sábado, abril 21, 2007

Le Plaisir du Texte, ou da tráxica Chanson de Roland (Barthes), atropelado por un camión do reparto mentres cavilaba no gusto Fourierián do mirlitón

Non vos deixedes enganar por un título tan pomposo. A idea orixinal era emporticar estas liñas como 'Pequenas ledicias', pensando no cadro homónimo de Kandinsky, mais como é un recurso que xa empreguei noutra entrada, tiven que aguzar o inxenio sofístico para captar a vosa atención. Non que do que vou a falar esté exento da presenza do xenial critico francés e dos praceres do texto...
O estrés agudo da semana pasada impediume pasear moito polo bitácora, ou tan sequera respirar. Entre traduccións urxentes e o interesante curso de doutorado de Christopher Norris (xa falaremos dese tema con detalle noutra ocasión) ocupaba unhas 13 horas diarias. Un dos escasos praceres trala longa xornada pasada, e a por pasar ao día seguinte ('dura xornada me espera', como dixera o Damiens) era o de adicarlle uns 15 ou 20 minutos, antes do sono reparador, a (re)lectura duns anacos do 'Neuromancer', de William Gibson. Unha lectura breve, pracenteira, saboreando as palabras e o estilo e recreando o teatro espectral das imaxes. Metaforeémolo incompletamente nunha xícara de chocolate con tona ben quentiña e cunhas gotas de caña.
Na máis relaxada fin de semana, adícome aos praceres recuperados da (re)lectura doutro texto: esa encantadora peziña baixo título 'Sade, Fourier, Loyola' que entreteceu o inxenio de Roland Barthes. E por unha vez, o crítico cumpriu coa súa palabra, pois os seus textos fornecen dun pracer bastante intenso, malia que aumentado co encanto do locus amoenus das boas vistas, sentado na mesa de ferro baixo a sombra dunha laranxeira. Intenso perfume de azahar. Un pensaría que a imaxe resulta algo trillada, circulada en demasía pola alfándega da poesía hispano-árabe, andaluza e popular. Mais non deixa de ser curioso como o cisma de significado-significante só colleu a forza dunha epifanía ou cortocircuito na repousada lectura de fai unhas horas, onde a imaxe correcta e precisa da tradición literaria se xuntou, brevemente, ao goce da miña experiencia sensorial.
E como ben sabedes do meu afán por compartir as lecturas connvosco (alén de servirme os anacos como memoria virtual do que lín en distintos días da miña vida), eiquí tedes un anaco, da parte adicada a Loyola:

"A dicir verdade, a loita dos Exercicios non é contra a proliferación de imaxes, senón moito máis dramáticamente, contra a súa inexistencia, coma se, baleirado orixinariamente de fantasías (independentemente da dispersión da súa mente) o exercitante necesitara que lle axudasen a facerse con algunhas. Podemos dicir que Ignacio tómase tanto traballo para enché-la mente de imaxes coma os místicos (cristiáns e budistas) por baleirala; e se nos remitimos a algunhas das hipóteses actuais, que definen ao enfermo psicosomático coma un suxeito impotente para producir fantasías, e a cura coma un esforzo metódico para facer recuperar 'unha capacidade de manipulación das fantasías', Ignacio é un psicoterapeuta que tenta inxectar a calquera prezo imaxes na mente mate, seca e baleira do exercitante, de introducir no seu interior esa cultura da fantasía, preferíbel, malia os riscos, á nada fundamental (nada que dicir, que pensar, que imaxinar, que sentir, que crer) que marca ao suxeito da fala, antes de que o rétor ou o xesuíta fagan intervir a súa técnica e lle den unha linguaxe. En resumo, hai que aceptar a 'neurose' do exercitante".

E como o traballo apremia (máis traduccións, exposición para clase e un discurso), vóltovos a deixar. Tede paciencia. Entrementres, como xogo, podedes desnovelar/descifrar o labirinto-adiviña que representa todo texto, e que neste caso exemplifico co dormitorio da nova casa de Serra de Outes, trasunto para mín de Philae, perto da illa de Elefantina.
Un saúdo!

3 comentários:

Laurindinha disse...

Fra Vernero... é vostede un dos máis auténticos sibaritas que teño o pracer de coñecer...!
Unha delicia poder ler as súas experiencias sensoriais ao ler un bo libro, ou ao saborear un exquisito chocolate... xa nos contará que tal ese novo cuarto na Serra de Outes... unha das vilas máis elegantes que posúe a Gallaecia.
Saúdos!

Anónimo disse...

Da ferocidade dos camións de reparto creo que nunca chegou a falar Barthes, ou se cadra si, é posible... En todo caso Barthes é/foi un tipo estrañamente (o estrañamento) poliédrico e a min sempre me chamou a atención unha frase súa lida nalgún dos seus libros e na que se definía non como un home contradictorio, senon un home disperso (escribo de -mala- memoria). Esa antítese entre o contradictorio e o disperso non deixa (deixou)de andarme constantemente na cabeza, fundamentalmente porque eu creo, e perdón por personalizar-me, que diría o contrario ou, en todo caso, diría que son un tipo contradictorio e disperso e, polo tanto, sensible tamén ós violentos ataques inesperados dos camións de reparto.

p.s.: o do chocolate paréceme sempre unha boa opción.

Anónimo disse...

O cabaleiro do pentáculo afirma:

a) Roland Barthes era un home intelixente e parisién: hai unha forte oposición entre o esnob e crebadizo Roland e o montañés e rudo Bourdieu;

b) Rolando Barthes vivíu a súa particular follia destructiva ó escribir sobre moda posuído polos espíritos de Tomás de Aquino e, declaradamente, un tipo chamado Algirdas;

c) o que describe o mantenedor non é nada novo: o intransferible dun momento sen duración - infinito - vivido a través do producto-considerado-estético foi descrito xa por Hegel e, na súa versión conscientemente transmoderna, por Breton...

... o libro de Breton era - non podía ser outro - Nadja...



p.s.: non se perdan esta tarde ó excelente poeta Xosé Luís Mosquera Camba no Diario Cultural da Radio Galega, sempre paga a pena escoitalo.