Segue a caer unha choiva mainiña mais persistente en Outes, cousa que me fastidia bastante dada a cantidade de pequenos traballos agrícolas que están a agardar por mín, agora que estou feito un granxeiro último modelo nos meus intres de lecer. Entre unha longa listaxe de tarefas pendentes coas que lidiar na horta están a agardar:
-as malas herbas, que hai que arrincar dos arredores das verduras e das árbores que xa están plantadas. E con elas uns puñadiños de sal foron semeados con pouco siso para matar outras tantas pestes vexetais que crecían contra a parede norte da casa, mais que tornan a terra permanentemente estéril, como ben saben os campos de Cartago.
-hai que seguir loitando a man armada contra a humidade e os fungos que tanto mal lle fan no noso clima tépedo e húmido a follas de froiteiras e cucurbitáceas. Coas segundas estou a probar un preventivo natural, consistente en pulverizalas cunha mestura de leite e auga que en teoría as fai máis resistentes. Co pexegueiro xa infectado de lepra de xeito crónico, co marmeleiro e cos nispereiros xaponeses vou tentar cun caldo de ortigas, e senón xa veremos...
-tamén vai tocando botar unha presada de mineral ao pé das froiteiras, para que medren vizosas todas aquelas árbores que plantei o ano pasado (abeleiras, nogueiras, goiabos, cítricos, etc...).
-no eido da plantación, abondan as hortalizas que hai que sacar de macetas e poñer en terra: os cogombros, por exemplo, cuxas sementes fixen vir das Inglaterras (F1 hybrid Burpless Tasty Green); ou as alcachofas, que tanto me gorentan frixidas e que descubrín con certo estupor que son parentes moi aproximados dos cardos pinchóns que arrinco ou enveleno na leira; ou os yamaimos, 'patacas de montaña', unha curiosidade das terras da miña dona, que dan uns longos turbérculos comestibles; ou os melóns doces da variedade 'Israeli Old Original' que o ano pasado plantei moi tarde e que desta volta agardo teñan mellor resultado; ou tamén os ruibarbos 'Champagne', dos que xa cisquei a maioría por currunchos ignotos e sombrados do monte; ou os cacahuetes nos que tanto empeño e interese puxeron na casa...
-aínda en semente, e non sabendo se irán para arriba ou non están tamén, agardando o sol na superficie, os shisos (Perilla frutescens var. crispa), os niras (Allium Tuberosum), as rosas de Xamaica (Hibiscus sabdariffa), as rutabagas (Brassica napus var. napobrassica) e as chirivías (Pastinata Sativa), estes dous últimos saborentos tubérculos aos que lles collín lei e amor nos anos que pasei na Gran Bretaña.
-aínda por chegar polo correo ordinario, dúas plantiñas de pitanga negra -(eugenia uniflora), a curiosísima cereixa do Surinam-, algunhas sementes mexicanas de Garcinia, un parente lonxano do mangostán moito máis resistente ás friaxes, e unha matogueira de rábanos picantes (Armoracia rusticana), con cuxas raíces os anglosaxóns fan o famoso prebe picante 'Horseradish', e que mesturado con mostarda e colorante verde é o que se soe vender nestes lares no canto do verdadeiro e carísimo wasabi xaponés.

Sem comentários:
Enviar um comentário