quinta-feira, setembro 30, 2010

Libros do Mes

Comezo unha nova sección na que listar os volumes que tiven a oportunidade de ler nos pasados 30 ou 31 días; mais que nada, para lembrarmo despois a min mesmo, anque tamén pode servir para engadir breves notas ou como suxerencias para a petición de reseñas por parte dos lectores desta Santa Casa...

Cymbeline, W. Shakespeare

El emperador: Carlos I, dueño del mundo (tomo 10 da Historia de España, de Lozoya et al.)

El oficio de Historiador, de Enrique Moradiellos

Pais de Nieve, de Yasunari Kawabata

All Tomorrow's Parties, de William Gibson

La educación encierra un tesoro, de Jacques Delors (dir.)

Four Huts, Asian Writings on the Simple Life, de Burton Watson (tr.)

The Book of Tea, de Kakuzo Okakura [E]

*Cantares Completos (2), de Ezra Pound

*Seeds in the Heart: Japanese Literature from Earliest Times to the Late Sixteenth Century, de Donald Keene [R]


CLAVE:

Cursiva : título do libro

Normal : autor

* : Libro sen rematar

[E] : E-book

[R] : Relectura (máis alá da segunda, poñerei o número despois da R)

[K] : Cómic

domingo, setembro 26, 2010

Reseñas - La educación encierra un tesoro

La educación encierra un tesoro

Jacques Delors (dir.)

1996, Santillana / UNESCO

* * * (regular/ben)

Informe da UNESCO algo abstracto e 'buenista' arredor dos ideais e obxectivos para a educación do século XXI

A este volumen debo confesar que cheguei dun xeito un tanto cínico, xa que o mencionaba na conclusión da defensa da miña programación didáctica, fai uns meses; a súa presenza era cuestión de oratoria, xa que o seu título permitía rematar a exposición cunha nota pedagóxica e 'progre' das que tanto gorentan aos examinadores...

O libro é un informe elaborado para a UNESCO por unha 'Comisión Internacional sobre a educación para o século XXI', presidida polo político francés Jacques Delors. Na tal comisión (e na elaboración da obra) participaron outros 13 co-autores, todos eles figuras destacadas da educación e da política dos seus países: In'am Al Mufti, Isao Amagi, Roberto Carneiro, Fay Chung, Bronislaw Geremek...

Dende o comezo formúlanse uns obxectivos declaradamente utópicos para a educación como harmonizadora das tensións sociais intra e inter-estatais (fomentando o respecto e o coñecemento do outro, unha atitude máis aberta aos fluxos migratorios e a cooperación internacional, xunto cun esforzo por limitar as desigualdades sociais e de xénero dentro das nosas comunidades). Predícase tamén a importancia de implementar un modelo de educación continua, para toda a vida, como resposta aos cambios e aos fluxos acelerados da nosa sociedade tecnolóxica.

Dividido en tres partes, a primeira (Horizontes) plantexa unha serie de marcos de partida: un planeta cada vez máis poboado e globalizado, con fortes contrastes e tensións entre o local e global. Unha crise dos vencellos sociais e unha consolidación das exclusións incluso dentro das sociedades democráticas, e un medre económico desigual, que perxudica por veces a outros países, ao xénero feminino e á natureza, e que non se pode equiparar ao 'desenrolo humano'.

Na segunda parte (Principios) establécense catro piares básicos para a educación do futuro: aprender a coñecer (adquirir os coñecementos científicos e teóricos), aprender a facer (relacionado coas aplicacións laborais e 'prácticas' do coñecemento, e moito máis na sociedade de servizos e da 'desmaterialización' do traballo), aprender a convivir (respectando aos demais e empregando o coñecemento cara a construcción de obxectivos comúns) e aprender a ser (traballando cara formacións integrais dos individuos en tódalas esferas e facetas nas que destaquen).
Do mesmo xeito, ponse énfase na necesidade de camiñar cara unha 'educación ao longo da vida', entendida coma un imperativo democrático para mellorar a sociedade e aos seus individuos, e para crear sociedades e economías máis dinámicas. Deféndense as pasarelas e estratexias que permitan á xente continuar formándose nos seus traballos, ou incluso poder deixar de traballar un tempo e adicarse ao estudo e á formación, xa de adultos.

A terceira parte (Orientacións) analiza as diferentes institucións e etapas educativas (da educación básica á universidade), o persoal docente e o papel dos políticos na educación. En cada apartado hai unha visión crítica que incide na necesidade de conseguir escolarizacións básicas en todo o planeta (algo aínda difícil nos países do 3º mundo, sobretodo para as mulleres), e estender e mellorar a secundaria e universitaria, nun contexto global no que cada día aumentan máis os desexos e necesidades de educación. De todas maneiras, a énfase fica no combate ao fracaso escolar e nunha maior flexibilidade do sistema educativo (conectado isto coa 'educación ao longo da vida'), que recoñeza competencias adquiridas á marxe do marco académico. Insístese tamén na importancia duns docentes ben formados e flexibeis a novos modelos educativos, e na bondade da innovación e descentralización dos sistemas educativos, da aplicación das novas tecnoloxías e da cooperación internacional. Finalmente, a obra remata cun epílogo composto por artigos breves dos membros da comisión sobre temas moi específicos (a excelencia en educación, educar para a sociedade mundial, a educación en África na actualidade, etc...).

En xeral, é un volume con cousas interesantes, sobretodo para plantexarse unha visión global e idealista das necesidades da educación no futuro. Algunhas das súas ideas principais (fomento da formación continua, 'banco de tempo', para que as persoas poidan seguir formándose de adultas, o imperativo da escolarización feminina, da igualdade, da solidariedade planetaria, de tentar compatibilizar excelencia e atención a todos) son moi encomiábeis, pero bótase en falta un enfoque algo máis práctico (malia que ao longo do libro hai pequenas entradas sobre experiencias locais e concretas de melloras educativas). O seu ton 'buenista' e algo inxenuo deposita ao meu ver esperanzas excesivas na educación, obviando quizaves que as contradiccións e loitas polos recursos da esfera socio-económica non se poden solucionar con boas palabras, intencións e mellor educación, xa que afectan ás furias dos intereses privados e do benestar. É que as críticas morais e intelectuais fican baleiras se non están fundadas e acompañadas pola loita social e económica por rematar cos privilexios e a desigualdade.

sexta-feira, setembro 17, 2010

Sindicalizame... lévame contigo

Estaba a cavilar estes días en meterme nun sindicato, agora que xa pasei a través da crisálida das oposicións de parásito social a bolboreta traballadora; mais non dou atopado ningún que me satisfaga. Isto pódese deber a varias razóns, incluíndo o forte adoutrinamento anti-sindical aos que nos está someter a ideoloxía dominante, ata o grado de que calla incluso nun marxista levemente dogmático. As manías propias e os erros reais tamén terán algo que ver, de todas maneiras...

Os requisitos cos que contaría o meu sindicato ideal serían (e seguramente nesa orde):

1) Que funcione. Ou sexa, que defenda os meus intereses eficazmente, a capa e espada; que me manteña informado de todo o que necesito saber (cursos, papeleos, prazos, ameazas...).

2) Que lle dea caña aos interinos, e rexeite sistemas de colocación enchufistas, amorais e apoltronados.

3) Que poida ter unha mínima empatía ideolóxica cos meus principios (marxismo, nacionalismo, etc...).

Acéptanse suxerencias!

quarta-feira, setembro 15, 2010

Tríada

Agora que empezo a traballar, imaxino que terei menos tempo libre para as lecturas e as súas correspondentes reseñas. Haberá que engadir tamén algunhas das lecturas sobre temas da profesión que imaxino terán pouco interese reseñábel para o público amplo (é un dicir) de seguidores desta bitácora...

Hai tres volumes que engulín nestes días pasados, e dos que me gorentaría facer reseñas. Como tres reseñas seguidas pode resultar algo cansino, imaxino que as irei espaciando no tempo, anque se as deixo para moi adiante, esquecerei totalmente o contido dos libros e o que me gustou deles.

A tríada está formada por:

1) El oficio de Historiador, de Enrique Moradiellos. É unha introducción bastante básica ao eido, útil para o estudante universitario de 1º ano de Historia, anque con elementos de interese para todos (reflexións teóricas sobre a cientificidade da disciplina, diferentes tipos de actividades e comentarios e información sobre arquivos e bibliotecas e os seus usos)

2) Pais de Neve, de Yasunari Kawabata. É unha noveliña deliciosa, moi á xaponesa, do devandito premio Nóbel, tamén coas incógnitas e dificultades que caracterizan á dita literatura dende o noso ollar occidental.

3) All Tomorrow's Parties, de William Gibson. É a derradeira novela da súa triloxía 'da Ponte', e daría moito para reflexionar. É tamén a lectura máis recente, xa que rematei o libro onte mesmo, á noitiña.

Isto polo de agora. Anque sei que o que realmente desexades ler é unha cadea de infortunios e calamidades que me acaian na miña praxe docente. Tentarei non satisfacervos niso, anque dependerá en boa medida do meu novo alumnado, claro...

domingo, setembro 12, 2010

Goiabada

Dicíavos na entrada anterior que o remate do Cymbeline deixaba un mal sabor de boca. Para poñela en estado de ledicia e iluminación aconsello recorrer á goiabada, sapientísimo invento dos nosos irmáns brasileiros e que resulta ainda máis adictivo que o doce de marmelo. Con iso xa o digo todo para lambóns coma min...




domingo, setembro 05, 2010

notas encol do Cymbeline

Non é a mellor obra de William, mais non deixa de presentar aspectos interesantes, e como últimamente topei tempo para repasala, deixo algunhas notas arredor de cousas que me chamaron a atención, e que poderían chegar ao bo porto dun artigo ou dunha reflexión máis alongada...

1) Imaxes de violación: é un tema recurrente en Shakespeare, tanto a consumada (Titus, The rape of Lucrece) ou a que fica en tentativa (Measure for Measure, Pericles, The Tempest), como é o caso do Cymbeline. O repertorio imaxinístico clásico sempre se moviliza nestas circumstancias, centrándose na historia de Lucrecia e no episodio de Tereo e Filomela (nas Metamorfoses, de Ovidio). Neste caso, a protagonista, Innogen, le antes de durmir o libro e a escea ovidián, allea a que o asaltante en potencia fica agochado nun baúl da súa alcoba. O dormitorio inclúe elementos tratados en semi-écfrase (tapices, doseis, cheminé) que conectan tamén coa deusa Diana (a castidade ás veces asaltada) e Tarquino.

2) Cymbeline é realmente un 'patchwork play', xa que nel topamos unha síntese e mestura de tódalas formas e xéneros shakesperiáns (coma diría Polonio, 'tragical-comical-historical-pastoral'). O trasfondo histórico lembra aos Roman Plays e ao King Lear, a temática coincide en boa medida coa de Much ado about nothing ou cos 'romances cabaleirescos' Pericles e A Winter's Tale (grandes saltos temporais, intervencións sobrenaturais, anagnorese, celos). O 'final feliz' faríaa comedia; o seu ton tenebroso e o seu título orixinal, traxedia. A ambientación pastoral lembra a As you like it. O travestismo da protagonista, a Twelfth Night. Incluso evoca aos 'History Plays', xa que despois de todo, a trama xira en parte sobre un rei de Britania en loita contra os invasores (coma en King John). Mais coidado, posmodernos! Esta 'hibridación' vai da man, ao meu ver, dunha pobreza e simplificación de caracteres fronte ao que noutras ocasións nos agasalla o cisne de Avon.

3) Innogen: a protagonista feminina é das máis insulsas e resignadas de Shakespeare, e das máis claramente sometidas á sociedade patriarcal e puritana que a forxa e a ningunea progresivamente. Non estraña que a obra gorentara tanto aos victorianos, mais que hoxe en día ande de capa caída (non conta con ningunha adaptación fílmica).

4) Laus britanniae: interesantes os episodios en 3.1 e 3.4 que describen e exaltan á Illa. Comparar co célebre exemplo do Henry V. A obra tamén proporciona un bo e macabro exemplo de gallow's humour, na que o verdugo fai chistes e unha velada crítica da pena de morte (ver os enterradores de Hamlet e Measure for Measure).

5) Hermeutica escura: o tema por excelencia de C. xira arredor da falsidade das apariencias, artellado a través dun complexísimo labirinto textual e narrativo na que o contraste da superficie-realidade abrolla a cada minuto. Moitos dos personaxes pasean con nomes falsos, disfrázanse de homes sendo mulleres, ou de romanos e de salvaxes sendo británicos e cortesáns. Non hai figura que non disimule en certo grado (a raíña finxe amar ao rei, os cortesáns finxen respectar a Cloten, anque o insultan na mesma escea, en apartes). A escea sobrenatural non escapa tampouco da escuridade: o adiviño romano ten unha visión que 'interpreta' mal, e Xúpiter pousa unha placa cun texto ambiguo enriba do protagonista encadeado. Todas as contradiccións parecen resolverse no longuísimo 5º acto, mais deixan un sabor insatisfactorio no padal, de falsa síntese nun entorno dialéctico onde a loita pola verdade e a conclusión é un bucle infinito e eterno.