Jacques Delors (dir.)
1996, Santillana / UNESCO
* * * (regular/ben)
Informe da UNESCO algo abstracto e 'buenista' arredor dos ideais e obxectivos para a educación do século XXI
A este volumen debo confesar que cheguei dun xeito un tanto cínico, xa que o mencionaba na conclusión da defensa da miña programación didáctica, fai uns meses; a súa presenza era cuestión de oratoria, xa que o seu título permitía rematar a exposición cunha nota pedagóxica e 'progre' das que tanto gorentan aos examinadores...
O libro é un informe elaborado para a UNESCO por unha 'Comisión Internacional sobre a educación para o século XXI', presidida polo político francés Jacques Delors. Na tal comisión (e na elaboración da obra) participaron outros 13 co-autores, todos eles figuras destacadas da educación e da política dos seus países: In'am Al Mufti, Isao Amagi, Roberto Carneiro, Fay Chung, Bronislaw Geremek...
Dende o comezo formúlanse uns obxectivos declaradamente utópicos para a educación como harmonizadora das tensións sociais intra e inter-estatais (fomentando o respecto e o coñecemento do outro, unha atitude máis aberta aos fluxos migratorios e a cooperación internacional, xunto cun esforzo por limitar as desigualdades sociais e de xénero dentro das nosas comunidades). Predícase tamén a importancia de implementar un modelo de educación continua, para toda a vida, como resposta aos cambios e aos fluxos acelerados da nosa sociedade tecnolóxica.
Dividido en tres partes, a primeira (Horizontes) plantexa unha serie de marcos de partida: un planeta cada vez máis poboado e globalizado, con fortes contrastes e tensións entre o local e global. Unha crise dos vencellos sociais e unha consolidación das exclusións incluso dentro das sociedades democráticas, e un medre económico desigual, que perxudica por veces a outros países, ao xénero feminino e á natureza, e que non se pode equiparar ao 'desenrolo humano'.
Na segunda parte (Principios) establécense catro piares básicos para a educación do futuro: aprender a coñecer (adquirir os coñecementos científicos e teóricos), aprender a facer (relacionado coas aplicacións laborais e 'prácticas' do coñecemento, e moito máis na sociedade de servizos e da 'desmaterialización' do traballo), aprender a convivir (respectando aos demais e empregando o coñecemento cara a construcción de obxectivos comúns) e aprender a ser (traballando cara formacións integrais dos individuos en tódalas esferas e facetas nas que destaquen).
Do mesmo xeito, ponse énfase na necesidade de camiñar cara unha 'educación ao longo da vida', entendida coma un imperativo democrático para mellorar a sociedade e aos seus individuos, e para crear sociedades e economías máis dinámicas. Deféndense as pasarelas e estratexias que permitan á xente continuar formándose nos seus traballos, ou incluso poder deixar de traballar un tempo e adicarse ao estudo e á formación, xa de adultos.
A terceira parte (Orientacións) analiza as diferentes institucións e etapas educativas (da educación básica á universidade), o persoal docente e o papel dos políticos na educación. En cada apartado hai unha visión crítica que incide na necesidade de conseguir escolarizacións básicas en todo o planeta (algo aínda difícil nos países do 3º mundo, sobretodo para as mulleres), e estender e mellorar a secundaria e universitaria, nun contexto global no que cada día aumentan máis os desexos e necesidades de educación. De todas maneiras, a énfase fica no combate ao fracaso escolar e nunha maior flexibilidade do sistema educativo (conectado isto coa 'educación ao longo da vida'), que recoñeza competencias adquiridas á marxe do marco académico. Insístese tamén na importancia duns docentes ben formados e flexibeis a novos modelos educativos, e na bondade da innovación e descentralización dos sistemas educativos, da aplicación das novas tecnoloxías e da cooperación internacional. Finalmente, a obra remata cun epílogo composto por artigos breves dos membros da comisión sobre temas moi específicos (a excelencia en educación, educar para a sociedade mundial, a educación en África na actualidade, etc...).
En xeral, é un volume con cousas interesantes, sobretodo para plantexarse unha visión global e idealista das necesidades da educación no futuro. Algunhas das súas ideas principais (fomento da formación continua, 'banco de tempo', para que as persoas poidan seguir formándose de adultas, o imperativo da escolarización feminina, da igualdade, da solidariedade planetaria, de tentar compatibilizar excelencia e atención a todos) son moi encomiábeis, pero bótase en falta un enfoque algo máis práctico (malia que ao longo do libro hai pequenas entradas sobre experiencias locais e concretas de melloras educativas). O seu ton 'buenista' e algo inxenuo deposita ao meu ver esperanzas excesivas na educación, obviando quizaves que as contradiccións e loitas polos recursos da esfera socio-económica non se poden solucionar con boas palabras, intencións e mellor educación, xa que afectan ás furias dos intereses privados e do benestar. É que as críticas morais e intelectuais fican baleiras se non están fundadas e acompañadas pola loita social e económica por rematar cos privilexios e a desigualdade.
Sem comentários:
Enviar um comentário