domingo, novembro 25, 2007

Cherchez la femme (e a Foucault, Chomsky e Zizek)

Pacta sunt servanda. En cumprimento, xa que logo, das miñas propias promesas, estou a rematar por estes días o quinto e último dos textos (un pequeno pentateuco, pentagrama, pentámetro, quinto elemento, quinteto ou The Garden of Cyrus or The Quincuniall, or Lozenge, or Network Plantations of the Ancients, naturally, artificially, mystically considered, pertencente a un Thomas Browne que tamén pechaba o escrito anterior desta xeira, e que recolle nel as tradicións que sacralizan o número 5, dende os Pitagóricos á Biblia, pasando pola Cábala e a filosofía hermética) que lle quería adicar á Doncela de Xenxibre. Cada nova entrega foi aumentando de tamaño, e visto que xa vou pola páxina tres nesta, vouvos absolver da súa dixestión pesada, reservándomo para mín mesmo e, quizais, algún día remoto, para Ginger se descubrise a súa existencia e lle interesase lelo...



Noutra orde de cousas e de pescudas, estiven a ollar algúns videos nese galeón afundido cheo de tesouros que é o Youtube. As pesquisas deron lugar a varias recomendacións que fago/resumo a continuación:

1) Algún home anda colgando as conferencias da EGS en rede. Para os que non o coñezades (tedes a ligazón na Glossolalia...), a European Graduate School é unha especie de super-universidade de verán suíza con tódalas grandes figuras, estrelas e div@s do pensamento posmoderno/posestructuralista. Polas súas aulas pasaron os xa finados Jacques Derrida, Lyotard e Jean Baudrillard; dos vivos, é habitual toparse a Zizek, Agamben, Judith Butler, Dora Hathaway, Alain Badiou... Podedes botarlle un ollo eiquí á colección de videos. Recomendo especialmente os do esloveno, un repertorio interesante das súas ralladas habituais.

2) A seguinte recomendación é o debate, en dúas partes, entre Michel Foucault e Noam Chomsky nun programa da televisión holandesa baixo o título 'Human Nature: Justice Vs. Power'. Alén da talla intelectual dos dous pensadores, resulta un contraste pavero entre un Chomsky como encarnación arquetipa do 'Nerd Errante' (só lle falta a calculadora no peto superior dereito) e defensor da Razón Ilustrada e a Verdade, todo cifras, datos e lóxica racional, cartesiana e inflexíbel; e logo Foucault, tremendamente seductor, entoación e xestos vivos, intelixencia aguda e lenemente irónica, e un total escepticismo sobre os Universais da natureza humana, atrapados nas gaiolas do Saber/Poder (incidentalmente, Foucault é o único home -quizaves en menor medida, Ian McKellen e Charles Laughton- que faría dubidar os sólidos cimentos da miña heterosexualidade).

3) Para rematar, e seguindo con Noam, tedes esta entrevista, primeiro anaco dos tres (os outros tédelos na barra), que lle fai un xornalista inglés, Andrew Marr, bastante inxenuo e näif, deses que cren na liberdade de información e na variedade dos media. Resulta case triste ver como a Maquinaria case Inhumana que é este Chomsky (o seu único defecto, e menor, é que non sexa marxista...) desmonta totalmente os seus argumentos e o expón á crúa realidade, nun xogo de datos e fintas dignas do mellor mestre de esgrima.

P.S.: Queda aberta a veda, por suposto, para que comentedes os vídeos e propoñades outros que rescatárades da barataria da marea virtual. E fica tamén engadir á Lista de Desexos que xa teño exposto noutra ocasión o de poder pagarme un curso na EGS, saber máis de Ginger e, como bo aspirante a Mandarín, aprender a tocar ese marabilloso instrumento que é o guqin...

11 comentários:

Nébeda Piñeiro Barros disse...

eu a Chomsky tiven que estudalo en Lingüística aplicada á Tradución e creo que non teño unha idea moi obxectiva sobre el. Tería que facer algo ó respecto. :S


Un bico.

cave canem disse...

Vai de cincos:

Un poema de William Carlos Williams inspira unha pintura de Ch. Demuth (1928) que será reinterpretada nos sesenta (pop) por Indiana e de diversos xeitos, e que tamén motivaría a Jasper Johns (Figure 5), aínda que neste caso dilúese o interés particular xa que Johns pintou seguramente todos os números e máis.

Para outra ocasión quedan outras lecturas do cinco (se procede).

SurOeste disse...

Cave canem: ódiote!

FraVernero disse...

Vaia... como de costume, déixame vostede gratísimamente sorprendido, cave canem... Agardo que na blogosfera agromen máis voces e recunchos coma o seu...

Nébeda, seguramente tiveches que loitar cun Chomsky algo espeso (lembro que me sentía moi parvo cos intricandos elementos de xerga matemática do xenerativismo; anque precisamente polo ousado da súa tese fundacional, só por iso, xa me tería caído simpático, á marxe da política).

FraVernero disse...

Sul... ?

Anónimo disse...

Pois falando do cinco e do seu cabalístico sen(sen)tido, eu lembro unha peli porno na que era o número máxico, pero creo que non debo poñerme a dar detalles.

Anónimo disse...

Parte 2:

Esquecíao, Sul, a min pásame o mesmo, creo que tamén me está resultando un pouco odioso/a o/a tal Cave Canem.

SurOeste disse...

Explícome: o can este anda botando mexadiñas aquí e acolá para que lle poñamos sobresaliente. E o que máis me amola é que non entendo cosa do que di!!!

A Raíña Vermella disse...

Pois non é por levar a contraria, pero eu quédome co sex-appeal nerd de Chomsky (que semella poderse amañar con bastante xeito con outros zapatos e outros lentes) aínda que recoñezo que tes razón en canto á expresividade de Foucault. Pero aínda así dame un pouco de mal rollo, lémbrame ao vello de Regreso al futuro pero sen pelo.

SurOeste disse...

Foucault, oh mon Dieu que deriva tan frívola está adquirindo o debate e eu axudando, ten un aceno recorrente que me resulta desagradábel: ese xeito entre amargo e despectivo que lle torce a boca cara abaixo cando fala e di algo particularmente agudo.
Pero a sexualidade e as súas leis de atracción repulsión seguen a ser para min un misterio. Deprocatástesvos?

FraVernero disse...

Bon, non deberías preocuparte, Sul, pola deriva de frivolidade, xa que todo estaba inscrito, in nuce, na cartografía do desexo. Xa dende a primeira parte, na que evoco á que ben sabes que é para mín a Encarnación do Desexo Trascendental...

Os xesto (e a melodiosa oscilación de tons) faime a Foucault moi grato. Percébese certa soberbia, sí, pero o francés é un home que ten motivos sobrados para manifestala (algo así coma o Nabokov do pensamento, anque é menos acedo). Canto a el e os demais, os que me coñecen saben que o respecto e admiración que teño por certas figuras intelectuais é tan intensamente vivido coma un orgasmo.
Raíña, eu creo que a Ch. lle pasa como aos bos viños: mellora cos anos. Agora está moitísimo máis guapo que fai 30 ou 40 anos...

Canto ao misterio da atracción, non me tes que persuadir, Sul. Eu enténdoo aínda menos ca ti. Xunto coa muller (e moi relacionado) é un significante críptico coma un xeroglifo, do que amais, todos somos escravos.