quarta-feira, dezembro 23, 2009

O libro dixital - A Modest Proposal

Pois seguimos ás voltas co tema, e non só pola pesadez recurrente do Mantendor de Trasalba; outras bitácoras, como a do amigo Mario, seguen a reflexionar, e moi ben, arredor do tema. Engado un pequeno feixe de notas arredor da venta futura dos libros dixitais, coa advertencia previa de que non son libreiro nen editor (seguramente eles terían cousas que engadir ou explicacións que pasar) e que a profecía é labor ingrata e pouco exitosa: carezo das mamelas de Tiresias e non gosto do Oitavo Círculo, bolgia número 4, onde teña que pasar a eternidade coa cabeza revirada...

Xa se falou das ventaxas e inconvintes dos e-books actuais, cun saldo certamente negativo, ao meu entender. Un dos xeitos de resolver o déficit paréceme que podería vir dado polas formas e tempos de edición. Vexamos...

Os editores protestan, cando se insiste no alto prezo dos e-books, que o seu marxe de manobra real é estreito. Querse dicir, se suprimimos os gastos inmediatos que suprime o formato electrónico (almacenaxe, que non é cousa pequena; papel e materiais; parte dos intermediarios) poderíase chegar a unha reducción non maior do 25% do custe final (si, a min tamén me resulta escasamente críbel, pero a efectos do debate, aceptemos que isto é así). E uns prezos do 75% do libro físico para unha presada de bits doadamente pirateábeis resultan inaceptábeis para o consumidor actual (máxime tendo en conta as limitacións de dereitos nas obras -licencias DRM- e o ter que mercar uns e-readers ben caros e cun alto porcentaxe de obsolescencia tecnolóxica en poucos anos).

O problema é que os editores plantexan a situación coma se fosen a preparar e a sacar libros só en formato electrónico. Unha lóxica máis racional sería a de considerar o e-book coma 1) o último eslabón da cadea formada pola saída inicial dun libro en formato caro (hardcover), seguida do paperback despois dun tempo e (o engadido que podemos facer agora) do e-book despois doutro prazo a maiores; e 2) unha fonte permanente de ingresos ata que a editorial deixe de existir, sen necesidade de recorrer a gastos a maiores de reimpresión e similares.

Cando saiu o formato paperback dos libros, moitos editores temían que a tal saída ía provocar a debacle e a fin dos libros máis careiros que venden. Nada máis falso: o mercador de maior capital segue accedendo directamente ao libro máis costoso tan pronto sae, e o mercador modesto (que en moitos casos nunca tería mercado o libro caro; non se trata só dos tacañóns) pilla máis adiante o volume de peto. O seguinte engadido lóxico sería un e-book moi barato (por forza máis que o paperback - nunca sobrepasando os 5 dólares/3 euros) que sairía moito máis tarde, e que non ameazaría as ventas dos anteriores. Alén, os custes de maquetación, escolla, promoción, etc... virían xa cubertos coa primeira das edicións, transferíndose ás posteriores. E un podería aceptar as 'limitacións serias' do formato (non impresión, non préstamo, etc...) dados os prezos e as alternativas.

Doutra banda, o consumidor de libros non ultrarecentes e/ou mainstream (díganmo a min, que ando estes días á caza de traduccións careiras dos clásicos xaponeses en tendas virtuais de segunda man) sabe que despois dun prazo limitado, xa non ten acceso a libros publicados por unha casa editorial. 10 anos significan quase-imposibilidade. É unha perda dos dous lados: os editores deixan de vender (e non farán reedicións ata ter garantías amplas de que van ten moitas ventas inmediatas), e os mercadores, de mercar. Os dous problemas resólvense coa descarga dixital permanente e a longo prazo, con ingresos pequenos mais sumativos e temporalmente alongábeis ata un futuro moi lonxano.

Tal é o que estiven a cavilar. De todos xeitos, son escéptico, mais xa veremos o que sae. Agradécense comentarios, críticas e ameazas de morte...

5 comentários:

Mario disse...

Eu tamén notei nos últimos anos (vén de vellos, por certo) a dificuldade de conseguir determinados libros e creo que niso a difusión dixital vai axudar moito (xa está axudando, de feito, aínda que ilegalmente). En canto á marxe de beneficios... estou seguro de que eliminar intermediarios sempre é un bo método para aumentalos. É dicir, no libro dixital non ten moito sentido que non exista unha plataforma galega propia que garanta que os cartos quedan aquí. Ademais, cun acordo editorial, sería relativamente barata de manter e até se podería dar protagonismo nela aos libreiros.

O que falei informalmente con algúns libreiros asentou un pouco a miña visión do tema. As librerías venden libro físico (con variante como a impresión á carta que vén e outras) e van seguir a vendelo. Eu vou agasallar libros no Nadal e non vai ser emprestando o meu lapiz de memoria, é dicir, segue habendo negocio. As únicas que se van ver moi afectadas son as especializadas en libro técnico (vai ser moi difícil volver vender eses manuais de medicina ou arquitectura de 600 euros, por exemplo), pero creo que é un sacrificio ao que o negocio do libro pode sobrevivir se quere e se amolda aos tempos.

Por certo, non se se viches a anotación de Afogando no Sarela, pero como sigan por esa liña vexo o negocio bastante mal.

Anónimo disse...

Manolo e Mario: bravo. Sodes brillantes. Quen lle dera a moitos editores a vosa lucidez!!
Ramón

FraVernero disse...

Lin o que comenta o afogador no Sarela, si. O problema a maiores no seu caso é que os e-books con DRM están feitos para seren lidos nun e-reader, producto que aínda está moi lonxe de tornarse habitual polos nosos lares; ler unha novela de 200-300 páxinas nunha pantalla normal de computador é (digoo por experiencia propia) un tormento para a vista e a paciencia.

O do formato aberto véxoo moi difícil, porque os editores teñen terror á piratería. De todos xeitos, reafírmome en que o DRM e o adobe pechado poden ser tolerábeis (alomenos para min) cando a) os e-readers sexan habituais e baratos, e b) os prezos sexan o suficientemente baixos para compensar a merma de dereitos e a evanescencia do formato dixital.

Leopold Bloom disse...

Vaites, vaites unha das novidades que me trouxo o meu retorno as terras galaicas ( como din en Burgos) foi o suplemento dominical do ABC. No sabía que escribías nos periódicos monárquicos (sic). Sabes que sempre fun un defensor do cultural do ABC ante algún trosko metamorfoseado, agora polanquista...

FraVernero disse...

Hahahahaha...

Pois xa ves, caro Leopold. A vida é dura, e os artigos no suplemento axúdanme a pagar o meu capricho de libros xaponeses... :P

Ven volto ao país. Supoño que estarás nadaleando por Ourense. Felices festas, e a ver se nos vemos algún día!! Por Compos antes da fin das vacacións sería doado...