As vacacións de Nadal non soen prolongarse máis alá das dúas semanas; porén, un sempre ten a falsa sensación, e planifica unha cantidade imposíbel de lecturas e traballo para o tempo en cuestión. Antigamente, cando estudaba, esta planificación non era tan absurda, xa que era que de adicar oito horas diarias (ou máis!) á lectura.
No Nadal do 2008 plantexábame a lectura de
nove libros, e bastante grosos ademais. En xeral penso que aquel esforzo veuse coroado polo éxito, pero tamén se me plantexa outra incógnita, que é unha das razón tamén polas que agora levo unha listaxe das miñas lecturas mensuais: en qué medida os libros que leo acaban deixando pegada en mín? Qué lembro da súa lectura anos despois de tela realizado? Fagamos, pois, un percorrido por esta enéada de papel impreso:
Fiction 2000, Cyberpunk and the future of Narrative de George Slusser and Tom Shippey: é un dos que conseguín completar nas vacacións. Lembro a súa portada (un Frankenstein pixelado) e moi pouco dos seus contidos, que eran unha colectánea de reflexións académicas sobre o xénero literario cyberpunk. Non son consciente de ningunha influencia reseñábel del no meu pensamento, agás da medida en que contribúa aos humus compartido das miñas ideas sobre o xénero.
Cyberspace, cyberbodies, cyberpunk de Mike Featherstone e Roger Burrows: non me lembro de nada; penso que sí o lín, e que había de afondar en cuestións de corpos híbridos e outras teimas posmodernas que me chistan pouco.
Cyberspace, first steps de Michael Benedikt: lido; anque se trataba dun dos 'clásicos' e primeiros estudos teóricos do ciberespazo, o máis que lembro é que fora unha lectura tremendamente aburrida, con moitos dos seus artigos enfocados a cuestións técnicas de programación.
The Virtual Community de Howard Rheingold: éste era un libro en plan 'abuelo cebolleta' en que o seu autor, que fora un dos primeiros en ocuparse das comunidades virtuais, contaba as súas experiencias. Lido, e dos que levamos falado é do que máis me lembro -estaba bastante ben escrito e era moi lexíbel. Entre as cousas das que falaba estaban os MUDs, cousas ben retro nas que o mantedor ten gastado tempo considerábel.
Prosthetic Territories, Politics and Hypertechnologies de Gabriel Brahm Jr. e Mark Driscoll: o mesmo que da colectánea de Featherstone; penso que o lín, pero non lembro nada, e a día de hoxe, o seu discurso encol da corporeidade posmoderna habíame chistar moi pouco ou nada.
How we became Posthuman de N. Katherine Hayles: deste xa non estou seguro de que o lese, e tampouco lembro nada.
La vida en la pantalla de Sherry Turkle: Lido, penso; o mesmo que dicía sobre o anterior.
Escenarios del caos de Anxo Abuín: Lido; lembro bastantes cousas, anque era un libro moi episódico, con pequenos capítulos de 2-3 páxinas sobre temas/teimas diversas; porén, parte da razón de que a memoria funcione con este é que as aulas de Anxo tocaban moitos destes paus (cousas de Laurie Anderson, de performance, de literatura electrónica e aleatoria, etc...).
Sexual Dissidence de Jonathan Dollimore: deste lembro ben que non tiven tempo a miralo.
Como vedes, 'Leí mucho, no recuerdo nada', coma dicía Panero. Anque parte da culpa tena o feito de que eran lecturas 'mercenarias' e académicas para o máster, empatizando moi pouco cos meus intereses e curiosidades máis sentidas.