segunda-feira, junho 20, 2005

¿O Afundimento?

Tus casos fallaçes, Fortuna, cantamos,
estados de gentes que giras e trocas;
tus grandes discordias, tus firmezas pocas,
y los que en tu rueda quexosos fallamos.


Juan de Mena, 'Laberinto de Fortuna'


Fai uns meses estreábase na carteleira galega a película 'O Afundimento', de Oliver Hirschbiegel (máis coñecido nos nosos lares pola teleserie 'Rex -un policía diferente'). Nela visualizábanse (con bastante rigor histórico) os últimos días do Terceiro Reich: Berlín asediado, Hitler e os seus lacaios na surrealista atmósfera do Führerbunker, movendo divisións inexistentes e evadíndose da realidade con moitas doses de licor. O sangue e as balas correndo. E o dictador, fantoche de opereta, soñando cun Götterdämmerung wagneriano. Canto aos alemáns, as súas vidas non importaban ren; xa o dicía Goebbels: "Que non se equivoquen. Foron eles os que nos elixiron. E agora cortaranlle o pescozo a eles".
A película inspírase no libro do historiador alemán Joachim Fest "El hundimiento: Hitler y el final del Tercer Reich", libro extremadamente ameno que vos recomendo. Véxome un venres calquera (xa farán seis meses diso) camiño da facultade. De súpeto púxose a chover e, resgardado nun portal, non fun quen de resistirme á súa lectura adictiva: saqueino do peto e estiven ata que escampou percorrendo outros escenarios de chuvia: as colinas enlamadas de Seelow, as rúas destrozadas da capital do Reich por onde avanzaban os tanques e a infantería rusas, acabando coa Nova Cartago.
Todo isto ven ao caso a teor doutro afundimento que tivemos onte a oportunidade de comtemplar. Mais non foi, como desexaríamos, o do Fragasaurio e as súas hostes (aínda á espera de que o voto emigrante dictamine se conta ou non coa maioría absoluta), senón a do nacionalismo galego, cun retroceso histórico ata resultados do ano 91.
(como dicía Marx, a historia repítese primeiro como traxedia, e despois como farsa).
¿En cal das dúas estamos?
Vendo as caras impasibles (cemento armado) dos bloqueiros que se situaban onte detrás de Quintana, un imaxina as máscaras da Traxedia Grega. O sorriso sardónico do alaricano, en cambio, tira cara o music-hall, vodevil, opereta e teatro de variedades. O seu discurso tamén era cómico (e repetía a mesma frase catro ou cinco veces. Debía ter outro discurso preparado nos puños da camisa, mais como o Charlot de 'Tempos Modernos', saiulle escopetado na danza triunfal -ou macabra-).
Unha comparanza con Hitler é odiosa, mais resulta traxicómica a imaxe de Quin contemplando un panorama desolado e refuxiándose no Führerbunker de Allariz. Igual que os xerarcas nazis, dubido que os bloqueiros saiban facer autocrítica e analizar (e reformar) os problemas da realidade que se levan lastrando dende fai uns anos, e que marcan unha deriva descendente para o nacionalismo.
Doutra banda, e xa acostumados como estamos ás derrotas, botase en falta a presencia dun Beiras caro á inteligentsia soltándonos un discurso trufado de citas de Sartre. Alomenos facía que non sentísemos mellor (os bos e xenerosos, xa se sabe).
Veremos o que se fai dende a Xunta...

2 comentários:

Nygardsvej disse...

Foi unha decepción mais as comparacións son ben odiosas neste caso.

Sería longo de argumentar aquí mais o BNG só recolleu os froitos dun profundo alonxamento da sociedade galega que se leva producindo nos últimos anos. Sen embargo hai indicios de que algo pode cambiar. A campaña realizada, sendo só unha campaña, é máis indicativa do que parece respecto ao futuro BNG (desexado non por todos).

Beiras é un artista, un home pertencente ao mundo da creación cultural... Pero é tamén responsábel dese alonxamento que nomeei arriba. E non é o que o BNG nin o que o país necesita neste tempo histórico.

seneschalkay disse...

Boas, Nygardsvej, e benvido a estes lares:
o caso é que esta entrada foi escrita, como se pode ver pola data, no remol dunhas eleccións que, naqueles momentos, daban moi pouco que celebrar. Fraga podía revalidar a maioría, e o PSOE varrera ao nacionalismo. O feito de que o peor puidese ser evitado non elimina o obvio: o nacionalismo experimentou un retroceso e está perante unha situación delicada. E eu, como nacionalista de esquerdas, non podo menos que botarme as mans á cabeza, e agardar (anque son pesimista) que se empecen facer cousas no bo camiño.
E temo as excusas. Excusas que é doado ler polos foros de vieiros: que se Beiras, que se conxuntura difícil e bipolarizada, que se control dos medios polo españolismo... E non me valen. Certo que o Bloque subiu moito tempo cos votos 'emprestados' duns socialistas queimados co felipismo serodio e o cainismo local do PSdG. Mais o nacionalismo, con 13 diputados, debe porse as pilas e facer autocrítica. E certamente, conectar coa sociedade. Escoito moito aos bloqueiros louvar a campaña electoral do Quintana, pero eu non vexo nada que loubar. ¡13 diputados! E o peor é que ese non é o chan do Bloque...
Veremos se dende o poder, o Bloque é quen de chegarlle a sociedade. Mais non basta con mandala: tamén se ten que abrir a ela, e exorcizar certo espírito sectario que aniña en sectores do BNG.
Insisto en que veremos...