terça-feira, dezembro 04, 2007

Exipto e o Exterior

En vista de que ese Can pastor dos Pirineus en que metamorfoseou o Nadador (el-rei Sol gorentaba moito deles, e alcumaba ao seu 'Señor do abrigo de peles branco') anda a morderme nas coxas para que volte ao redil pasado de entradas histórico-mitolóxicas inaturábeis, voume deixar facer, e levar adiante o encargo de "8 momentos de humor negro na historia ou 8 momentos surrealistas da historia", anque penso que os vou repartir entre dúas entradas, para que deste xeito corran tan rápido coma eses outros cans que me resultan gratos estéticamente: os lebreis árabes, ou Salukis, de pranta tan nobre e elegante que xa adornaban os muros da tumba do rei Atef e as modernas tendas dos beduínos, que os exclúen do catálogo de animais impuros.

1) A Peste Negra é un fenómeno ben coñecido que afectou á Europa Medieval entre os anos 1347 e 1351, extendéndose como unha marea negra sobre o continente e segando as vidas de arredor dun tercio ou da metade da poboación europea da época. O causante de semellante xenocidio aínda é hoxe obxeto de discusión (as sospeitas tenderon a recaer na bacteria Yersinia Pestis, espallada polas ratas e os seus piollos). Dende aquela, e anque con menos forza, as epidemias de peste tornaron en mal recurrente, petando nas nosas portas ata o umbral mesmo da Modernidade (os frikis teatrais lembraredes, cecais, certa peste dezaoitesca, corsa e marsellesa que dá comezo aos delirios de Artaud en Le Théâtre et son Double).
O curioso neste fenómeno, alén dos danos inmediatos ou das formas evidentes e espectaculares en que afectou á cultura popular (Danse Macabre) está nas súas consecuencias a medio prazo, xa que segundo moitos historiadores, a enorme mortalidade acabou beneficiando aos campesiños occidentais (bon, a aqueles que sobreviviron, claro). Ante a falla de man de obra, a nobreza veríase obrigada a mellorar as condicións de vida e os contratos coa escasa poboación labrega. E á peste seguirílle a emancipación dos servos das obrigas feudais (iso sí, tamén estimulada por revoltas labregas, como a Jacquerie, ou a de Wat Tyler).

2) O Pacto Xermano-Soviético de 1939 causou no seu día non pouco escándalo, ao darlle carta de natureza a unha caligrafía aparentemente imposíbel: o pacto da estrema dereita coa estrema esquerda, por riba do cadavre de Polonia e os Países Bálticos. Alén das bágoas de crocodrilo das Democracias Occidentais (anque algunhas son tan paveras como esta caricatura. ‘O lixo da terra, non é?’ ‘O asasino sanguinario dos obreiros, verdade?’), o pacto provocou o embarazo incómodo dos militantes das dúas opcións, que viñan dándose de paus dende 1919, máis ou menos, e que reanudarían o seu negocio de balas a partir de 1941, cando os nazis romperon a baralla deste póker macabro e decidiron destruír ao inimigo ideolóxico par excellance. Non pouco do humor negro virá dos marxistas que, fieis á disciplina de partido, defenderon esta política na época (ben, alomenos tiveron máis dignidade niso, anque errados, que a social-democracia covarde de 1914...) e despois, co gallo de que ‘se gañaba tempo’ para armar á URSS contra o Feixismo.

3) Na mesma orde de cousas, hai unha xustiza poética na retirada do Alexandr Nevsky, dirixida por Serguei Eisenstein, do mercado soviético pouco despois da sinatura dese Pacto (a obra, que reconciliara ao director xudeu con Stalin e pola que recibira a Orde de Lenin, agasallaba ao espectador cun evidente paralelo entre os Nazis e os Cabaleiros Teutónicos) e o estreno da ópera ‘Die Walküre’, de Richard Wagner, no teatro Bolshoi o 21 de Novembro de 1940, tamén dirixida polo mesmo director. Os diplomáticos nazis queixábanse dos ‘trucos xudeos deliberados’ da montaxe, malia que a obra fose feita para facerlles a rosca e exibir a nova 'amizade' ruso-xermana. Esta peza daríalle o testigo de volta ao ‘Alexandr’ pouco menos dun ano despois...

4) Malia a terríbel devastación que causaron os Mongois nas terras que conquistaron (dende un xenocidio de millóns de chineses, no estremo Oriente, ata a destrucción irreparábel do Bagdad dos Abbasíes en 1258, cando o Tigris tornou vermello co sangue e negro coa tinta dos libros destruídos) tamén deron lugar, de xeito totalmente involuntario, a un Renacemento cultural que ía afectar a esas terras durante os séculos que lles viñan por diante. A tolerancia relixiosa e o desenrolo do libre comercio (bon, isto último en menor medida...) axudaron bastante ao renacer cultural, pero a clave radicou máis ben na interacción entre os dous polos estremos do enorme imperio, sinaladamente China e Irán, dando lugar a novos modelos e formas artísticas. Mentras que os mercaderes das terras persas axudaron a reorientar a producción da cerámica chinesa para o seu mercado iraní e ao espallamento dos manuscritos coloreados, tamén os modos cortesáns e as actividades de Pekin influíron positivamente nas dos soberanos Īl-Khānidas do Irán. Anos despois, ese túzaro salvaxe que foi Timur-Lang, visitado por un embaixador de el-rei de Castela (Ruy González de Clavijo deixaría un libro sobre as súas experiencias que aínda se conserva) veu a repetir a historia como traxicomedia, deixando moitas cidades e terras devastadas e un magnífico mausoleo baixo as espléndidas cúpulas de Samarcanda, ben cimentadas con sangue e adobe.

6 comentários:

Nébeda Piñeiro Barros disse...

estiveches na Habana? ódiote... :( eu quería...

que raro que non vexas a fotografía. éche ben bonita.


un bico grande.

FraVernero disse...

Bueno, non me odies por iso, muller. Seguro que atopas unha razón mellor, alén de que algún ano chegará que che vexa paseando polas rúas da capital de Cuba...

'que raro que non vexas a fotografía. éche ben bonita'

Entón compite contigo, anque non creo que che faga sombra.

Raposo disse...

Constato neste post a abundante presencia das ratas. Tanto a rattus rattus, como exemplares da outra especie, erecta e de dúas patas.
Ignoro cal delas é mais perigosa.

A Raíña Vermella disse...

Vaia, unha das respostas mais orixinais ao meme das oito cousas. Agardamos impacientes a segunda parte. Podo propoñer a herexía de Akhenaton como momento surrealista?

FraVernero disse...

Ah, raposo... eu persoalmente apostaría pola maldade das ratas de 2 patas, que non teñen a excusa do instinto para atormentar aos seus conxéneres, alén de ter medios maiores que os das outras ratas para a destrucción masiva...

Raíña, ta ben: aceptamos Akhenatón, non como animal acuático, senón como escenario surrealista da Historia...

cave canem disse...

Pois eu humildemente creo que de por sí a historia é absolutamente surrealista:os pailanciños pobos nómadas impoñéndose constantemente ás sofisticadas civilizacións correspondentes, os continentes que se che poñen no medio cando vas apurado para chegar a Cipango (poñamos, os indios que che morren e que sustitúes polos negros, os avances científicos para poñer ó servicio das carreiras armamentísticas ad hoc, os avións de pasaxeiros convertidos en bombas de precisión, poboación que morre de fame mentres outra o fai coa enchente... Non quero facerme pesado, pero vostede dirá, querido Fra (non mencionei a Inquisición para non ferir os seus principios relixiosos).