quarta-feira, maio 14, 2008

A Comuna Montclair e a Hidra de 298 cabezas

Na macedonia de froitas que cociñara antes de marchar xa vos poñía sobre aviso das temíbeis condicións que agardaba topar no Hostel Montclair (alias 'Comuna Dzherzhinsky'). O longuísimo día primeiro de Maio foi un lento transfegar de nervios, premonicións e suores fríos, xogando a Casandra ou Sibila de Cumas na compaña dunha das ponentes; A xeografía de avións lixeiramente destartalados e claustrofóbicos (é o que teñen as aerolíneas baratas, amigos) e de aeroportos surrealistas -Cristal resplandecente, shopping mall no de Barcelona, estraños tubos e pasadizos sci-fi no Charles de Gaulle) eran telón de fondo para a conversa tráxica que xiraba obsesivamente arredor do Hotel, no que xa sabíamos que me tocara unha habitación de 4, con descoñecidos nomes hispanos na maioría, e a ela unha de 6 (!?), con nomes italianos (dende cando os italianos estaban apuntados ao congreso?). Imaxinábamos o peor, e cando nos topamos coa realidade, esta amosou ser un chisco mellor ca iso. Anque non moito, non vos creades...
Por exemplo: o feito de que houbera cuartos de baño nas 'habitacións' (sic...) era moi de agradecer, cando na primeira impresión pensamos que non era así. Certo é, nembargantes, que se trataba duns baños minúsculos, para 4 (ou 6), nos que a auga da ducha saía a presión, fría, carcelaria e inesquivábel, e apagaba despois de exactamente 16 segundos tras premer o botón (chegou a converterse nun exercicio de malabares o contar os segundos e premer o botón novamente no momento exacto).
Tamén tivemos a enorme sorte de que nos tocara en primeiros pisos. Rubir ata o sexto piso pola estreitísima escaleira/navalla de afeitar coma tiveron que facer os estonios é algo que non lle envexo a ninguén. E no caso deles, creo que non tiñan baño no cuarto, e unha soa chave para os tres habitantes da súa comuna...
Tocaría agora asaltar a cova de pedra húmida, abaixo de todo, onde nos daban un peculiar almorzo, e que servía de acubillo para unha familia de ratos cuxo patriarca foi avistado para terror das alemanas (eu propoñía alcumalo 'St. Denis', en homenaxe á universidade á que íamos falar e ao noso rei Cantigueiro; alén, plantexaba a utilidade de entrenalo para que premese as teclas dos nosos powerpoints. E iso sí que sería un verdadeiro 'rato' para o computador...). Mais xa escribín de máis. Sobre o almorzo e a Hidra (que como imaxinaríades, é o Metro de París) falamos noutra xornada...

6 comentários:

Anónimo disse...

moi boas! espero que tiveses unha boa viaxe de volta. saudos dende bangor (david)

FraVernero disse...

Boas, David! Qué bo verche por eiquí!

A distancia entre nós, tan estreita estes días (e non me refiro só á afectiva, xa que durmías na litera de enriba...) hase manter, agardo, dende ese pequeno Bangor no que lectoreas ate a Serra de Outes. A ver cando che vemos/escoitamos de novo!

Anónimo disse...

Aínda así e todo, non estivo mal a nosa experiencia... Agora toca a cruda realidade...volta ao traballo, á chuvia... buuufff!!(firma: a da habitación de 6, con italianas monta chiringuitos...jajaja)

Bikiños

FraVernero disse...

Ah, sí, os chiringuitos...

Parte da reapropiación do territorio, muller. Non esperarías das napolitanas menos que a montaxe dunha pequena Nápoles, con tendais, máscaras da commedia dell' arte e maqueta do Castel'Nuevo incluída. Ti facías de quartiere spagnolo...

Anónimo disse...

Rapaces, non sabía eu que eramos todos tan curiosos!! Ai, o Montclair, que recordos (iso que eu só fiquei alí catro días na soidade e na frialdade da miña chambra)!!! E señor Fravenerno, déixeme dicirlle, de novo, que é vostede un prezado internacionalista social. Gocei moito con voçê e cos demais, raposo! Un bico ghrande.

FraVernero disse...

Afágame vostede, ex-blogueira! Doutra banda, alédame topar de novo reconstruída a nosa comunidade galaico-parisién nestas ondas virtuais (que non é o mesmo, pero aseméllase). Só engadir que me aledo sobremaneira que non tiveras que sufrir moito máis tempo as torturas da maison Montclair... hehehe