sexta-feira, abril 25, 2008

Riscos e Outeiros: Añón

A semana pasada tivemos na Serra de Outes unhas xornadas (as segundas) adicadas a Francisco Añón, e organizadas pola Asociación cívico-cultural 'Terra de Outes' , acubillo de mandaríns e aspirantes na que estou inserido. Entre as distintas conferencias do programa, unha que motivara a miña sorpresa foi aquela na que aparecía eu mesmo coma ponente, sob o título ' O Humor en Francisco Añón', tema no que nen moito menos me consideraba un experto, mais que coa axuda dunha pequena torre de libros, notas, conferencias manuscritas e a inestimábel axuda de Ramón, rematou cunha charla (adiantada, amais, en 3 días por enfermidade dunha das persoas) na que salvei os mobles con bastante dignidade -ao cal non é alleo, coma sospeito, certo aplomo retórico e rodamento que axuda a transmitir a imaxe de que en realidade sabes moito máis do que dis-.
Canto ás demais paroladas, en xeral estiveron bastante ben, anque co problema inevitábel (escaseza de fontes) de tornarse por veces un tanto repetitivas no material que ían glosando. Podemos destacar a de Ramón Blanco, sobre as edicións da obra do poeta de Outes, ou a de Gonzalo Navaza, que leva anos preparando e sen sacar un monumental estudo literario da poesía de Añón que imaxinamos verá a luz algo ano próximo...
O mal tempo impediu, o derradeiro dos días, levar a cabo un roteiro 'polas terras de Añón'. Mais xa que non escalamos riscos e outeiros, permítome colar aquí un Risco (Vicente) e un O(u)te(i)ro (Pedrayo) describindo levemente á lira quebrada e outense do Pre-Rexurdimento...


"A fronte despexada, moi ancha, da que vai recuando o cabelo, que semella levado pra tras por un vento de treboada -o vento de que foi xoguete a vida do gran romántico, do gran viaxeiro, que foi un piuco com' as follas secas que cantou Castor Elices, ánimo incerto, que loita desespradamente co-a sorte, que é o vento qu' axita ises cabelos, botados pra tras, co ise peiteado que n-aquil tempo chamban à la Robespierre, en consonancia co-as ideas do autor do Himno dos povos, o cual amostra tamén un bigore castelarino, com' as sobrecellas... Añón tiña un dermatoesquelete repubricán..."
Vicente Risco

"Paralelamente ô verso bárdico 'Os tempos son chegados' dixo Añón: 'O tempo s' apresura -Querida patrea, escoita -Ise xemido rouco que racha o aire ván'. Chegaba unha realidade pol-o entón, redentora. Añón no seu cerne vate da Terra cantou o progreso. Viña pra esparexar a morna priguiza anterga. Inda deitaban por riba do verdecer dos liños, sombras abafantes de estreituras noxentas".
Ramón Otero Pedrayo

5 comentários:

Nébeda Piñeiro Barros disse...

é que unha tanto ten temporadas "creativas" coma outras nas que non se lle ocorre nada que pór no blog. sonche así ;)

Moitos bicos.

O pastor eléctrico disse...

Volviches! Levaba un tempo fóra da rede, cousas do mundo físico que non me deixa tempo para outras cousas. Como a tod@s supoño.
Mandeiche un mail polo das animacións da Historias, agardo que che sirva.
Saúdos.

FraVernero disse...

Grazas, Pastor. Temo que o choio vaia a ser demasiado complexo para mín, anque se teño tempo, eino intentar. O primeiro é facer o meu primeiro power-point, tamén para esta ponencia. Agardo que non quede moi mal (non pode ser tan difícil cando tanta xente o emprega...).

Iria disse...

Un beixo Manolito.

Anónimo disse...

Lástima non ter coñececemento das xornadas en homenaxe a Añón. Asistiría encantado, tanto pola grandeza do poeta como polos bos amigos que teño por esas terras para min tan amadas. Apertas, irmán.
Modesto Fraga