Leo demasiado, o cal está ben para moitas cousas, anque non (quizaves) para a miña vida social...
Fóronme chegando tamén os libros encargados. Varios xa están dixeridos e compartimentados nalgún curruncho da rede neuronal. Os que aínda se fan de rogar son 'Count Zero' e Persépolis (este ten excusa, xa que non o encargei ata polo menos o 26 de Decembro. Un mes é o tempo mínimo cando chos mandan dende o Imperio ou Nova Zelanda).
Gloriana repousa na estantería, a carón dos outros de Moorcock e perto de Mervyn Peake, autor ao que admira e ao que imita-homenaxea nesta obra (a Peake a ao mundo Isabelino, claro). Na portada gasta un debuxo atraínte da raíña Bess, un famoso retrato no que acariña un armiño. Non vos enganedes co oropel da imaxe: a edición é ben barata -75 céntimos de dólar, oferta!. Sospeito que languidecía nos húmidos e enormes corredores dalgunha nave industrial, almacén de torres papeleiras que farían as delicias e imaxe paradisíaca para moitas especies de insectos.
Ravensbruck xa tiven tempo de lelo (como viña de Inglaterra, chegou en tempo récord de 5 días; os mesmos que lle levou a un encargo de última hora que engadín o 2 de Xaneiro, e que xa chegou e foi lido: Wyrd Sisters, de Terry Pratchett). Estremecedor e detallado, comparte espazo no estante coa desventuras dun tal Prisciliano no pesadelo de Mauthausen. Eivos meter algún fragmento de calquera dos dous un día destes. Pratchett tamén estivo ben, anque me gorentan máis os libros que adica aos Magos que os das Bruxas...
O do Hipertexto, pola contra, xa o devolvín á facultade, polo que non vos podo agasallar un anaco. Anque estando na sección de frecuentes, debe ser bastante popular e accesíbel de todas maneiras. Tamén me gustou moito, anque noutro orde da palabra gusto: é deses libros cos que me atopo discutindo en alto con el mentres o estou a ler, ao tempo que a discusión me leva a aporrear a mesa cunha man marmurando 'Ximnosofista!! Razón Ilustrada, Razón Ilustrada!!'. Sir Gawain, que foi un equivalente destes libros feitos carne, pódevos dar descripcións algo máis detalladas destas tertulias que acontecían no noso piso Compostelán.
Moito librocentrismo. Se queredes algunha reseña detallada dalgúns dos libros, podo esquivar a miña eterna preguiza e facelo. Mais en caso de que vos empachase a tinta virtual de tanto texto, podedes guindar (tamén virtual e metafóricamente) a presada deles a esta fogueira, tirada do cadro de Berruguete no que Santo Domingo discute cos Cátaros...
4 comentários:
Eu estou dando unha volta -outra- pola "Historia do corpo" dirixido pola tríada Corbin, Courtine e Vigarello.
Pois eu animaríate con Count Zero, a min entretívome bastante.
Xa me parecía que tiñas que gostar do Gibson tras ler a túa Historia Electrica.
Un saúdo.
Pois eu rematei hoxe de releer "Erros e Tánatos" de Gonzalo Navaza. Agradable, ameno e divertido libro, aínda que teño que subliñar certas incongruencias nun dos relatos.
Saúdos e boas lecturas.
C'est bien, sul...
Pastor, eu animar anímome, mais é el o que non se dá animado... en chegar alomenos. Nunca me tardara tanto un libro. Encargueino o 5 de Novembro; en Nadal, tras case dous meses, envíolle un correo a amazon, e estes dinme que quizaves se perdeu, e que me mandan un novo exemplar por correo urxente para que chegue o 9... Se para a semana non chega, supoño que terei que escribir de novo...
Xa viche/veríade que non me puiden pasar polo blogo-ficada. Parece que as teño gafes. Nesta ocasión houbo defunción na familia. A ver se, de todas todas, quedamos a próxima...
Enviar um comentário