segunda-feira, fevereiro 20, 2006

Breviario - Conversas con Méndez Ferrín

¡Por fín! Despois de case dous meses, volto a estar conectado á Rede de Redes dende a miña casa, o que facilitará unha maior regularidade nas miñas entradas.
A semana pasada estiven lendo 'Contra Maquieiro' (o novo poemario de X.L. Méndez Ferrín) e un libro de entrevistas algo caótico que lle fixo Xosé Manuel del Caño. Para o voso deleite, atoparedes nas miñas dúas bitácoras unha pequena escolma de fragmentos escollidos.
Aquí tocan os do libro de entrevistas. Velaiquí vos van:

(sobre a normativa)

-Canto menos se toque, mellor.
-Dende logo; en realidade, tampouco cambiou moito. Máis ou menos quedou como estaba, con melloras. Non hai que cambiar nada, porque formas que antes estaban simplemente toleradas, pasan a estar recomendadas, pero xa se aceptaban. Penso que esa ortografía é boa. A Academia Galega aí estivo á súa altura, ao tratar de asimilar elementos discordantes, como eran, concretamente, eses cus de mal asento do BNG e outra xente. Agora déuselles entrada e fíxose en concordancia con eles unha normativa. Segue habendo discrepantes, que son os chamados reintegracionistas, pero eses, á parte de ignorantes, avergónzase de ser galegos. Teñen unha bisavoa cun pano á cabeza, que falaba galego, e iso dálles vergonza. Queren ter unha avoa cunha fita ao pescozo e fumando en boquillas longas, lisboetas. Unha vez máis son desleais coa Patria.

(sobre Saramago)

-...Saramago, en vez de defender a Fidel Castro, dixo en castelán: “Hasta aquí hemos llegao”. Acabouse; Saramago non defende Cuba xa.
-Saramago foi un escritor comprometido co Partido Comunista Portugués.
-Saramago era ou é membro do Comité Central do Partido Comunista. Máis tarde descubriu unha especie de fascinación por España, moi típica de certos autores portugueses que non queren saber nada da existencia de Galicia.
-¿Qué xuízo lle merece, literariamente?
-Saramago é un escritor que non me interesa nada.
-¿Qué opina vostede da gran balsa ibérica que camiña polo mar?
-Iso é unha apoloxía do iberismo, ao contrario do que defendía Álvaro Cunhal e a liña que eu aprecio do Partido Comunista portugués. Saramago é un españolista. Despreza a Galicia cordialmente. Saramago no fondo é un home sen formación histórica. Dicíalle hai tempo Sánchez Dragó, con moita graza: “Ti escribes novelas filosóficas”, como as que escribía Voltaire no século XVIII. É o contrario do que eu penso que debe ser a literatura. Escribe nun portugués moi limitado, moi pobre, cun léxico de moi baixo potencial. Se o comparas con Antonio Lobo Antunes e toda a forza creativa que ten, é coma o día e á noite. Saramago é un produto feito en Madrid.

(sobre Vargas Llosa)

-Falando do compromiso na literatura, chama a atención o caso de Vargas Llosa, que escribe coma se fora de esquerdas, pero logo non ten reparos en presentarse como candidato á Presidencia do Perú nunha formación de dereitas.
-É un oportunista. Coñecín a Mario Vargas Llosa cando lle entregaron en Madrid o premio Clarín (coido) por un libro de contos titulado Los jefes. Ríase de min con grande soberbia, no café Xixón, porque eu non era do Partido Comunista. Pensaba que ser do PCE supuña a preeminencia. E agora sabe que para recibir privilexios hai que aliñarse cos Estados Unidos. É un vendido. E en pago ten que escribir cada vez peor, cousas menos interesantes.
-Ten libros bos.
-Doutra época, dunha etapa anterior. El cambia no momento en que escribe unha especie de imitación, que se titula La guerra del fin del mundo. Aí é onde se fai liberal e vai ás eleccións coa extrema dereita do Perú. Vargas Llosa era comunista, cando iso producía certos beneficios aos intelectuais. Vargas Llosa, no fondo, é un home sen cultura.

(sobre Beiras)

-Durante un tempo deu a impresión de que Xosé Manuel Beiras lograría construir a grande alternativa do nacionalismo.
-Beiras é unha figura excepcional, unha figura única, un grande home político, pero como todos os grandes homes políticos comete importantes equivocacións. Os grandes erros prodúcense sempre en polítiva cando non hai partido. Beiras entrou el só na casa de Francisco Rodríguez. Abandonou o PSG para entrar no Bloque Nacionalista Galego, en Riazor, confiando nas súas forzas e na súa intelixencia. Pensou que podía lideralo; entón os coroneis, a garda pretoriana de Francisco Rodríguez, acordaron darlle carrete, como cando tes enganchado polo anzol un salmón. E Beiras mantívose, a cambio de non intervir nas escisións sindicais, nas purgas nin apoiar o seu propio grupo, que pasou a chamarse Esquerda Nacionalista. Pero esa preponderancia era toda de portas para fóra.
-Tiña o apoio do electorado, pero non dominaba o aparato do partido.
-Non dominaba o partido nin dominaba nada. Cando o partido move un dedo, entendendo como tal o grupo de Francisco Rodríguez, guíndao fóra e pon a Anxo Quintana, que non é ninguén. Ten un discurso incoloro, inodoro e insípido. Non dí nada. Beiras dicía cousas. A xente pensa que o que dicía Beiras era verdade. O Bloque era Beiras. Beiras poñía un zapato enriba da mesa e dicía que estabamos asoballados.
-Beiras é un home que ten talla intelectual.
-Ten. Pero no campo da economía, da historia e no mundo intelectual hai moito nacionalismo que non está no Bloque, aínda que colabore e vote a esa formación política. É un partido formado cunha espiña central, feita por persoas moi resentidas, que no fondo sempre envexan a Beiras. Ódiano, Aí hai unha novela psicolóxica. Pero ben, como se trata dunha casa que non é a miña, que se vaian cocendo no seu propio prebe.

12 comentários:

Anónimo disse...

Querido Manolo,

non sei a razon, pero este ultimo post teu recordame que onte vin no cineclube de Via Azzo Gardino un cartel grande que anuncia o novo, segundo xa, filme dirixido por un dos maiores xenios da musica contemporanea e de todos os tempos. Refirome como é obvio a Franco Battiato.

Non podo dicir moito sobre o filme ainda que se rematou de producir este mesmo ano e que conta entre os seus creditos con intervencions diante das camaras de colaboradores battiatescos de sempre como Manlio Sgalambro e Juri Camisaca e coa interpretacion principal de Alejandro Jodorowsky interpretando a Ludwig van Beethoven.

En canto poida vereina.

Bicos para todos...



N.



P.S.: Os que poidades coller ainda en cartelera os filmes "Broken Flowers" de Jarmusch e "Me and You and Everyone We Know" de Miranda July non o pensedes duas veces. O primeiro é un chef d'oeuvre: o mellor de Jarmusch e o que deberia confirmalo dunha vez por todas diante dos seus persistentes detractores. A segunda foi unha sorpresa que defenderei con unllas e dentes sobre todo porque fun escéptico en canto souben dela. Ambas bandas sonoras para conservar amorosamente.

FraVernero disse...

Está ben, perraco. Agora, a información que aquí me contas é a mesma que me enviaches hoxe mesmo nun correo...
xD
Teremos que ir ver 'perdutto amore'. E probar as películas que recomendas.
E arrastrando a auga para o meu muíño, como se di, ¿qué opinas das bouttades ferrinianas arriba expostas?
xD

eue disse...

Declárome ferrinián dende sempre e para sempre, seguramente. Así a todo, no aspecto normativo prefiro lembrar o semellante que era a avoa portuguesa portista que me abordou no mercado de abastos do Porto á miña propia.

torredebabel disse...

moitas gracias! foi unha fermosa fiestra ao libro que acá coido que non chegará cedo. Apertas!

Laurindinha disse...

Concordo totalmente co que opina de Saramago. E tamén co de Quintana (agás o das historietas da UPG que xa me empezan a soar a lenda urbana).
Eue: unha vella do Porto non fala o portugués normativo (lisboeta), que é o que defenden os reintegracionistas...

Anónimo disse...

Beiras ponhia un zapato enriba da mesa e dicia que estabamos asoballados...

... creo que "ponhia" en tempo pasado é a palabra clave. (Otro vendra que bueno me hara...)

O de Saramago é certo en parte. Isto é, Saramago non é malo porque sexa espanholista. Saramago é mediocre porque representa agora o cumio da piramide polanquista o que é peor ca un estreito xeito. Non creo que a cousa mereza maiores comentarios. As obras de cando Saramago non era un autor dos alfaguaras non son dun grande nivel. E' obvio (12.99) que Lobo Antunes é outra... galaxia? Si, o é sen dubida (ademais das bromas).

Polo demais no que metiches no blog tampouco creo que haxa grandes novidades. Quen xa ten seguido a Ferrin sabe mais ou menos o que opina destas cousas.

O que eu pense sobre o que Ferrin opina non é de grande importancia. O que é crucial hoxe por hoxe é dilucidar ata que punto estas ideas son un modelo productivo e, sobre todo, en que medida funcionan coma unha vulgata. Ese seria o post que deberas facer, o que revelase certa posicion intelectual. Doutro xeito, bah... eu vexo o que vexo e logo non queres que diga o que é obvio (incluso para ti).


N.





P.S.: Vexo que les os correos. Agora che queda so a segunda parte do proceso: contestalos.

FraVernero disse...

Malvadérrimo Mourelle-Papagino, en boa medida xa emprego as miñas dúas bitácoras para respostarche aos correos. Con todo, insaciábel, mandarche ei algo hoxe...
Xa que querer desenmascaramentos, propón a liña do entrada que che gustaría sobre este tipo de cousas.
LUIS, supoño que o Ferrín cae nese vicio no que todos caemos, censurando aos que nos caen mal por algún motivo -neste caso, política- a base de ser inflexíbeis con el. Se ben o que dí pode ser certo -o malo que se día das persoas soe selo nun 75% dos casos-, tamén o é que se os indicados fosen parte da grei dos 'bos e xenerosos', como Darío Xohan Cabana e os tovarich das Redes Escarlata, empregaríase outra vara de medir...

Anónimo disse...

"nada que dicir", e cito a poetas galegos, despois das sabias palabras de Fravernero. Pero aínda que o diga Ferrín, Saramago non é un mal novelista (Sartre si o era), nin Vargas Llosa é un home sen cultura (por moito que nos joda).

Ramón furioso

eue disse...

Puxen a vella do Porto á mantenta, norte de Portugal, ex-Gallaecia, ex-dialecto do galego e agora do portugués.
Ata cando a ignorancia (en todos os sentidos) da realidade dialectal das linguas, a verdadeira ecolingüística, e as loitas fratricidas por nos uniformizar cara a un lado ou cara a outro?
Unha cousa é a política e outra a comunicación.

Eu sinto non concordar contigo, Musgallo (cousa rara) nin contigo, Laurindiña, pero as purgas estalinistas da UPG son (Beiras) e foron (a de Ferrín) reais e Ferrín é un dos/as poucos/as escritores que me inspira algo cando o leo, ponme ganas, revolucióname por dentro. Só son unha persoa pero é algo.

FraVernero disse...

PRO Maquieiro

Unha das miñas costumes é a de aplicarlle á miña nai epitetos que estraio das miñas lecturas. Un dos máis recurrentes é 'miña vaquiña' (Homero detrás, alcumando ás deusas 'as de ollos de novilla'). Hoxe chameina 'miñ maquieira', o que motivou a correspondente conversa, xa que na súa nenez viviu o mundo da aldea de antes, maquieiro incluído. Mais ela non o lembra como un explotador.
Ao parecer era un home delgadiño, delgadiño. Durmía nun xergón no mesmo muíño, cheo de ratos, e cando chovía moito inindábaselle todo. Non cadra moito coa imaxe do capitalista malevo. Alén, o seu muíño non era o único -os veciños tamén tiñan un que empregaban en quendas de dez días 12 horas, unha volta diurnas, outra nocturnas. Como en inverno non chistaba iso de usar o muíño de noite, íase ao do maquieiro, que alén muía mellor. Por cada ferrado (aprox. 12-15 kgs.) recibía en pago unha cunca (sobre 2 kgs.).
Moito peores eran os señoritos fidalgotes, anque claro, eses o da economía capitalista non é que o entendesen moi ben. Ben os retrata Otero como vividores con mentalidade feudal, pensando que todo está feito para servilos. En menor medida, os homes machistísimos daquela reproducían o patrón -con dereito a emborracharse polas tabernas, a comer o mellor da casa e a ignorar o estado dos fillos.
Como dí miñpa nai 'aqueles tempos, que non volten, ou'.

eue disse...

Dios! Hora Nasarre.
Eu tamén vou correr (menos cando chove) polo parque do Paxonal!!!
Deixar de fumar é o que ten.

Identifícome muito, Musgallo e Fra.

FraVernero disse...

Vaites...
onte tiven un día preguizoso, alén de que certo poeta maligno enredoume nunha gargantuesca laconada que tivo lugar á noite e me dou -alén de mala conciencia-, un empacho notábel. Hoxe tería que correr o doble para compensar aquelas bandexas interminábeis de carne...