sábado, abril 10, 2010

Palabras Clave: Dialecto

Cando teño tempo, aproveito estes días para ler o libriño 'Keywords', de Raymond Williams. Este é unha especie de pequeno diccionario crítico: cen palabras 'problemáticas' cuxos cambios de significado ao longo do tempo estuda o autor. A tese de Williams é que os diferentes significados non deberan xulgarse dende parámetros de 'correcto-incorrecto', ou fidelidade ou non ás orixes; ao contrario, os significados son construccións sociais, e as mudanzas reflicten os debates ideolóxicos, a loita de clases, os cambios económicos, sociais e políticos e como éstes son conceptualizados e seguen a ser discutidos.
Un exemplo é a súa entrada sobre a palabra 'dialecto', que paso a colar e traducirvos eiquí:

Dialect chegou ao inglés a finais do século 16, dende a palabra francesa dialecte, con raíz no grego dialektos. O senso orixinario de 'discurso' ou 'conversación' xa experimentara unha ampliación na lingua orixinal para indicar un xeito de falar ou a fala do rural ou dos distritos. No inglés, agás certos usos ocasionais, pasou a especializarse no seu senso actual dende os séculos 17 e, especialmente, 18; un senso no cal non se trata tan só de lingua dun distrito, senón que, como dí o OED, trátase "dunha das formas subordinadas ou variedades da lingua que xorden de particularidades locais de vocabulario, pronuncia e modismos". A palabra clave eiquí é 'subordinadas', que debe entenderse no contexto da definición desta do OED: "variedade da fala que difire do estándar, ou da 'lingua' literaria".
Que nesta última definición apareza entre aspas a palabra 'lingua' pódese entender coma unha prudente reflexión a posteriori. O que toca discutir non é o feito evidente que os modos de falar diverxen en diferentes lugares dun país ou dunha zona lingüística, senón a confianza desa designación de 'subordinadas'. Isto emparenta de xeito estreito co desenrolo da idea dun inglés 'estándar' (vale para calquer outra lingua) no que un emprego escollido (no caso do inglés, por motivos de clase) pasa a converterse en autorizado e dominante ('correcto'). A referenza alternativa á 'lingua literaria' non se refire de xeito principal á linguaxe da literatura, no senso actual de escrita imaxinativa, senón ao senso máis antigo de linguaxe apropiada no senso de 'lingua educada, das clases cultas', e por riba de todo no tipo de escrita ao que ésta deu lugar.
As confusións resultan, entón, evidentes. Os primeiros empregos non teñen o senso de 'subordinadas'. Designan un lugar para indicar unha variación. De feito, temos usos dende 1635 no que a palabra dialecto é empregada co senso co que hoxe diríamos lingua: 'A lingua eslava é dunha grande extensión: dela temos moitos dialectos, coma o ruso, o polaco, o bohemio, o ilirio...'. Hoxe falaríamos dunha 'familia' de 'linguas nacionais'. De feito, é neste marco de estabilización dunha lingua 'nacional' e logo dentro do proceso centralista de creación dun estándar no que formas totalmente nativas, variantes auténticas e con longa tradición pasan a designarse coma culturalmente subordinadas. A lingua, vista dende un ponto de vista neutral, existe coma un corpo de variacións. Mais dentro dun proceso de dominación cultural, o que se proxecta non é só unha versión con autoridade, seleccionada, a partir da cal tódalas demais variedades son xulgadas como inferiores ou incorrectas, senón tamén unha noción prácticamente metafísica da linguaxe na que este existiría dunha forma alén das súas variacións reais. Así, non temos só o inglés estándar e logo os dialectos; nesta proxección teríamos tamén un inglés singular, e logo os dialectos do inglés.
Resulta de interese observar os axustes deste tipo de descripción dominadora, relacionándoos coas mudanzas das relacións sociais. Un bo exemplo disto é a transición dende o 'dialecto yanki' a 'Inglés Americano', que só se completou (nesta beira do Atlántico) a mediados do século 20. O caso é similar na frase habitual 'linguas minoritarias', que inclúe a implicación de 'menos importantes' no seu habitual emparellamento con 'linguas maioritarias'. Isto é outra forma de dominación. Existen realmente línguas de minorías; moi habitalmente, de minorías que chegaron a esa situación social porque o seu país ou lugar foron anexionados ou incorporados no seo dunha unidade política maior. Isto non as converte en 'linguas minoritarias' máis que na perspectiva do dominador. No seu propio lugar (se son quen de resistir o que habitualmente son presións moi fortes) non son 'línguas minoritarias', senón linguas coma calquera outra. De xeito comparábel, un dialecto é simplemente o xeito de falar nun determinado sitio.

3 comentários:

Anónimo disse...

Moi boa explicación do termo dialecto.
Pero haberá sempre xente que pense que o dialecto é unha fala de segundo nivel, e que os idiomas maioritarios son monolíticos (segundo dixo "Mingote", un académico da RAE). O que non sabe este home (ou non quer saber) é que o mesmo castelán chamado español ten moitísimos dialectos. Na Arxentina podemos falar de máis de 15 formas dialectais do mal chamado español.O idioma é sinxelamente a forma normalizada e escrita de moitos dialectos falados encol o mesmo grupo idiomático.

Confini amministrativi - Riigipiirid - Political borders - 国境 - 边界 disse...

Congratulations and best wishes from an Estonian living in Italy.

Anónimo disse...

E por que lembrará tanto isto á situación do galego?