Unha derradeira macedonia de froitas (quizais mango ou feijoas, nun tapiz ao estilo de Arcimboldo ou deses gorros de exuberancia froitil de cantante latinoamericana dos 40). Ma non troppo, que senón cansa...
Acábame de chegar o Diario de Prisión e as Cartas de Dzherzhinsky, que agardaba con impaciencia. O libro resulta máis pequeneiro do que agardaba, alén de ben curioso: é unha reimpresión dun volume homónimo, editado pola Universidade de Honolulú (?) en 1959 (?? En plena Guerra Fría? Admiradores do Chekista Xefe e Gran Inquisidor nos Estados Unidos?). A tipografía é tosca, e o ton xeral é moi semellante a aqueles volumes da Editorial Progreso que se mandaban dende Moscova. Parecería unha traducción ou convenio con eles, mais non aparece nome ningún, nin de traductores nen de editores, alén da Universidade...
Os prólogos, feitos pola viúva e polo propio Félix (unha breve reseña sobre sí mesmo que fixo no ano 1921 para incluír na Gran Enciclopedia Soviética) seguen a mesma liña ditirámbica, con algunha graciosa nota anti-trotskista. Todo suma para restarlle forza como como futuro sustituto laico e marxista do 'Eloxio á milicia templaria' (niso lévalle ventaxa o 'Qué Facer', non de Lenin, senón de Chernichevsky; ou o 'Estado e a Revolución', este sí de Vladimir ílich), mais un fará un esforzo de todas todas...
Resultou coincidencia que estaba a ollar, e a reler anacos de dous dos libros de E. Hobsbawm (de certo o historiador marxista máis coñecido do século XX) cando me chegou o novo. A 'Entrevista sobre el siglo XXI' parece confirmarnos moi tépedamente que o autor xa non acredita na utopía emancipadora, anque non se arrepinta (de certo, seguir sendo comunista por estas datas require algo máis ca un exercicio de fé ou unha voluntaria e non-literaria suspension of disbelief....). A colección dispersa de artigos sob o lema 'Revolucionarios' deixa varias pérolas, das que non me privo de citar esta:
"Non coñezo ningún movemento ou réxime revolucionario, sólido e organizado, que non teña desenrolado acentuadas tendencias puritanas. Incluíndo os marxistas, cuxos fundadores elaboraron unha doutrina nada puritana (que no caso de Engels era activamente antipuritana). Mesmo en Cuba, cunha tradición nativa que é o contrario do puritanismo. Incluíndo á maioría dos oficialmente anarquistas-libertarios. Quen crea que a moralidade dos vellos militantes anarquistas era libre e doada non sabe do que está a falar. O amor libre (no que crían apaixonadamente) significaba non beber alcool, non tomar drogas e practicar a monogamia sen estaren casados".
2 comentários:
http://www.xornal.com/article.php3?sid=20070309102100
Ah, sí. O tema yolándico. Estou demasiado absorvido por outras emocións para dedicarlle unha entrada. Quizais dentro duns días. En todo caso, élle doado aos meus lectores imaxinar cal é a miña opinión sobre o tema...
Enviar um comentário