quinta-feira, maio 10, 2007

Cherchez la femme

Onte estaba sentada no computador ás miñas costas. Biblioteca de Filoloxía. Máis que unha rapaciña, é unha auténtica obra de arte. Boneca delicadísima ou teclas de marfín laqueado sobre piano tocando unha peza de John Coltraine (Afro Blue) para afagar e estimular o meu desexo. Creo que estuda Galega. Descoñezo o nome.
Dicir que é guapa, guapísima, resultaría demasiado obvio e gastado. Alén, hai mil formas posíbeis de beleza, unidas a cadansúa muller. Neste caso, trátase dunha dozura espesa e omniabarcadora que colapsa aos distintos sentidos nun buraco negro de glucosa. How sweet! Sinestesia do doce. Sempre viste algunha prenda rosa. Ate as gafas forxan nunha pasta vítrea entre o rosado e o vermello. 'Aurora, de rosadas dedas'. É da clase de rapazas azucaradas -algodón de zucre e ollos claros dun cristal caramelizado- e ultrafemininas que fan que o mel e os postres parezan zume de limón recén exprimido cando se compara con elas.
A fantasía na que se mesturan a gula e a luxuria, cadro flamencos e odaliscas ten un regusto amargue: a tristura de pensar no fugaz da beleza humana cando non é eternizada polo outro Arte. Tamén engade o disgusto de FraVernero pola superficialidade, nun consumo que considera un pracer culpábel, fillo da natureza caída que representa as trampas e pozos da bioloxía, desa maquinaria inhumana de reproducción por sí mesma (unha lóxica moi semellante á de Das Kapital, por certo).
E nembargante, qué belida! O pracer que procura á vista é máis intenso que o da vexetación florecente no medio do deserto. Require un verdadeiro esforzo da vontade resistirse á tentación de ollala.
Todo o cal non deixa de ser unha presada de imaxes banais coa única fín de erguer un pequeno altar de verbas, atrapar á moza e á imaxe en ámbar, anotar o instante e o encanto, e a dobre ironía encriptada en que nunca saberá que se escribiu isto por ela, ao tempo que o narrador descoñece se agocha unha alma igual de nobre a máscara de dourados e porcelanas -altar barroco- coa que Arte e Natura tiveron a ben de cubrir a carne e a alma espidas.

13 comentários:

Lucía disse...

Estás hablando de mi, ¿no?

FraVernero disse...

Ah, perraca! Serás narcisista! Dende cando non sei o teu nome, ou dende cando estudas galega?

xD

A ver se metes unha nova entrada na bitácora, que es máis preguiceira....

SurOeste disse...

Fravernero, os que cantades no tempo da flor... sodes máis falsos ca os pesos de seis pesetas.
Aínda así, vouche propoñer un plan de ataque:
Arrinca unha rosa fragante por aí por unha silveira.
Busca á dama en cuestión.
Míraa con decisión e mesmo con certa luxuria (non con cara de año degolado, por favor).
Achégate a ela e dille:

"La razón de la sinrazón, que a mi razón se hace, de tal manera que mi razón enflaquece, que con razón me quejo, señora, de la vuestra fermosura".

Dálle a rosa e agarda a reacción.

FraVernero disse...

Interesante plan te ataque, Suroeste, anque sospeito que é pouco persuasivo coa muller posmoderna. Alén, nas últimas semanas lévanme tirando demasiados coitelos e armas arroxadizas, polo que teño que porme a cuberto...

E non esquezas, alén, que a beleza é unha desigualdade obxectivamente reaccionaria. Como a riqueza. O cabalo bravo da alegoría platónica no que temos que mallar ata que calme algo.

Anónimo disse...

Bueno, Fraver, pasásteste! Non esperaba isto de ti...tan intelectual que parece que non che importan as mulleres máis que para kiki-caca e preparing xantar.
Que esperas, que alguén che dea unha pista, que ela lea isto e mexe de risa...? Pero claro, se é tan feminina e leva oculos cor da paixón, con eses mesmos ollos da loucura che mirará tras saber que a descrebes mellor ca o faría Gala.
Estou asombradísima contigo. Non sei se levarche á casa do mar esta fin de semana, dados os estragos que fai en ti a primavera.

FraVernero disse...

Demo! Xa sabía de antemán que con estas liñas me íades subir polas inexistentes barbas arriba!

paciencia...

As mulleres tenden a interesarme máis como escritoras, artistas e revolucionarias, anque claro, é difícil resistirse ás demais tentacións da carne, e máis cos calores da estación. Neste caso, limítome a aplicar a coñecida metodoloxía de sublimación do sórdido e estetización da existencia pola escritura, xa que estetizar á vida mesma resulta algo máis difícil.

Raró sería que non ceibaras o agillón... Anque mellor que a casa do mar, recoméndame duchas frías e tratados de ascética. En breve agardo mercar por internet as memorias de Dzerzhinsky, un libro dun chekista puritano que promete converterse no meu 'Eloxio á milicia templaria'...

FraVernero disse...

CODA

Tamén lembro que o 'Qué facer' de Chernyshevsky foi unha novela-modelo para Lenin, e moi gabada por Vladimir Ílich. O seu heroe estaba ascéticamente adicado á revolución (revolution is a harsh mistress), durmía nunha cama con puntas e comía carne, erguía pesas (todo isto para fortalecerse) e adicáballe escaso tempo ao amor...

Anónimo disse...

Querido Fra, se eu entendera de mulleres botaríalle unha man, pero como non é o caso, probe a poñer en práctica o consello de Suroeste, cando menos a moza en cuestión non se esquecerá xamais, eso seguro.

Anónimo disse...

Si, claro, interésanche as escritoras e como esta escribe tecleando tanto e tan docemente...

FraVernero disse...

Nai que vos pariu...

Interésanme as escritoras para ler. A beleza exerce un seductor embruxo malevo sobre un ao que tenta resistirse (como a todo aquilo que representa unha limitación da nosa liberdade)...

torredebabel disse...

pero déixese de lirismos e consiga o seu correo electrónico que xa nos ocupamos nós de facerlle unha cita ;-)) O mellor das persoas interesantes é que sempre saben sorprendernos cando pensamos que xa podemos escribir o seu perfil.

Lucía disse...

Ahora el preguiceiro eres tú

FraVernero disse...

Raíña Margot, máis que preguiceiro, o problema é que non tiven internet a fin de semana... A ver se me poño ao día pola tarde.

Torre, afágame inmenso que entre todas tu sempre tes algo doce (seguimos coa larpeirada! he, he) que dicir. Con todo, tería que abordar ao galeón/ muller de xenxibre mentres fai a carreira de Indias... Pirata ou Filibusteiro?