sábado, outubro 20, 2007

Tristia

...A rosa vampírica...
De certo, as diferentes artes funcionan como un placebo, entre outros, que fan á existencia humana (absurda, sórdida, carente de sentido e as máis das veces doorosa) soportábel, e nos arrastran, mansos, ate a caída final. Hai outros opiáceos máis efectivos, coma o sexo e as relacións de parella, anque teñen o defecto de que duran menos. Ao arte podes recurrir cando es vello e a carne triste, e no seu Xardín dos Sendeiros que se Bifurcan acubíllase menos intensidade, sí, e tamén menos decepcións.

Doutra banda, o arte tamén se pode empregar para aumentar, intensificar, refinar e estetizar os estados anímicos, bos e malos. No caso dos exercicios torturadores de masoquismo, penso neses adagios barrocos, ou non tan barrocos (Barber), que topan a súa digna continuación na Quinta Sinfonía de Mahler ou no Stairway to Heaven de Led Zeppelin.

A historia do Adagio de Albinoni é curiosa. Por se non a sabedes, a peza non é realmente unha filla do compositor barroco, que tivo a malísima sorte de que se gardase o corpus inédito das súas pezas na vella biblioteca do estado de Saxonia, en Dresden. Dende alí puideron asistir en primeira plana ao bombardeo e queima implacábel da cidade -Fogueira das Vaidades-, no Febreiro-Marzal do ano 45, que reduciu pedras e persoas a materiais microscópicos e cristalizados. Vonnegut adicoulle a súa novela máis famosa ao escenario. Os volumes sufriron tanto como as persoas, con 200.000 manuscritos tornados cinza e outros tantos que marcharon a Rusia, camiño dun Gulag bibliotecario.

Pouco despois, Remo Giazotto atopaba algúns fragmentos musicais entre as ruinas, e con eles compuxo esta peza, gastada dende entón de tanto que circulou, e música de fondo en películas como a adaptación do 'Proceso', cortesía de Orson Welles, ou o 'Gallipoli' de Peter Weir.

Á lente de tristezas aumentadas engado este anaco do diario de Dzherzhinsky, un pequeno erguer o veo de Maia sobre as cárceres tsaristas e os horrores da execución diaria e o terror. Non deixa o diario de encriptar certa ironía, inscrita na vinganza terríbel que os revolucionarios, con Félix á cabeza, se cobrarían despois dos seus carceleiros...


Dende fai dous días, a cela do lado está ocupada por unha rapaza de dezaoito anos que leva xa catro meses arrestada. Canta, e o seu canto non está proibido. Foi ela a que berrou co xendarme, uns días atrás. Despois daquela escea foi cando a trouxeron a esta cela. É moi nova, case unha nena. A soidade está volvéndoa tola. Pétame mensaxes, pedindo que lle mande unha corda para que poida aforcarse. A corda, insiste, debería estar feita de zucre para que a súa morte sexa unha morte doce.

4 comentários:

Raposo disse...

Si, as veces o único que pedimos é unha morte doce, como unha liberación de algo que xa non podes aturar mais.

Anónimo disse...

Tristeza não tem fim
Felicidade sim

De Moraes Vinicius - A Felicidade

Laurindinha disse...

A arte é un paraíso en vida... pero non subestimemos a capacidade como tal do amor e do desexo...

FraVernero disse...

Ah, querida(s) lauridinha(s), non creo que eu subestime os poderes de Eros, a melodía de Amor e Desexo... Mais ben ao contrario, sobrevaloroos e fetichízoos, como Marx coa mercadoría. Son máis difíciles de acadar que o Arte, e soen traer amais máis problemas. Se é que as cousas que requiren de dúas persoas postas en harmonía e ton como unha orquestiña de cámara son sempre terríblemente dificultosas...