Tal é o lema latino, significando "o que me alimenta, destrúeme" que aparece nun presunto retrato do ano 1585 do dramaturgo isabelino Christopher Marlowe, notorio pola súa vida disipada e misteriosa morte. Para gustos máis (pos)modernos, é tamén unha das tatuaxes de Angelina Jolie, mais hoxe, o lema non me ven ao maxín por mor de ningunha das dúas celebridades, senón como resultado de investigar o axente activo presente no insecticida co que nos días pasados estiven a combatir ás insidiosas pulguiñas da col que me querían deixar sen crucíferas. O tal axente (imidacloprida) é un neonicotenoide, un derivado sintético inspirado na nicotina do tabaco, e que resulta altamente tóxico para moitos insectos, e especialmente para as abellas.
O curioso é que recentes investigacións científicas demostraron que abellas alimentadas con solucións azucaradas con pequenas doses do pesticida tórnase 'adictas' a el dun xeito similar ao dos humanos aos cigarros, preferíndoo ás mesmas solucións azucaradas libres da nefanda sustancia química. Para que logo falemos de fumadores pasivos...
Sem comentários:
Enviar um comentário