sexta-feira, novembro 16, 2007

Macedonia (4)

Como de costume, amoréanseme cousas e imaxes dun xeito impresionista, o que obriga a tecer un lenzo de arabescos e cores contrapostas, anti-harmonías fóra da escala dodecafónica...

Onte, en vez de aplicarme ao sisudo estudo dos valores confucianos (metáfora incompleta dos temarios de opos que con algo de sorte me darán acceso ao mandarinato inferior dos mestres de secundaria...) estiven a pedir papeis e a vaguear por Compostela con ese malvado corruptor de maiores e menores que é out of time man. Parte do parque de atraccións incluiu a visita ao novo Couceiro, de numerosas plantas, co gallo de capturar as 'Crónicas de Gáidil', o primeiro xogo de rol en galego e que merece unha reseña máis polo miúdo (en próximos días, que aínda estou a ler o volume...). Polo de agora, agradecementos e entrantes podedes degustalos eiquí.

Outro sitio onde estivemos e foi no novo restaurante Hindú que abriron en Santiago, cousa ben socorrida, xa que un dos legados da Experiencia Inglesa do mantedor, alén da língua, foi un vicio incurábel polos currys picantes e especiados... Xa fomos dúas veces en dúas semanas...

Dispersos despois polo remol culinario (Pablo abandooume para ir a aulas e logo a unha cea frustrada no restaurante Xaponés), tiven tempo de sobra para pasarme por un recital en Sargadelos, do que supoño aparecerá en breve a Crónica de Sociedade nalgures (no blog de Modesto, quizaves?). Senón, ou se o público a demanda, dareille saída e excusa para unhas liñas e unha entrada.

Tamén me chegou unha carta manuscrita de Sir Gawain dende París. Temos un curioso intercambio epistolar (Les Liaisons Dangereuses), xa que eu sempre lle contesto pola Rede, en parte polo horror vacui que me inspira a miña propia escrita (que insiste en ser árabe e occidental ao mesmo tempo, e merece Pena Capital por delitos de Lesa Maxestade contra a caligrafía). As cartas parisiéns rescatan doutra volta o fetiche da verba escrita e atesourábel en caixóns de sándalo, ou nunha persoal antoloxía da escrita do Meu Moi Querido metaformoseado en Vizconde Valmont, ao que tanto se bota de menos dende que xoga (tamén, noutro travestismo literario) a Gargantúa na Cidade das Guillotinas...

A breve incursión na Cova Filolóxica tamén descubriu a arqueoloxía do saber -sen excavar- dos muros de papel e dos vellos coñecidos e coñecidas que tanto boto de menos este ano, anque quizaves haxa unha posibilidade (estreita, coma ponte pendente sobre o paraíso) de que os poida ver máis a miúdo dentro dun tempo. Xa veremos, xa...
[entre as vistas, por certo, non podía fallar a Doncela de Xenxibre, o que me lembra que teño un texto pendente do Quinteto que me propuxera adicarlle; mans á obra, entón]

P.S.: Antes de liscar, as acuciantes demandas do Nadador e da súa política memeira conservadora e viciosa obríganme a adiantarvos tamén 8 esceas, ou momentos históricos dos que me recomendou falar. Cando estábamos no Instituto, o Mantedor labrárase a mantenta unha fama de articulista longo e infumábel. Nas páxinas da 'Casa da Gramática' podíanse topar baixo a grafía dos seus pseudónimos textos informes sobre os Reis Magos, a mitoloxía eslava, a Revolución Rusa e (oh la lá) máis de doce páxinas adicadas ás relacións comerciais do Exipto Faraónico, parte dun proxecto (afortunadamente) frustrado de trazar unha lectura marxista das Relacións Tributarias na Antigüidade dos Imperios de Oriente Próximo. Mais na Facultade, despois, non cheguei a aprender Sumerio, Acadio e Xeroglífico. E baixo o mesmo título que ese pequeno monstro do meu maxín ('Exipto e o Exterior'), eivos esmiuzar en anacos potábeis os oito momentos dos que me toca predicar.

10 comentários:

Anónimo disse...

Bo blogue!

Anónimo disse...

xa vou polo terceiro pseudónimo (despois do cabaleiro do pentáculo e do modesto handicapado da sociedade de consumo)... agora renazo en aristócrata seductor... por fin un que me acae de verdade...


chego dun longo paseo desde Montparnasse ata o meu refuxio en Père Lachaise... para descubrir que Amelia Pursey (http://www.youtube.com/watch?v=oqE2VZUbgRA), cantante dun dos meus grupos preferidos de sempre aínda que detesto a todos os que convertiron o seu look nunha parodia estética, exerce ademais o prosaico oficio de economista e que é chair da oficina de Fare Trade do goberno inglés...

vaites, se iso non é irónico, non sei xa que o será...

que case ninguén se molestase en recoñecer a un dos mellores poetas galegos en activo (http://bio-lencia.blogspot.com) tamén debe de ser bastante (irónico)...

desfruten dun bonito dimanche matin que en París é gris frío e transparente coa luz rara aquela das fotografías...

desfruta do pracer da flânerie, Zacharias, é o que nos queda...

my love is heavenly...

torredebabel disse...

pois non me importaría facer ese paseo por Compostela. Imaxino que nesta época do ano debe ser unha cidade brillante e amable e vostede pintou unhas fotografías moi moi atraintes.

Anónimo disse...

Coincido coa avelaíña na apreciación obxectivísima a respecto do blogue. E pensar que algúns aínda recomendan as aulas das facultades para adquirir "coñecementos" existindo universos de cultura como o presente. En fin...
Noraboa, trasalvés, amigo.

FraVernero disse...

Afágasme, amigo Fisterrán. Se o modesto oropel da miña casa resulta do teu gusto, é dabondo para arrincarme un sorriso. Canto á Universidade, creo que todos -tarde ou cedo- descubrimos que a única vía inclúe un grao nada pequeno (mostarda?) de auto-didactismo.

Avelaíña, aledo o mesmo que guste. A ver o que nos presenta a túa propia Casa Virtual.

Torre, agora que volveron as chuvias, a cidade está no seu punto clásico (incluso algo gastado e costumista; xa sabedes, 'a chuvia é arte, etc...'). Luciría mellor contigo paseándoa, Débora.

Vizconde, sempre é bo saber de ti. Xa che enviarei un rescripto rosa e imperial (turkish delight) polo correo virtual...

Anónimo disse...

O texto xeroglífico debe falar da 'revoluçao'. Todos os signos están orientados cara á esquerda (a non ser que nos invertira a imaxe: manipulación).

FraVernero disse...

Para xeroglíficos de esquerdas, Uncle Joe, proba con esta sopa de letras:

http://www.youtube.com/watch?v=DAqtyIs2VcI&feature=related

(a ver se aparece na xanela, que isto sempre se corta...)

Se é que o mundo se divide entre os seguidores de Hugo Boss e os forofos de Hugo Chávez...

Anónimo disse...

Pero... como é posible que alguén tan esquisito coma vostede se rebaixe a preparar unhas vulgares oposicións a secundaria? Como é que na Universidade non o reciben cos brazos abertos?

FraVernero disse...

Bon, señor verme: afágame o seu peloteo, mais o primeiro é vivir. Hai que conquistar os medios de subsistencia,e non hai nada de por sí infamante nas aulas de secundaria. Doutra banda, dubido que a Universidade reciba a ninguén con brazos abertos, e menos nas carreiras que escollín, que máis parecen autopistas cara o Abismo...

hehe

Anónimo disse...

Bueno, iso de corruptor de maiores é unha falacia e ti sábelo ben...