quarta-feira, maio 23, 2007

Apuntes

Southern trees bare strange fruit. Hai un triangulo isósceles que debuxou con tiza o home branco, e cuxos vértices son: Negro, Árbore, Morte. Topámolo en Heart of Darkness, onde os exhaustos traballadores retíranse a un bosque tenebroso para morrer na sombra. Topámolo nas árbores dos Estados do Sul, foto e canción de linchamento cortesía da nosa bitacoreira Arale. Topámolo en relatos de Faulkner...

**********

No volume 52 da miña revista favorita (a Shakespeare Survey) vai un artigo moi interesante de Kate McLuskey: "Macbeth/Umabatha: Global Shakespeare in a Post-Colonial Market". Nel estúdase a evolución que o texto de William tivo por terras africanas, incluída unha famosa adaptación zulú de Welcome Msomi. Coma sempre, a loita polo significado convértese en escenario de loitas diversas: periferia absorvendo e dignificándose a través dun referente chave da cultura metropolitana; afirmacións de igualdade e universalidade baixo o manto da literatura; ao mesmo tempo, sumisión indirecta ao Imperio e o seu discurso branco e eurocéntrico, na que o local é un exótico adobo co que disfrazar ao cisne de Avón, que reforza a súa outridade inferiorizada...
Sempre é perigoso empregar as ferramentas de Europa para liberarse. Xa dicía Benjamin aquilo de que todo instrumento de cultura é ao mesmo tempo testemuño de barbarie.

**********

Barbarie do Congo e das mans cortadas. Da tiranía do caucho e da avarenta sede maligna dese monstro, el-rei Leopoldo (véxase o libro de Adam Hochschild 'King Leopold's Ghost'). Viaxe conradiá ao corazón das tebras, que está no reverso tenebroso de Europa, engaiolado dentro de nós mesmos. Bárbaro Támesis, sepulcros branqueados. Os remeiros negros como imaxe enganosa, sá e atractiva (Homoerótica?) da fusión home-natureza. Romanticismo? Pode. Mais tamén o discurso naturalizador do Outro que se lle aplica ás Mulleres. Muller, Negro, eslabóns da cadea da natureza, o instinto, o 'natural', o 'instintivo', o incivilizado. A cultura como hucha e fabuloso tesouro de cidades de cristal e aceiro, ágoras de discurso e retórica, pergameus, coma o couto do home branco occidental. Bloody Niggers!

**********

E nembargante, non hai algo de reaccionario no discurso que entresacamos de To kill a mockingbird? Quero dicir, un elemento lembra ao cine de Hollywood (e non estou a pensar na famosa adaptación con Gregory Peck no papel estelar de Atticus Finch). Some good men, que alén de título de western e dunha antoloxía feminista de críticos masculinos que respectan (Lacan era un deles), serve como chave barroca e retorcida de ferro vello co que forzar o ferrollo da ideoloxía. Un individuo bo e xusto que salva o sistema. Watergate, as personaxes de Capra (neste caso, o actor fetiche é James Stewart). A mentira que desenmascaraba Baudrillard (sí, Baudrillard!) en Simulacra and Simulation. Resolta dun xeito máis do meu gusto por Slavoj Zizek cando dí que o todo guión hollywoodiense admite calquer posibilidade de mal e de crítica ao sistema mentres que fique a porta aberta ao xusticieiro anónimo e modesto, home de a pé. O Incorruptíbel sen guillotina. Pero un xusto tan só non poderá salvar a Sodoma. Receta para o Sul tras séculos de discriminación racial e, dobremente, de xénero (neste caso a referencia é Alice Walker, The Color Purple): Toissant L'Overture, Boukman, Haití: exterminio da poboación de explotadores. Ningún sureño merece perdón, e os fillos pagan as culpas dos pais porque repiten tamén os seus pecados. Deus recoñecerá aos seus!

**********

A self-conciously deconstructing narrative. Eis a miña definición de Heart of Darkness. A súa complexa arquitectura está nun xogo/xugo irónico de tira e afrouxa co lector. Estades dacordo?

6 comentários:

Anónimo disse...

Fra Vernero, hai un par de días que intento manter o equilibro sen me marear sobre a túa bitácora e ao final acabei amarrada ao teu perfil. Rechamante que entre os teus gustos cinematográficos - nada que reprochar, polo demais - figure a bastante mediocre (mesmo malograda) segunda parte dun filme que non a precisaba en absoluto.
Saúdos, polo demais.
Mrs. Chan

FraVernero disse...

Aprezada Mrs. Chan:

alédome de que non caeras pola borda, e de que o perfil che servise de anclaxe. Dibuxareiche na miña mente coma unha Ulises atada e sen cera nos oídos para escoitar os meus enganosos cantos de serea...

Malia que son un consumidor activo de moitas artes, non lle dedico o tempo suficiente ao cine, quizais (textocentrista confeso), e nembargante, non lembro que tivera nada que obxetar a 2046, de Wong Kar Wai (considérala sec'uela de 'In a mood for love'? ou de Days of being wild'?), á que o meu compañeiro de piso describira axeitadamente coma 'O Marienbad posmoderno' despois de que saíramos da súa proxección no CineEuropa. Encantoume a súa fragmentación, a mistura de ciencia-ficción (un xénero friki que me seduce por momentosd) e tamén, para sermos honestos, o inmenso atractivo de Bai Lin (a actriz Zhang Ziyi, un ano maior ca min), continuamente rexeitada nunha atitude fría ao marlon brando (en 'último tango') no que para min era a maior das violencias exercidas sobre a credulidade do espectador. En palabras, daquela, de FraVernero (perdoade o ton entre lascivo e soez): "Pero se esa china é unha puta DIOSA!!".

SurOeste disse...

pola miña parte direi, coa crúa sinceridade que me caracteriza, que este texto, estimado Pater, foi moi do meu agrado e non me sentín abafada polo seu habitual torrente erudito, é dicir: por fin entendín todo!
Voume satisfeita.

Anónimo disse...

Certamente, é unha secuela - pero unha secuela manifesta - de "In The Mood For Love". Os personaxes levan os mesmos nomes, Su Li Zhen e Chow Mo Wan, e, non sei se repararas, 2046 era o número do cuarto do hotel onde ambos os dous se reunían na primeira parte para escribir novelas!
Moi linda, si señor, Zhang Ziyi - menos mal que aínda lle gustan a alguén as mulleres case invisibles, neste tempo de Scarletts e Penelopes. Iso si, unha actriz moi normaliña e non demasiado intelixente, especialmente comparada coa Maggie Chang da primeira parte (tan inaccesible, tan tremorosa, tan elegante), unha intérprete moito máis intelixente, se me premites o comentario.

Saúdos, textocéntrico! (Non todo vai ser ir ao cine)

Mrs. Chan

FraVernero disse...

Vaites... que me place, como diría o outro...

A personaxe tampouco era demasiado intelixente, anque a súa feminidade crúa e seductora resulta unha boa trampa para espíritos poucos refinados, coma o meu... :P

Sul, alédome que non saíras do rego desta volta, malia non ter a sensación de que o escrito sexa menos críptico do habitual...

Arale Norimaki disse...

Sr.Fra, xa vai a terceira que releo o texto do moito que me gustou, pero entre a miña carencia de tempo físico e a súa elevada actividade blogueira non puiden tomarlle o augardente até hoxe. Como saberá sonlle un androide de coñecementos moi limitados, pero iso non me exime de que me apaixoen estes temas. Menuda mestura de referencias!! Teño para unha tempada...
Se a CPU non me traizoa, o meu querido Edward Said, facía unha lectura semellante á súa de Conrad. Said atribuélle a Conrad o don semiinconsciente desa self-consciously deconstructing narrative da que vostede fala malia estar imbuido de pleno na retórica e lóxica colonialista; ese valor diferencial do corazón das tebras fronte a moitos dos seus contemporáneos "orientalistas".
Un saúdo!