segunda-feira, dezembro 14, 2009

Dante nella Domenica

Un dos praceres favoritos do mantedor para as mañás de domingo é o de ler unha cántica da Divina Commedia dantesca. Partindo da edición italiana e inzada de notas de Mondadori (commento di Anna Maria Chiavacci Leonardi), dou comezo a un close reading que inclúe a lectura pausada do orixinal e das notas, o cotexo cunha versión española e a relectura final e sen pausa do canto de novo na lingua orixinal. O proceso leva aproximadamente unhas tres horas.

Anque para outros periodos seguramente me vería nunha tónica disonante con Harold Bloom, concordo plenamente con el en que o Alíxero é sen dúbidas o mellor escritor medieval que existe. E non só pola calidade dos seus textos, senón porque a súa obra encapsula e exemplifica mellor que calquera outra case tódalas características distintivas da escrita 'medieval': termos como alegoría, exempla, fusión clásica/cristiá encarnan de xeito plástico e ilustrativo nas súas tercinas.

Dende que teño uso de razón (non moita) debo confesar un fascinio absoluto co modo de pensar medieval, que non son quen de explicarme, mais que segue aí. A sección de retábulos góticos e románicos dun museo xamais me cansa, e ata o texto menos amábel é quen de arrastrarme e de entreterme. Acéptanse interpretacións psicoanalíticas do caso (anque teño a mesma fé no doutor Freud ou en Jacques Lacan que na transubtanciación, e a teoloxía entretenme máis).

Todo o cal conclúe nunha serie de entradas que penso facer sobre o pensamento medieval e os exemplos dantescos. A primeira entrada servirá para reflexionar sobre o concepto mesmo de 'Medioevo', non pouco criticado incluso polos especialistas nesa materia...

4 comentários:

Anónimo disse...

Vaia, vexo que a conversa do outro día sobre Don Juan de Mena e os Cancioneiros galego-portugueses che fixo entrar no labirinto da fortuna.

FraVernero disse...

Eu sempre estou atrapado nese labirinto... hahahaha

Leopold Bloom disse...

Vaites, casualmente estoy degustando el libro de Auerbach Dante, poeta de mundo terrenal. Mena es el mejor poeta del XV español ( si quieren salvando a MAnrique), tal vez murió de forma relativamente prematura, " de rabioso dolor de costado", creo recordar...

FraVernero disse...

A ver se renovas a túa bitácora, Leopold...

E a Leonardi das notas é Leonardi auténtica, de pata negra... ti xa me entendes... hahahaha

Ben sabes do noso frikismo compartido polo medioevo castelán. O que aínda non ollei foi 'Cárcel de Amor', de Diego de San Pedro, do que agardo o teu donoso escrutinio (Bloom colábao na súa lista canónica).