se topo algún día pola rúa vai recibir unha sarta interminábel de improperios e un pequeno intento de linchamento. Por sorte, contamos con lecturas un chisco máis atinadas, como aquela de monsieur Lándoas dende a súa bitácora, á que só me permito protestarlle amistosamente que incide pouco na necesaria e despiadada autocrítica que debe facer o nacionalismo galego e os seus tiránicos/titánicos (só polo barco afundido e a metáfora da nave sen goberno) timoneis da U. E afortunadamente, amais, temos as lúcidas declaracións de Beiras, antigo convidado de pedra e commendatore resucitado, único político vivo no que o Mantedor confía (xunto con algúns dirixentes latinoamericanos) e ao que seguiría (Capitán, meu capitán) ate a fín do mundo, e máis en calquera iniciativa política que encarreire, coma cirurxán de ferro, se os burócratas e 'galeguistas' seguen controlando o aparato do 'nacionalismo real'...



Alén, é o meu parecer que Quintana debe ser cesado de inmediato e a UPG, hidra velenosa, expulsada do control do BNG. En caso contrario, a ruptura do Bloque é unha necesidade e un feito.

4 comentários:

Moncho Pais disse...

Ultimamente fálame moita xente da necesidade de partir o BNG. Podo comprendelos, pero ese camiño é moi arriscado. Podemos converternos en minorías absolutísimas e inutilísimas. A solución pasa pois por, como ti dis, botar fóra a hidra velenosa upegalla. Ten que haber unha plataforma externa que controle eses asuntos. No da dimisión de Quintana, pois que che podo dicir? Xa está tardando e comeza a dar mala imaxe iso de que non haxa "vítimas" desta batalla perdida. E por supostísimo, para min Beiras é o único político "xusto e necesario" que queda neste País. Con el, coma ti, deica a fin do mundo. Por que non volta? Quédalle moita corda aínda, non é un Fragasaurus. Que volva Beiras, carallo! Querémolo dentro e bourando.

Ogallá!!!

FraVernero disse...

Que tal, irmán...

Eu xa conto coa desaparición de Quintana, de certo, mais o problema real é, como ben dis, a U. Romper o Bloque é unha perspectiva que non lle chama a ninguén, e que a curto prazo supón a garantía do retroceso político do nacionalismo (aínda cos mesmos votos, segundo a odiosa lei D'Hont), mais eu teño serias dúbidas de que a U estexa disposta a descabalgar e deixar de dirixir -en dirección desastrosa- ao Bloque. Antes de deixar o xoguete, preferirán rompelo. De todos xeitos, veremos o que pasa nos próximos días...

fgul disse...

...a verdade é que sí que sería arriscado partir o BNG, máis teño que recoñecer que ansío descaradamente e sen ningún tipo de remordemento unha corrente fora do Bloque, pola esquerda, con posibilidades reais de acadar representación parlamentaria.

Xa veremos o que pasa, pero non podo evitar emocionarme tras ver a Beiras "petando enriba da mesa" e sendo o uno "bloqueiro" interesado no estado dos detidos por defender a lingua galega.

Unha forte aperta

A Raíña Vermella disse...

Pois polo que parece a ruptura xa é un feito (ou polo menos un feito xornalístico, que é o grao mais alto da evidencia cientifica :p) Coido que, á marxe das consecuencias electorais da fractura, irse do BNG neste momento é tan comprensible que non se pode artellar crítica ningunha, nen sequera de orde práctico. Por desgraza.