quinta-feira, maio 31, 2007

Cherchez la femme (2)

Ben, sei que me estou gañando a pulso un puteo inmisericorde polos meus pecados, mais afrontarei resignado os dardos e frechas da aldraxante fortuna para voltar a colar un fresco arredor da Ginger Lady que fitei onte. Hoxe mesmo está á miña esquerda tecleando, e como me fixen propósito non de enmenda, senón de pecado (a saber, sempre que a vexa escribir un texto eiquí) terei que afinar as ideas, anque esperarei a ben entrada á semana que ven, para non aburrirvos. Toda xustificación torna inútil, supoño, alén do argumento irrebatíbel de que, como musa case exclusiva da miña creación, xunto coa miseria do triple fracaso e a existencia cotiá, faise merecedora de liñas e pensamentos.

...porque onte mineralizaches, muller de xenxibre...

A miña imaxinación febril é incapaz de concentrarse no Mrs. Dalloway cando che teño perto, ao tempo que sinto afogar no soño asulagado dun mar de emocións. Auga salgada que escarcha os meus beizos e que da sede canto máis se bebe. A sede é mirarche. Delirio lunático das mareas e naufraxio da razón ilustrada que me provoca a lúa do teu ser.

A fantasía arrincouche dunha das medulas, e transmutou as túas dozuras en seixo comestíbel, doce cristal de rocha, lingotes de berilio rosado, rock candy, pedras de azucre duro a desfacérense lentamente no padal. Levabas un xersei azul turquesa, tecido ou tallado con esmero. O bolso (rosa, por suposto) era un xogo holográfico de rectángulos que mudaban caprichosamente as súas tonalidades escarlata como nun xogo autoreferencial de espellos que rimaba irónico coas curvatura de formas dondas e globulares, burbullas cristalinas de flor de pino salgado que esmerilaban a túa libreta.

O tolo son eu, non Septimus Warren Smith, mentres tento descifrar os xeroglifos que agocha o teu sorrir, sorrir que forxa promesas de ben e felicidade absoluta Beauty is truth, truth beauty, - that is all / Ye know on earth, and all ye need to know que disolve nun instante extático tódalas contradiccións; non de distinto xeito operan a Revolución e a Vangarda en cadanseu nicho da torre e xardín pechados do meu imaxinario.

(non é rosada e vermella a pasta vítrea dos teus lentes. Máis ben un violeta ou púrpura que evoca salóns imperiais, πορφύρεα, veas de ópalos ocultos agachados no corazón plutónico da terra).

Contaxio da loucura e da paranoia que ascende da tinta impresa como a ofrenda fragrante dun incenso malevo de hashish e beleño: tremo de terror e de ledicia pensando que estás a ler nas liñas que che escribín con anterioridade, ou as mesmas que agora penso nos intres que non che observo.

Cando a danza irresistíbel dos teus pasos che alonxa do computador, penso que levas contigo a Realidade Verdadeira. Na sombra dos espazos que habitaches fica tan só unha densa tonalidade gris de restos e ruínas, cor fugada do Alcatraz de cemento apenas disimulado do cotián. Ou quizais é a danza a que destrúe e reconstrúe en caprichosas, churriguerescas formas os veos do visíbel nun xogo semellante ao das pombas de xabrón.

...porque o mundo é un lenzo, páxina en branco ou mellor arxila mollada para que estampes nela o teu cilindro-selo...

10 comentários:

Anónimo disse...

O que tes que facer é incluír a imaxe que eu che mandei... e deixarte de tanta Bice dei Portinari e tantos sepolcri en Avignon...

Anónimo disse...

XENXIBRE CONFITADO

Vaites, Fra Vernero. Os meus paseos pola túa bitácora oscilan obscenamente entre a curiosidade e o mareo.
Estou a botar contas: un ano máis novo que Miss Ziyi. Un máis vello ca min, é dicir. E cando esperaba novos cantos de serea que me mantivesen a bordo cun novo tema se cadra máis insólito, síntome como a ler algunha desas cartas de amor que recibía no instituto dese rapaz tímido que nunca as asinaba (nin falla que facía, só podía ser el).
Para un amante de Wong Kar Wai, unha concepción do amor un pouco inxenua. Concederíaslle o mesmo parágrafo a esa fada inefable tras os lentes rosados se a súa materia estivese tan perto que interrompese o teu alento?
Ámaa nas súas vísceras, nas súas pingas de suor, no seu cuspe.

O teu último Post era unha carta de amor a un fetiche, a un personaxe que, coma os esperpentos de Valle, só se define polos seus postizos: bolsiño, lentes, cabelos. Non era paixón por unha muller, senón por un esquema. Cantas sweetest ginger, golden, brunette ladies houbo antes, que agora se proxectan sobre esta?

Desculpa esta invasión, descoñecido. Para que me perdoes, vouche facer un agasallo - a última vez que estiven en Compostela, no "Rincón del Gourmet" do Hipercor había nada menos que xenxibre confitado (exquisito disolto no té, se adoitas bebelo). Imaxino que saberás aprezalo!

Mrs. Chan

Anónimo disse...

E digo eu, querido Fra, se non terá que deixar o café con leite da mañá e pasarse obscenamente ó cola-cao?
Non é que sexa barroco (churrigueresco, para máis inri), é que é vostede realmente retorcido. Estouno vendo sair no seu rocín polas veigas e cómaros das terras de Outes para facer méritos de cabaleiro andante e poder así gañar o amor desa Dulcinea con portatil. Elixa ben ó seu Sancho e non esqueza o chaleco reflectante por enriba da armadura (os tempos son cambiados). Best wishes.

p.s.: o do Baselitz de onte era unha ironía e estaba clara a autoría do poema (ser barroco non significa ser inintelixible sempre).

FraVernero disse...

Gawaino, non agardes que ceda ao teu vendidismo político posmoderno, e meta na bitácora algo arredor de Segolene... prefiro os meus mitos de pedra, caramelo e fantasía...

Uncle Joe, 'os tempos son chegados'. Grazas polos bos desexos, anque sendo tan retoricido, tornareinos como barrotes de ferro sádico e fundido para unha gaiola particularmente lúgubre. Canto aos chalecos, xa se pedirei un a Sir Gawain...

Mrs. Chan, é vostede bastante precisa na súa análise (non coma moita xenxibre, que así se me marea tan doado enriba das taboas!). Pense que me gusta moito identificarme co Galileo de Brecht, para o cal o engado das ideas novas era case sensual e equiparábel ao dun bo mirlitón ou ganso asado... O meu fascinio coa rapacita ten un moito de epicúreo pracer culpábel, alén dun autoxogo consciente de idealización (o amor, do que desconfío profundamente, é máis inconsciente). Certamente era a carta de amor a un fetiche, ou a unha muller que só existe nas fantasías de FraVernero e nas mentiras da escritura ('o poeta é um fingidor') ata cando máis veraz se pretende ser. E nembargante...
Como bicho intelectualeiro, entedenderás pois que só poida amar de verdade abstraccións (Arte, Revolución) anque supoño que as miñas experiencias tamén me encarreiraron por aí. De todas maneiras, o fascinio é un motor potente de escrita...
Un saúdo, e comerei o xenxibre con gusto (outro froito idealizado: nunca teño manxado caramelos de xenxibre malia velos en 'Neuromancer' e en fotos de libros, co seu cor mol alaraxado incitando á sinestesia e ao pracer oral...).

Anónimo disse...

Eu ía máis pola banda de Dylan que pola de Pondal, pero tamén me parece ben "chegados".

SurOeste disse...

Vou defender aquí ao compañeiro Vernero.

CAmarada, non lles fagas moito caso, no fondo todos agardamos ilusionados a que lle fagas a revolución a ese ser anxelical entre nubes de azucre rosado, aínda que algúns dubidemos de que a estratexia seguida sexa realmente a correcta.

A Raíña Vermella disse...

E non será ao revés, que precisamente por non achegarse o suficiente a persoas reais é polo que desconfías do amor e só te ves capaz de amar frías verdades abstractas?
Tamén hai que ver que é o que se entende por amor, porque se falamos do concepto anquilosado e ríxido de parella heterosexual, monógama, fiel, destinada ao matrimonio, a procreación, a hipoteca e o nicho adosado, eu tampouco dou un peso por ela, pero hai outros xeitos de amor, por sorte para todos. Só hai que saber atopalos.

FraVernero disse...

Agradécese a defensa, Sul, anque o erro ao meu ver parte de non aceptar as palabras do autor sobre estes textos, que non son estratexia algnha de ligue, senón somentes (máis unha vez) intento de sublimación pola escrita dun desexo frustrado (e culpábel).

Raíña, é posíbel que teñas razón tu tamén. Despois de todo, a Outridade feminina resultoume sempre difícilmente descifrábel (ía dicir 'penetrábel', máis daría lugar a jocosos malentendidos), como a esfinxe de Edipo travestida que colguei algunha vez na bitácora. A Revolución e a Vangarda tamén est´´an lonxe, e xa o vicio intelectualeiro é a idealización e reflexión paralizante (tópico Hamletián?). Do modelo de parella poderíamos falar longo e tendido, mais prefiro deixalo a unha futura entrada, túa ou miña.

SurOeste disse...

Faire la revolution debe ser o fin supremo, camarada, e se pode ser entre nubes de azucre rosa mellor.

Anónimo disse...

¡Ah, castrón!

Chegou o momento. Tes que interceptar a esa diosa do sexo e dicirlle: "¡Aquí, enriba da mesa, agora mesmo, quero velo!" Se opuxese algún tipo de resistencia, propoño que pases ó plan B, isto é, acariciarlle a orella mentras lle dis: "Haaaa, déixame rabarche na orellaaaaa, haaaaa..."

P.D.: Se ningún destes plans funcionase, o plan C é dicirlle "¡Perra fascista!"