O último día que pasei en
Riga era un domingo. A cidade espertaba preguizosa, e un xa visitara unha manchea de museos, polo que decidín tomarme o medio día que tiña libre (algo máis de medio día en realidade: ás 7 collía o bus camiño de Tartu; mais contando con voltar á casa e recoller a equipaxe, ás 5 como moi tarde tiña que poñer fín ao paseo) para volver a percorrer as rúas da
Cidade Vella, ese curioso pastiche posmoderno entre fachadas baixo-medievais e renacentistas e o cristal e ferro da nova construcción, todo xunto, por exemplo, no edificio do Concello.
Antes diso, o dono da casa-hotel na que me hospedo (como faría este neozelandés para coñecer e casarse cunha letona fai 30 ou máis anos atrás? Creo que ela era deportista, mais aínda así...) cóntame anécdotas da época soviética e lévame nun paseo polo
arrabaldo, amosándome a varia arquitectura. Destacan as casas de madeira, moitas sen restaurar (custa unha pequena fortuna, mais o goberno proíbe e pena fortemente tiralas abaixo), uns horribles edificios de tixolo (por suposto, soviéticos) e algunhas casas de diseño, de aire Escandinavo e Modernista. Unha das casas máis bonitas, rosada e con pinta de pastel, resulta ser un antigo centro da KGB, onde as torturas eran habituais coma o pan noso de cada día...
A serpe urbana lévame despois, tranvía abaixo e retornado á
Vecriga, diante de edificios xa vistos, entrando somentes na
Melngalvju nams, a
Casa dos Mouros, que resulta máis espectacular por fóra que por dentro, quitando quizais o gran salón de baile con vidreiras e retratos de reis e emperadores (a carón de
Gustavo Adolfo, moi querido alá, estaba nada menos que
Carlos V, o cal me sorprendou un chisco, e varios Tsares e Tsarinas).
Visitando de novo a
Igrexa Anglicana (non a puidera ver por dentro a primeira vez), atópome cun servizo relixoso a piques de comezar. Facía moitos anos que este ateo inpenitente non pasaba por unha misa, mais á soidade, o tentador órgano e a curiosidade ante o rito protestante, máis dinámico que o noso e salpimentado de boa música, arrastráronme para dentro. A verdade, non me equivoquei. O órgano estivo estupendo, o sermón resultou ata ameno. A maioría dos presentes eran turistas anglosaxóns, o que non impediu que se respirase unha amábel camaradaxe amistosa que me facía pensar: 'Ah, se as relixións fosen isto, só isto, non serían unha cousa tan nefasta...'.
Despois toca andar polas rúas do famoso Modernismo local, que transformaron á vila nunha Barcelona ou Viena pequerrecha do Báltico. A longa camiñata baixando Elisabete, Alberta e Strelniki co pescozo do Mantedor en precaria postura de 65 grados e tortícole garantizada. O espectáculo do xeso e do cemento retorcido en formas vexetais e contorsionados adornos de traxedia e teatro de máscaras agocha en cada recuncho da cidade, anque eses paseos recibían unha dose máis alta do normal, incluíndo as pezas de Eisenstein pai, de especial interese para mín ao lembrar as páxinas do fillo, nas memorias, falando das aberracións estéticas do paterfamilias...
Iso no que toca aos praceres do espírito. Os da carne tiveron lugar nun soto, baixando unha empinada escaleira a carón do Daugava. O lugar de certo tiña aires de burdel barato ou de restaurante ochenteiro e báltico. Era o segundo, por suposto, malia o que tentase suxerir unha iluminación vermella e unhas camareiras loiras e esculturais. Alí tiven ocasión de degustar a comida Letona, non por predicíbel menos saborenta: porco, patacas, pan negro e col fermentada... O postre era unha cousa rica, mais por moito que me esforce, non me dou lembrando do que era...
A única frustración, coa falta de tempo, foi botarlle un ollo por dentro á
Torre da Pólvora, a
Pulvertornis, agora museo do exército, ou pasear polo ventre de balea da mole de
arquitectura estalinista que se erguía perto da estación de buses. Ollando pra ela depedínme de Riga, tecendo o tempo libre de lecturas no longo camiño (7 horas) en autobús que me había levar a Tartu.
2 comentários:
Que prosa tan bonita, tes, castrón de ouro!
a mellor maneira de atrapar o espirito dunha cidade é percorrela con alguen que a ame. Hai moitos habitantes, moitos turistas, moita información. Pero é o amor polos sitios o que mellor sabe abrir as portas da súa identidade.
Enviar um comentário