sexta-feira, março 31, 2006

Os Versos Satánicos - Salman Rushdie




Na pantalla, representaba ao 'prigado' -o pailán que se namora da bela e que non é quen de ver que ela nunca se namoraría del nun millón de anos-, ao tío gracioso, ao parente pobre, ao paleto local, ao criado, ao estafador incompetente, ningún dos cales era o tipo de rol no que lle tocase algunha vez unha escea amorosa. As mulleres mallaban nel, abofeteaban, quentábano ou ríanse del, pero nunca, no celuloide, fitaban para el ou danzaban ao seu redor con amor cinemático nos seus ollos. Fóra da pantalla, vivía só en dúas habitacións baleiras perto dos estudos, e tentaba imaxinar cómo serían as mulleres cando se ispen. Para sacar a cabeza do tema do amor e do desexo, estudou, converténdose nun omnívoro autodidacta, devorando os mitos metamórficos de Grecia e Roma, os avatares de Xúpiter, o rapaz que tornaba en flor, a muller-araña, Circe, todo; e a teosofía de Annie Besant, a Teoría Unificada dos Campos, e o incidente dos Versos Satánicos na carreira temperá do Profeta, e a política no harén de Mahoma despois do retorno triunfal á Meca; e o surrealismo dos xornais, nos cales bolboretas podían voar dentro das bocas das mociñas, pedindo seren consumidas, e nacían nenos sen cara, e os rapaces soñaban con imposíbel detalle as súas anteriores reencarnacións, por exemplo, nun Forte dourado cheo de pedras preciosas. Encheuse de Deus sabe qué, pero non podía negar, nas pequenas horas das súas noites de insomnio, que estaba cheo dalgo que nunca usara, e que non sabía como comezar a usar, isto é, o amor. Nos seus soños era atormentado por mulleres de beleza e dozura inaturábeis, polo que prefería estar esperto e forzarse a sí mesmo a ensaiar algunha parte do seu coñecemento xeral para borrar o sentimento tráxico de estar dotado dunha máis-que-habitual capacidade de amar sen unha soa persoa no mundo a quen ofrecerlla.

5 comentários:

Anónimo disse...

Duas preguntas para ti:

a primeira é: cando Salman Rushdie deixou de ser "alguén"?

a segunda é: o problema da lingua é un problema e moi serio no senso da estratificacion de actitudes e de grupos de produccion, por que non es con ese problema tan taxativo na India (non tendo o dominio de linguas locais e si do inglés) como o es con outros dominios menos exoticos?

Si, si, preguntocho ti, Zacharias ou Seneschal Key ou como te fagas chamar agora... he, he...

(P.S.: Ewa esta quedando totalmente escandalizada.)

FraVernero disse...

Arg, Malvadísimo Mourelle!!

A verdade, non sei se Salman foi ou deixou de ser alguén. Fai tempo tíñalle certo prexuízo, considerando que o máis coñecido e tópico dos escritores postcoloniais quizaves fosen demasiado mercantil (alén, Aijaz Ahmad non o louvaba demasiado tampouco). Dende fora, parece o modelo Vargas Llosa: novelista de boa técnica modernista misturada de exotismo -realismo máxico- de grato consumo nas metrópoles.
Nembargantes, lendo agora 'Os Versos Satánicos', e anque o anterior sexa certo, teño que recoñecer que é un novelista de primeira. Disfruto con el 'como un porco nun campo de millo'. Este pequeno episodio que vos agasallo fíxome gracia, alén, polo que pode ter de autobiográfico en casos coma os nosos...
Canto ao problema lingüístico, e anque agora poida ser máis tolerante que cando era máis novo, sigo estando éticamente máis cercano aos Ngũgĩs wa Thiong'os
e similares que, cando hai alternativa, evitan a lingua do Imperio. Certamente, a literatura postcolonial de calidade non está feita para os locais, senón para as hastiadas e cultas élites postmodernas de fragmentado ser occidental. Interesante o debate ao respeito Jameson-Ahmad que, lembrarás, tes na Trabe de Ouro.
Canto ao de Ewa, sabe que me cobrarei cruel vinganza de ti por andar a calumniarme -como se xa non tivese inimigos de sobra para facelo.

Anónimo disse...

Querido "fra' venereo", inda que non venha moito a conto, dicir que atopei unha paxina moi interesante e nutrida,que se non a conheces xa, deberias botarlle unha ollada, sei que eres apaixoado do tema.

http://www.sovmusic.ru/english

Nota: se queres descargar musica e non che deixa tes que clicar en Other Ext., à dereita de todo, en vermello, unha vez que xa entraches en mp3. Gardas o arquivo e unha vez descargado lle tes que cambiar a extension manualmente, xa que aparecera como .3pm ou algo asi e ti deberas ponher .mp3. Capito? Allora, mi rifai il paradigma?

Anónimo disse...

Tercera brigada mixta, primera linea de fuego...

que saibas que o debate entre Ahmad e Jameson esta bastante sepultado hoxe por hoxe...

(le "Death of a discipline" de Spivak).

Polo demais ainda non respondiches a pregunta sobre lingua e transversalidade... come mai? (Porque nas latitudes do "ici" te agarras a Herder e a identificacion como un clavo ardendo e logo non aprendes a lingua do lugar para acceder o emerxente?) Non seras un preso de etnocentrismo? Sera que agardas ainda a que traduzan todo pola Routledge? E enton, cando acade a Routledge, o emerxente sera ainda emerxente?

Recibin o teu correo. Ainda espero que me contestes sobre o meu texto. Temos que discutir sobre horas, mais que sobre datas.

N.

FraVernero disse...

Canta ledicia tervos a todos por aquí...
Certamente, diaña, a sona do libro ven do episodio -lembro sendo rapaz os noticiarios cos musulmáns queimando copias e un halo de misterio ennovelándose no meu subconsciente arredor deses satánicos versos... Mais a verdade, pareceume un libro moi bo, cousa que se queredes, podo matizar máis polo miúdo.
O escuro ten certa fascinación sobre todos, satine, e quizaves -máis que ninguén-, sobre aqueles que, enrabexadamente racionais e ateos, artellarmos torpes supersticións ou acudimos á arte na pescuda das fantasías e ficcións que necesitan os homes para sobrevivir.
Scardanelli, agradezo a ranciada. Bos carteis, bonita páxina, música dun pasado nostálxico que sabes que me persegue como unha sombra.
E agora ti, meu Moi Malvado Sire:
¿que resposta queres escoitar? Coñécesme dabondo para saber que non me agarro a concepcións orgánico-historicistas da nación e da literatura nacional, e tamén para saber que aínda así considero que hai outros camiños (odio as terceiras vías, iso sí) de artellar nación, literatura e língua que son a prioris irrenunciábeis na miña moi persoal weltanschaaung.
Tentamos aprender as linguas que podemos, mais non se pode estar en todo. As capacidades son limitadas e os intereses moitos. Nuns anos, con sorte, agardo poder ler nas principais linguas europeas, nalgunha morta e nalgunha viva e postcolonial. Mentres tanto, facemos o que podemos, o que inclúe os riscos de caer nos cánones imperiais é á moda ata para escritores postcolonais -pero é que dentro da metrópole tampouco son igual tódalas posturas -'Empire writes back' tamén, non?.
Canto ás respostas que agardas, mañá serán despachadas polo correo ordinario. Prométocho.
Bacci