quinta-feira, novembro 12, 2009

Mictlán - O Inferno Azteca

O Mictlán era a mansión do deus Mictlantecuhtli, Señor dos Mortos, e da súa compañeira feminina Mictlancihuatl (Mictecacihuatl). Mictlantecuhtli sóese representar coma unha caveira sinxela, ou cun coitelo de obsidiana chantado a través do nariz.

Para chegar ao Mictlán, os mortos tiñan que levar a cabo unha longa viaxe inzada de obstáculos naturais que superar en nove fases diferenciadas. No primeiro momento os mortos tiñan que atravesar un río chamado Apanohuaya. No intre en que chegaban ás augas precisaban da asistencia do cadelo Techichi que fora enterrado con eles, para poder nadar a través do río. Despois de saír do cauce completamente nú, a seguinte barreira consistía en pasar a través do Tepetl Monamietia, unha parella de feroces montañas que batían constantemente a unha contra a outra. A partires de aquí, os mortos escalaban a montaña que se chamaba Itztepetl, cuxa superficie era un manto de pezas de obsidiana afiadas coma gumes de navalla. A seguinte proba levaba aos mortos a cruzar os oito abismos (Cehuecayan), nos que a xélida temperatura daba lugar a unha neve eterna, e os oito vales (Itzehecayan) onde ventos brutais cortaban neles coma se fosen coitelos. Ao superar isto pasaban por un camiño descendente no que se vían expostos a unha nube innumerábel de frechas (Temiminaloyan), só para descubrir que un xaguar engulira os seus corazóns. O seguinte obstáculo consistía no cruce dun misterioso lugar chamado 'onde as bandeiras ondean', e onde os mortos topan unha especie de lagarto ou crocodilo chamado Xochitonatl. O lagarto era o símbolo para a terra, e tamén para o derradeiro día do ano, o que indicaba que os difuntos estaban a chegar ao final da súa odisea e retornando á terra.

A estas alturas da viaxe, os mortos víanse na obriga de cruzar os Chiconahuapan (os nove ríos) de novo coa axuda do cadelo Techichi, para finalmente chegar a Chiconamictlan (o noveno inferno) onde eran recibidos por Mictlantecuhtli. Pensábase que esta longa e difícil viaxe requería duns catro anos para completarse. É neste intre cando os mortos perdían o vencello coa súa corporaleidade física e terrestre, pasando a desintegrarse e a desaparecer para sempre na escuridade e na nada. Aparentemente, non había posibilidade de vida eterna ou doutra existencia para aqueles destinados ao Mictlán. A inmortalidade estaba reservada para aqueles escollidos para habitar nos outros tres mundos da ultratumba.

4 comentários:

Raposo disse...

Resumindo: que as pasaban putas!

FraVernero disse...

Hahahaha...

Bon, os aztecas eran unha civilización moi catastrofista, todo hai que dicilo. De todos xeitos, había outras vidas alternativas, mais reservadas para aqueles que tiñan mortes específicas e máis 'nobres' para a súa ideoloxía militarista. Así, os sacrificados e os soldados mortos en batalla ascendían ao ceo de Huitzilopotchtli, convertidos en colibrís. Os que morrían por efectos do deus das augas Tláloc (afogados, de gota, fendidos por raio, sacrificados a este) pasaban ao Tlalocan, un paraíso de eterna primavera. As mulleres que morrían dando a luz eran coma os guerreiros, e os nonatos agardaban unha nova encarnación no alto da árbore do mundo...

Leopold Bloom disse...

Vexo que as miñas cismas actuais están preto das túas.

amauta disse...

MMMMM...Acabo de chegar de Xapón e miro que andas a pescuda dun voo a Xapón (sen moita volta nin moito lío) e ademais barato.
Eu fun con Air France. BCN-París-Tokyo e saiume por menos de 500 euros. Entrar por Osaka pode ser útil pero non providencial (os transportes son rapidisimos e podes moverte con facilidade).
Para calquer axuda o meu e-mail está aberto.
amautacastro@hotmail.com