“Cual nueva Fénix en flamantes plumas matutinos
del Sol rayos vestida”
Luis de Góngora, Soledad Primera
Atópase a vila xaponesa de Uji ás aforas de Kioto, anterga capital
imperial, e xunto con ela, repositorio dunha serie de ruinas, templos e
castelos incluídos baixo o epígrafe “Historic Monuments of Ancient Kyoto
(Kyoto, Uji and Otsu)” na listaxe do Patrimonio Mundial da Humanidade, da
Unesco, facendo compaña entre outras á catedral de Santiago ou á Torre de
Hércules. A distancia que media coa vella capital é mínima, e leva a día de
hoxe uns quince minutos en tren; porén, nas idades anteriores aos coches e
ferrocarrís, naquela época de esplendor cortesán e poético que tan ben recrea
Murasaki Shikibu na súa novela de Genji,
Uji era un pobo tenebroso e escasamente poboado das aforas ao que levaba unha
boa xornada de marcha dacabalo chegar; un escenario lúgubre e telón de fondo
para a parte máis tristeira da súa novela, cos amoríos frustrados de Ukifune o seu suicido frustrado nas
augas do impetuoso río que aínda lle dá nome ao lugar. O Uji segue a correr,
cabalo salvaxe de escumas abondosas, baixo unha ponte reconstruída, e a cidade
a medrar. Tras unha pequena marcha dende o río chégase ao seu monumento máis
sinalado: o Byodoin.
Construíndo na época de esplendor cultural e cortesán de Heian
(794-1185), o Byodoin realmente naceu como mansión campestre e aristocrática.
Poucos anos da súa construcción pasaría a mans de Fujiwara Michinaga, o máis senlleiro representante dunha dinastía
de políticos e rexentes que nos comezos do primeiro milenio conseguiran facerse
co poder político no Xapón, reducindo aos emperadores a figuras decorativas e
facendo de xenerosos mecenas das artes e das letras. O pouco modesto Michinaga
tería oportunidade de congratularse das súas florecente fortuna en versos tan
fachendosos coma os seguintes: “Este mundo noso, penso, / é de certo o meu mundo. / Como a lúa chea, alumeo /
sen que me tape nube algunha”.
Será o seu fillo, Yorimichi,
o que done a vila a unha orde relixiosa, converténdoa nun templo que, grazas a
unha singular fortuna émula da de Michinaga, é o único edificio orixinal do
periodo de Heian que (restauracións aparte) se conserva intacto a día de hoxe,
sobretodo no que toca á súa edificación principal: o Salón do Fénix (鳳凰堂 Hōō-dō), ou de Amida, construído en 1053, e recentemente restaurado
polo goberno nipón para revivir as súas cores exteriores e o seu esplendor.
O Salón do Fénix está composto por unha estructura rectangular e
central escoltada por dous corredores laterais en forma de L e un traseiro, en
forma de cola; diante presenta una
enorme lagoa artificial. O seu nome informal de ‘Salón do Fénix’
derivaría da parella de estatuas douradas desta ave mitolóxica que decoran o tellado
da construcción ou da forma mesma do edificio, que coas súas edificacións
laterais e traseira asemellaríase á figura dun fénix coas azas estendidas.
Dentro do edificio topamos unha xigantesca estatua do Buda Amida, a cuxa secta e culto está
adicado o templo que nos ocupa. O culto a Amida promete, fronte a outras formas
máis rigoristas de budismo, unha salvación directa e sinxela para os seus
devotos, que cando morran serán escoltados por Amida cara a Terra Pura de
Occidente. Tal é a escea (raigo, en
xaponés) que, nunha sorte de retábulo, representa a estatua dourada do Byodoin:
de case tres metros de altura e tallada polo mestre Jocho en madeira de ciprés xaponés (cryptomeria), o Buda repousa
sobre un trono de loto e envolto en chamas de aurivería con imaxes de apsaras e
boddhisatvas. Nas paredes de fondo habería pinturas (hoxe apenas conservadas,
anque no museo pódense ver reconstruccións) e estatuas de madeira coas deidades
celestes que tocan instrumentos e acompañan a Amida no seu descenso pola alma
do finado.
Para todos aqueles que viaxen non á Terra Pura senón ao sorprendente e
fermoso país do sol nacente, o Byodoin é unha parada obrigada que non vos
debedes perder. Máxima trala restauración recente que vos citaba denantes, e
que lle permite a esta ave fénix de metal e madeira laqueada lucir coma nova de
trinque. No parque que ten diante pechade os ollos e imaxinade por uns intres
que o sol a disolve, ou desata, en cinzas, con raios cos que ela mesma volve a
refacerse e a vestirse, máis fermosa e refulxente que antes.