segunda-feira, maio 28, 2007

Diario de Berlín

Cando tocan as eleccións, FraVernero soe sair do seu marasmo habitual e tecer algún fío de crónica política. Namentras vou aclarando as ideas, deixovos cun anaco do libro Goodbye to Berlin, de Christopher Isherwood que estiven a ler por estas datas, e que constitúe unha certa forma de homenaxe a unha das miñas cidades favoritas.

Esta noite, por primeira vez neste inverno, fai moitísimo frío. A intensa friaxe apreta á cidade nun silencio total, semellante ao silencio de intensa calor no mediodía dunha xornada de verán. No intenso frío a cidade parece contraerse, encollerse nun pequeno punto negro, apenas meirande que centos doutros puntos, isolado e duro de atopar, no inmenso mapa de Europa. Fóra, de noite, máis aló do último bloque de pisos de cemento recén construído, onde as rúas rematan en conxelados xardíns alugados, están as chairas prusianas. Pode sentilas todo ao teu redor, esta noite, movéndose lentamente cara a cidade, coma a intenso páramo dun océano estraño -salpimentado de pequenos bosques desfollados, lagos xeados e pequenas aldeas que se lembran tan só coma nomes distantes de campos de batalla en guerras medio esquencidas. Berlín é un esquelete que sufre co frío: é o meu propio esquelete sufrindo. Sinto nos osos a dor aguda da xiada nas columnas do tren elevado, no traballo de ferro dos balcóns, liñas de tranvía, lámpadas, letrinas. O ferro vibra e encolle, a pedra e os tixolos doen en silencio, o enlucido é insensíbel.

Berlín é unha cidade con dous centros -o racimo de hoteis caros, bares, cines e tendas arredor da Igrexa-Memorial, un núcleo escintilante de luz coma un diamante falso no raído entre lusco e fusco da vila; e o autopercibido centro cívico de edificios arredor de Unter den Linden, coidadosamente ordenados. Nos seus grandiosos estilos internacionais, copias de copias, afirman a nosa dignidade de cidade capital -un parlamento, un par de museos, o banco estatal, a catedral, a ópera, unha docena de embaixadas, o arco triunfal; nada foi esquecido. E son todos tan pomposos, tan, tan correctos (todos menos a catedral, que traiciona na súa arquitectura, un destello desa histeria que alumea sempre detrás de cada fachada gris, grave e prusiana. Extinguida pola súa absurda cúpula, é, a primeira vista, tan sorprendentemente graciosa que un tende a buscarlle un nome apropiadamente ridículo: a Igrexa da Inmaculada Consunción).

Mais o verdadeiro corazón de Berlín é un pequeno, húmido e negro bosque -o Tiergarten. Nesta época do ano, a friaxe comeza a espantar aos rapaces campesiños fora das súas aldeas desprotexidas cara a cidade, á pescuda de comida e de traballo. Pero a cidade, que ardía tan brillante e invitadora no ceo nocturno por riba das chairas, é fría, e cruel, e está morta. A súa calor é unha ilusión, un espellismo no deserto do inverno. Non recibirá a estes rapaces. Non ten nada que darlles. O frío destérraos das súas rúas, cara o bosque que representa o seu corazón cruel. E alí encóllense nos bancos, morrendo de fame e frío, mentras soñan cos fornos das súas afastadas casiñas.

5 comentários:

Lucía disse...

La verdad es que tengo ganas de visitar Berlín, pero, por ahora, creo que tendré que conformarme con leer Goodbye to Berlín (debería haberlo hecho hace mucho tiempo, por lo menos en el primer cuatrimestre...). Qué complicados somos, ¿verdad? Cuando te "obligan" a leer un libro, lees cualquier otro menos ese. Cuando ya no estás obligado, te entran unas tremendas ganas de leerlo. Recuerdo que, en segundo de bachillerato, teníamos que leer Crónica de una Muerte Anunciada y yo me lo leí en verano, después de haber hecho selectividad!

Entonces, ¿vas a hacer una crónica política? Pues a ver si puedes decirme quien ganó, todos dicen haber ganado y yo no me aclaro (jojojo).

Anónimo disse...

Berlin: Kafka prefería o seu espírito de urbe levemente disconforme: Berlin era a vila favorita de Kafka polo seu nome de tintineo de copas de cristal: Herz aus Glas: Kafka sempre (mejorando lo presente): non falarei de Bruno Ganz suspendido sobre as autopistas (agora sei o que ningún anxo sabe): non falarei da infancia de Benjamin entre o nacemento do cinematógrafo e extrañas reproducción: non falarei de que Herr Heidegger rexeitou Berlin como pedra angular dun discutible programa filosófico: Goodbye to Berlin?: sospeito que a antiga Avenida Stalin coas súas vespas parcheggiate fronte a cada beirarrúa debe continuar ata o lugar onde non haxa english ladies of a certain age das que canta Neil Hannon nunha fermosa canción (lamento dicilo, pero coido que Susan Sontag foi unha delas): Berlin is (not just for) fun (a posmodernidade estonia pode confirmalo): Berlin I don't know why and I don't care: Berlin é unha cidade onde todos quixemos suicidarnos algunhas veces e algúns o faremos: Berlin, como continuar? par où commençer?

O Breogán de Gáidil disse...

Pois temos pensado visitalo este vrao, alá contra agosto... faláronnos marabillas del, pero eu con Londres teño o listón moi alto (tan alto que nin se ve o listón). Pero bueno, sendo Berlín, darémoslle un voto de confianza.

Anónimo disse...

Quen cadrafios traduciu ese texto, Fra Vernero? A palabra "lonxana" faime tremer cada vez que a vexo...

Mrs.Chan

FraVernero disse...

[perante a xusta censura de Mrs. Chan, veredes que procedín a sustituir o 'lonxanas' da derradeira liña por 'afastadas'. 'Destello' tamén se podería considerar un castelanismo, mais a alternativa que me propón o diccionario de Constantino García escintileo) non me prace, por imprecisa e porque xa emprego unha forma similar máis arriba.