Dende logo, palabras como esa naceron para describir o edificio principal da Universidade de París 8 (Vincennes-St. Denis), e iso que un, dende a súa inxenuidade provinciana e periférica, pensara telo visto todo no que se refire a facultades atroces. A entrada no edificio non tiña perda: ficaba xusto enfrente da parada do metro. O problema, nembargantes, non era entrar, senón saír, xa que o labirinto interior desnortaba cunha grande facilidade...
Unha vez no interior da balea de cemento, o primeiro espazo que topabas era un engadido posterior, algo menos feeiro que o resto do edificio, con escaleiras mecánicas de subida, unha biblioteca e un longo pasadizo que che levaba ate a vella facultade. Esta era unha especie de patio interior cuadrangular, con escaleiras rubintes en tódolos currunchos cara quen sabe onde, unha descendente cara espazos sen saída (e o que despois descubriríamos que era o comedor universitario), unha pequena e cutre cafetería xusto no alto, e unha sospeitosa sala con tubos de neón (aínda agora discutimos os seus posíbeis usos, xa sexa 'picadero' oficial, bar ou o laboratorio dalgún inventor tolo...). Seguindo o camiño de cartaces (non baldosas) amarelos, tiñamos que tomar polo pasadizo de fronte, e virar á dereita nunha escalinata que viña precedida por unha fonte 'morisca' (???) chantada no chan, sen utilidade aparente (práctica ou estética) mais de certo uso no mapear destas escaleiras parisinas de Escher. Á dereita e á esquerda atopábamos toda unha galería de portas de latón/aluminio suxo e reflectante e algún que outro televisor abandonado antes de chegarmos á planta darriba, onde (sala 251) tiña lugar o Congreso. Eiquí a xeografía tornábanse un chisco máis humana, co cemento das paredes pintado, un balcón amplo e (despois de moito buscar, que non deron aparecido rápido) algún que outro cuarto de baño, a sala do café (que sistemáticamente remataba cando eu entraba nela, independentemente do momento que escollera para facelo) e unha aula de informática.
Con todo, o espazo préstase algo para os mitómanos, xa que os seguidores do Maio Francés, aquela algaradiña estudantil de fai 40 anos da que non me acordei por eses días (o exabrupto da adicatoria espontánea da miña charla foi para a Comuna de París, que tamén cumpría aniversario en números menos vístosos -137 anos- polas mesmas datas), gustarán de lembrar que a Universidade de Vincennes naceu estreitamente vencellada á frustrada revolución. Rápido tornou acubillo dos estudantes e dos profesores máis radicais, sobretodo no departamento de Filosofía (debía ser unha imaxe pavera a de Foucault e os alumnos guindándolle pedras á policía dende dentro da Facultade); os estudantes recomendábanlle os cursos aos mestres -na maior parte dos caso, con temas de materialismo, dialéctico ou non, e un forte tufo maoísta-, entre os cales descolaban o Foucault xa mencionado, Deleuze, Guattari e a filla de Lacan, Judith Miller -pouco tempo despois despedida e reducida a profesora de liceu polas súas 'actuacións'-. Mais todo isto acounteu noutro lugar, creo: nos 80 a universidade 'relocalizouse' en Saint-Denis, e agora limítase a ser a parte 'Disneylandia' do seu balieue (xunto coa basílica e o concello nos arredores; paseando por eses espazos e vendo as casiñas burguesas e axardinadas, custa lembrar que un está no escenario das máis famosas queimas de coches e motíns urbáns que encabezaban as novas o ano pasado).
Esta foi a pequena tribuna na que pontificamos os días pasados de comezos-mediados de Maio. Mais posto o telón de fondo do edificio, sobre as charlas na aula 251 falaremos noutra ocasión...
Esta foi a pequena tribuna na que pontificamos os días pasados de comezos-mediados de Maio. Mais posto o telón de fondo do edificio, sobre as charlas na aula 251 falaremos noutra ocasión...
4 comentários:
Conseguiches que me lembrara do desacougo do Proceso (e un pouco de El Castillo, que non me gustou nen a metade) coa descripción deste sitio infernal. Por que a xente se empeña en facer cousas feas (incluíndo edificios e roupa, por exemplo)?
Pois non che sei o que agocha esa propensión universal cara o feísmo, Raíña. Neste caso, está amais a obliteración do espazo rebelde (segundo nos dixo unha das profesoras, alumna na época do Maio, a anterior facultade rebelde foi destruída totalmente cando mudou de espazo...).
Vaia... sorpréndeme o divorcio no tema do 'Castelo'. Quizaves porque o lín antes, ou porque gustei moito do seu formato 'inacabado' (anque iso non fose buscado), eu disfrutei bastante máis da lectura do 'Schloss' -case diría que foi a lectura máis pracenteira da miña vida-, anque o 'Proceso' tamén o topei moi bo (a ver se boto a gadoupa sobre a versión de Orson Welles).
Grazas. Grazas por me proporcionar outro punto de referencia do feísmo das facultades. Coidaba que non podía haber nada peor que as estruturas grises, frías e mal-acabadas da Facultade de Matemáticas da USC; o aspecto de "caixa de galletas soviética" da Facultade de Maxisterio ou o -doente- campus das Lagoas de Marcosende.
Aínda así, a túa viaxe sábeme a aventura. Gosto das vivencias en espazos feos. Son as mellores. Imaxina que vivencias haberá na sala de neóns...
Un apreixo.
Moncho Pais
Grazas, Moncho!
Máis radical ca Vincennes era, con todo, Nanterre. Non sei se igualmente é/foi radical no seu feísmo...
Enviar um comentário